A Xunta remitirá o luns unha proposta de convenio ao Concello para que asuma o mantemento de Eiras

Xustifica o canon de regulación polas obras de mantemento realizadas por Augas de Galicia

Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta en Vigo, nunha rolda de prensa / EP

A Xunta de Galicia remitirá o luns unha proposta de convenio ao Concello de Vigo para que a administración municipal asuma o mantemento e xestión da presa de Eiras, de xeito que non sexa necesario pagar o canon de regulación a Augas de Galicia.

Asi o anunciou o delegado territorial do Goberno galego, Ignacio López-Chaves, que sinalou que a Xunta xa propuxera “verbalmente” esa posibilidade ao Concello, pero “ata agora non houbera resposta”. O delegado da Xunta explicou que o canon que Augas de Galicia reclama ao Concello (e que o goberno de Abel Caballero se nega a pagar, alegando que a xestión da presa de Eiras é levada a cabo pola concesionaria municipal) é a “repercusión” dos gastos nos que incorre Augas de Galicia para manter en boas condicións o encoro.

López-Chaves relatou algunhas das invesións realizadas polo ente autonómico en Eiras, como melloras de automatización, substitución de válvulas, actuacións de seguridade e mantemento, vixilancia e control de calidade do auga, substitución do sumidoiro do fondo da presa, etc.

Todas estas actuacións levan a Augas de Galicia a reclamar máis de tres millóns de euros (as taxas acumuladas dende 2014, momento no que se comezou a aplicar o canon de regulación na conca Galicia-Costa). “Se non queren pagar o canon, que firmen o convenio”, concluiu o delegado da Xunta.

DÉBEDA DE MÁIS DE TRES MILLÓNS DE EUROS

Así desmentiu que sexa a concesionaria Aqualia a que faga esas labores de mantemento y, de feito, precisou que “se se funde unha bombilla, Aqualia chama a Augas de Galicia para que a cambie”. A ese respecto, o delegado apuntou que a concesionaria encargaríase da captación e a conducción para a traída, que si é competencia municipal.

Finalmente, Ignacio López-Chaves subliñou que xa algúns concellos galegos firmaron convenios coa Xunta para asumir a xestión dos seus encoros. como A Coruña ou Ferrol; mentres que outros optaron por pagar o canon.

O CONCELLO NEGA 

O alcalde de Vigo en funcións, Abel Caballero, negou que o Concello rexeitase asumir a xestión do encoro de Eiras e acusou ao delegado territorial da Xunta na cidade, Ignacio López-Chaves, de “mentir” a ese respecto.

Durante unha rolda de prensa celebrada este venres na cidade olívica, o rexedor pronunciouse deste xeito despois de que o delegado territorial do Goberno galego afirmase que se expuxo “verbalmente” ao Concello a posibilidade de asinar un convenio para que fose o ente local o que asumise a xestión do encoro, pero que ata agora non houbera “resposta”.

Preguntado a ese respecto, o rexedor olívico indicou que se decidirá a postura do goberno local sobre o documento unha vez que sexa recibido. Así mesmo, Abel Caballero volveu a asegurar que é a concesionaria municipal, Aqualia, a que leva a cabo os traballos de mantemento do encoro que abastece a esta cidade e a outro nove municipios e non Augas de Galicia. Por iso, rexeitou que o Concello deba pagar un canon á entidade autonómica.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here