InicioEconomíaUn xulgado vigués dita sentenza anulando a compra de accións do Banco...

Un xulgado vigués dita sentenza anulando a compra de accións do Banco Popular

PUBLICADO O

 O xulgado de Primeira Instancia número 13 de Vigo vén de dictar a primeira en sentenza en Galicia que anula unha compra de accións correspondentes á ultima ampliación de capital (en 2016) do Banco Popular, por entender que a entidade incumpriu a súa obriga de facilitar “información exacta e veraz sobre o seu estado financeiro real” e impediu así que os investidores puidesen decidir “con pleno coñecemento dos riscos”.

O avogado Xoán Antón Pérez Lema subliña que a sentenza entende que o folleto informativo do Popular contiña “inexactitudes e erros contables”, de xeito que na adquisición de accións por parte dos demandantes “produciuse un vicio no consentimento e foron subscritas con dolo ou erro invalidante”.

A resolución xudicial explica que a única proba practicada sobre a situación económica da entidade na data da emisión de accións é a pericial aportada por José Antonio Pena Beiroa, de DDC Consultores, que conclúe que os datos económicos da entidade facilitados na nota de valores de maio de 2016 “non ofrecen unha imaxe fiel do patrimonio da entidade, pois a previsión máxima de perdas contables era de 2.000 millóns de euros, que tras a aprobación nas contas anuais traduciuse en perdas anuais de 3.485 millóns e un cargo a resultados de máis de 5.500 millóns de euros”.

O perito resalta que iso implica que nun ano apareceron perdas por máis de 4.000 millóns de euros, “que estaban latentes no patrimonio da entidade e afloraron nas contas anuais tras a entrada do novo Consello de Administración”.

O Banco Popular foi adquirido finalmente o pasado mes de xuño polo Banco de Santander.

En consecuencia, o xulgado vigués declara a nulidade relativa da adquisición das accións subscritas polos demandantes en xuño de 2016 por importe de 2988,41 euros, que lles deberán ser reintegrados xunto cos intereses legais desde esa data.

Pérez-Lema critica, porén, que a resolución xudicial, que é firme por non caber recurso en función da súa contía, non condene ao Popular ao pago das custas orixinadas aos demandantes, nunha “clara desproporción entre a capacidade das entidades financeiras para defenderse nos tribunais fronte á dos pequenos accionistas para reclamar os seus dereitos”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...