InicioCulturaLingua, igualdade e ecoloxía: Así se educan os nenos nun CEIP de...

Lingua, igualdade e ecoloxía: Así se educan os nenos nun CEIP de Teis

O CEIP Paraixal celebrou este venres unhas xornada festiva adicada á lingua galega, e leva anos desenvolvendo unha forma nova e distinta de educar as novas xeracións.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Falamos con Rute Pallares, integrante da Anpa do Colexio Paraixal, e organizadora das xornadas de lingua celebradas este venres nas súas instalacións, nas que transmiten a lingua galega nun entorno urbano, o de Teis, barrio nos límites de Vigo.

Máis aló da transmisión da lingua galega, neste colexio déronlle unha volta a conceptos educativos coma son a utilización de libros de texto, a aprendizaxe mediante o xogo, o respecto polo medio natural ou a integración de tódalas persoas. Rute Pallares explícao polo miúdo para Xornal de Vigo.

Festa no CEIP Paraixal / CEIP Paraixal

P- Como foi a xornada deste venres?

R- Aparecemos centos de persoas, non dábamos creto, na tarde presentáronse Xosé Leal, da Deputación de Pontevedra ou Olga Alonso, a Concelleira de educación. Moitísimo suceso, píllasme falando con moita emoción.

Falouse da importancia de internalización do galego, a oportunidade de achegarnos a países coma Portugal ou Brasil, e do valor da lingua, de pertencer a algo propio. Rematamos cun concerto de Caxade, as súas letras din moito. E a fin da xornada chegou cunha canción compartida co profesor de música, cantaron unha versión do poema de Manuel María, a fala. Coma organizadora, só podo falar marabillas do acontecido.

Xornadas de lingua
Rapaces nun aula do colexio Paraixal/ Miguel Núñez

P- Onde está situado o voso colexio?

R- En Teis, na zona do Paraixal. A escola leva aberta dende os anos 70. Pouco a pouco fou perdendo peso coa despoboación da zona superior de Teis, na saia da Madroa. Non tiña apoio institucional, aínda non temos autobús da Xunta. E os accesos son malísimos, as crianzas ten que vir sempre acompañadas. As nenas e nenos da zona teñen autobús para o colexio de Chapela, pero para aquí non. Agora por sorte temos un autobus parcialmente subvencionado polo Concello de Vigo.

Esta é unha zona na que polo xeral viven familias de baixo poder adquisitivo, o 50% das crianzas desta escola son bolseiras. Non sabemos se teremos bus para o ano, pois o Concello non ten a obriga. E sen autobús este colexio desaparece.

A lingua importa
Traballo dos nenos/ Miguel Núñez

P- Que fai diferente ao CEIP Paraixal?

R- Tentamos darlle unha volta ao ensino, temos unha dirección nova, cun proxecto educativo distinto, evoluíndo cara á eliminación dos libros de texto, en infantil xa non os usamos. O noso sistema de avaliación non é tan ríxido, o número de crianzas por aula é menor e podemos avaliar máis cousas, outorgándolle importancia á igualdade, a ecoloxía e a lingua.

O patio é galegofalante, os profesores falan en galego e os nenos e nenas que queiran falan castelán, tentamos un bilingüisimo realmente harmónico. Claro que non falan galego todos, senón sairíamos nos medios, iso é posible en proxectos privados coma os de Semente, pero non nun colexio público e moito menos de Vigo…

Nós tentamos reforzar o galego, que ninguén está obrigado a falar. Noutros colexios, as crianzas que falan galego poden chegar a sentirse mal, iso é o que evitamos.

Colexio Paraixal
Nenos escoitan un conto en galego/ Miguel Nuñez

P- A filosofía da dirección resulta clave?

R- É unha dirección que cre no traballo colaborativo. Estamos modificando un aula de infantil coa axuda incluso de pais e nais, algo bastante atípico noutros colexios. Aquí, as familias están dispostas a axudar. Con tan poucos nenos, temos un orzamento moi limitado, que non chega máis que para o día a día.

Temos aulas antigas, con chans dos 80 en mal estado, corcho vello… Queremos outro estilo, que sexa interesante o que fan os nenos máis que o espazo en si. Non é tan importante ter tantas cousas ao redor, prefirimos o contido frente ao continente, espazos modificables para a creatividade e liberdade do alumnado.

Colexio Paraixal a lingua importa
Colexio Paraixal xogos nas aulas/ Miguel Núñez

P- Calidade e cantidade. Resulta necesario que o número de nenos e nenas por clase sexa escaso para levar a cabo iniciativas coma esta?

R- Para este proxecto educativo é unha vantaxe, con 25 por aula sería imposible, pero con 7 ou 8 por aula fas cousas marabillosas: un programa de radio, unha revista, aprenden matemáticas xogando ao xadrez… Con iniciativa do profesorado, pódense facer mil cousas.

E aquí coñécese todo o mundo, as familias entre si, e querémonos moito e facemos por fortalecer ese vínculo. Cando os de Sexto de Primaria marcharon o ano pasado, como choraban os de Infantil…

Xornadas de lingua
Colexio Paraixal / Miguel Núñez

P- Ese tipo de lazos, máis intensos e entre un número menor de persoas, poden recordar un pouco a unha volta ao estilo de vida do rural?

R- No centro da cidade, esta iniciativa sería imposible. Os avós participan moitísimo. Temos unha horta que veñen os avós e avoas a traballar, ensinan aos seus netos, nós xa non temos ese coñecemento. Temos tamén un viveiro forestal, as crianzas plantan árbores, coas sementes proporcionadas pola Comunidade de Montes. Plántase en macetas primeiro e despois xa no propio monte. E levamos 10 anos facendo observacións de estrelas pola noite cun astrofísico. Temos moi en conta os nosos pilares: ecoloxía, lingua e igualdade.

Aquí estamos xente moi diferente, colaborando nun proxecto común. Traballamos por un futuro mellor para a mocidade. Valoramos as diferenzas coma oportunidades, que non enfronten, mellor sumar.

“o momento de mudar o negativo dunha sociedade é na mocidade”

P- É posible ter liberdade na metodoloxía de ensino?

R- Os contidos hai que impartilos, pero pódese decidir como, preséntase á Consellaría e se o aproba todo está correcto. Por suposto supón moito traballo, non en tódolos lugares o profesorado está disposto a esforzarse fóra de tempo para planificar o tipo de clases que impartimos en Infantil e Primaria.

Aínda non traballamos con ordenadores. As TIC acabarán entrando, pero nunca será toda a educación con ordenadores. E en canto aos libros, pódese aprender deles, pero tamén na súa ausencia, o cal é máis complicado que dicir imos ler a páxina 7, agora a 10, iso si, ten un valor engadido, porque aquí aprenden as matemáticas xogando, sen decatarse, iso é incrible. Tamén temos tódolos anos un mestre nativo de inglés, e cada día unha clase de ximnasia en Infantil, posto que consideramos crucial o exercicio físico.

Xornadas de lingua
Rapaza debuxa na aula do colexio Paraixal/ Miguel Nuñez

P- Como ven o futuro?

R- Hai un colexio similar en Vilagarcía e funciona moi ben, estaba a punto de pechar, adoptaron estas dinámicas e foron mantendo estas cada vez con máis alumnado.

P- Como resumiría os tres pilares do centro e a súa importancia? 

R- Lingua: a nosa lingua é fundamental, a nosa identidade, sen ela perdemos o noso vehículo para comunicarnos. Trátase dun valor engadido que nos fai diferentes, a lingua das nosas nais e pais, indispensable para transmitir o coñecemento.

A igualdade é un valor necesario, nós non facemos diferenciacións, temos en conta a diversidade funcional e non se pode marxinar a ninguén. Buscamos unha integración absoluta. Os mestres e mestras fórmanse nunha linguaxe inclusiva, posto que a lingua crea ideloxía e segrega. Se falamos só co masculino estamos a excluir á metade da poboación.

A mocidade, xogando / CEIP Paraixal

A ecoloxía resulta fundamental no momento no que vivimos, e a preocupación pola contorna, a contaminación e alimentación…. Debemos respectar ao medio, aos animais. Se non educamos ás crianzas no respecto á ecoloxía, cando sexan adultas non terán respecto. En xeral, o momento de mudar o negativo dunha sociedade é na mocidade, non podemos repetir os seus estereotipos e erros, logo será tarde…

 

ÚLTIMAS

Protesta masiva en Vigo contra a ofensiva de EE.UU. en Venezuela

Centos de persoas manifestáronse este sábado ante o Consulado de Venezuela en Vigo para...

Detido en Mos tras aparecer un home brutalmente agredido

A Garda Civil arrestou a un veciño de Mos como presunto autor dunha agresión...

Vigo acolle este sábado concentracións contra o ataque de EE.UU. a Venezuela

Colectivos de cidadáns venezolanos e sindicatos convocaron este sábado concentracións en Vigo despois de...

Un erro ao alimentar unha caldeira de leña con carbón provoca unha intoxicación por monóxido de carbono en Oia

Unha persoa foi trasladada ao Hospital de Povisa, en Vigo, con síntomas de intoxicación...