InicioMedio Ambiente e PatrimonioAdvirten novos vertidos na depuradora de Teis: estamos coidando a nosa ría?

Advirten novos vertidos na depuradora de Teis: estamos coidando a nosa ría?

PUBLICADO O

A Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo “CÍES”, en colaboración con Greenpeace, vén de inspeccionar no día 27 de marzo de 2019 algúns puntos de vertido contaminante procedentes da rede de saneamento e das estacións depuradoras do concello de Vigo.

Ditos puntos visitados foron a estación de bombeo e aliviadeiro de Alcabre (santa Baia), a da rúa Coruña, e a contorna da estación depuradora de augas residuais urbanas de Teis xunto co seu emisario.

“Reiteramos a denuncia sobre os continuos vertidos de augas residuais contaminados á ría de Vigo os días de choiva por causa da ausencia dun saneamento de redes separativas de augas fecais e pluviais así como o vertido de augas sen tratar correctamente da “depuradora” de Teis”, subliña Serxio Regueira Gómez, presidente da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo.

Crucero na ria de vigo / Miguel Nuñez

Desde a devandita agrupación aseguran que “puidemos constatar como había emanacións de augas residuais de color marrón-ocre xa na propia escolleira, unha colonia inmensa de muxos indicando o punto e condición do vertido contaminante así como un forte e desagradable cheiro en todo o paseo marítimo, feitos que foron postos en coñecemento no mesmo momento chamando ó 112”.

“Estes episodios de evacuación directa de residuos sen tratar ou cun tratamento moi deficiente desde as Estacións Depuradoras de Augas Residuais son constantes (aunque con frecuencias diferentes dependendo da época do ano)”, engaden.

Isto mesmo veñen de denunciar en Bruxelas nas visitas realizadas nos meses de Xaneiro e Marzo ao comité de Peticións do Parlamento europeo, “do que recibimos a noraboa pola exemplaridade da cidadanía neste caso, e animándonos a continuar informando de todas as agresións que detectemos así como a documentación gráfica que poidamos remitir, pois é do seu coñecemento a falta de compromiso das autoridades locais, autonómicas e estatais, que non queren recoñecer a existencia deste gravísimo problema que pon en risco a calidade dos produtos que se cultivan, pescan e comercializan da ría de Vigo”.

 

Á Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo ‘Cíes’ se lle multiplican as frontes abertas. Así, este xoves 21 de marzo manifestaba o seu rexeitamento “absoluto” e “frontal” á intención do Porto de ampliar en 65.000 metros cadrados o peirao de Bouzas.

Así, cualificaban este proxecto dos organismos públicos como “xerar simplemente riqueza á conta dos recursos, coma se estes fosen infinitos”. Rexeitaban de cheo “calquera obra que a Autoridade Portuaria proxecte facer e que signifique algunha perda de valor ambiental da ría, dos recursos mariños, de postos de traballo en pesca e marisqueo, de turismo, de calidade de vida e, por suposto, alteracións na configuración natural da ría”.

Finalmente, lembraban a “perda dos mellores bancos marisqueiros da ría, desaparecidos polo actual recheo de Bouzas”, e insistiron en que están “obrigados a denunciar e condenar publicamente este tipo de proxectos que arruínan o futuro da humanidade”.

Ria de vigo
Pescando no peirao / Miguel Nuñez

Desde a Plataforma pola Ría de Vigo tamén pediron ao Porto un maior control das verteduras contaminantes, “establecendo un riguroso control sobre as industrias para que cumplan a legalidade vixente en materia de contaminación”. Chegaron a acusar ás empresas localizadas sobre a plataforma portuaria, “terreo roubado ao mar”, de tirar vertidos directamente á ría.

Xa en febreiro Serxio Regueira advertía como presidente da necesidade de crear unha rede separativa:“Ademais das verteduras dalgunhas empresas, hai un problema nas redes dos fogares de Vigo e os concellos da contorna, ao non ter redes separativas pluviais. As verteduras non son continuas, pero se dan. E este problema existiu sempre”.

“En todo el borde litoral de la Ría de Vigo se están vertendo augas contaminadas de aglomeracións como as de Cangas con máis de 25. 000 habitantes, Baiona con máis de 12.000 habitantes, Moaña máis de 19.000 habitantes, Redondela máis de 28.000 habitantes, Sotomaior, de máis de 7.000 habitantes ou Nigrán, con máis de 17.000 habitantes”, denunciaron tamén en rolda de prensa.

Serxio Regueira Gómez (der) con membros de Greenpeace/ Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo

“Para que a depuradora funcione ben hai que separar a auga de choiva das augas fecais, algo que non se fai en Galicia, onde é un problema xeral, non se salva ninguén. O problema é que os concellos, que teñen a competencia, non posúen suficientes cartos para efectuar as obras necesarias e efectuar un saneamento integral, e ademais os políticos sinten que é enterrar os cartos debaixo da terra, e non se ve. Como os concellos teñen a competencia pero non capacidade económica, a Xunta, o Estado ou ata a Comunidade Europea debería colaborar”, aclaraba Serxio para Xornal de Vigo.

RESISTENCIA Á CONTAMINACIÓN

Para comprender como responden os seres vivos ante cambios ambientais é preciso coñecer ben cal é a resposta natural dos ecosistemas ante eses cambios cando non existía impacto debido a actividades humanas. Polo tanto, o único método útil é estudar que sucedeu no pasado, antes de que se produciran impactos humanos significativos.

Para isto, a principal ferramenta é a reconstrución paleoambiental, é dicir, a reconstrución do que aconteceu hai miles ou millónes de anos a través do estudo de indicadores paleontolóxicos (“fósiles”) que perduran ao longo do tempo e permiten obter información sobre o ambiente no que viviron e os cambios ocorridos nos seres vivos, e relacionalas con oscilacións no ambiente, como as temperaturas, o nivel do mar ou as precipitacións.

Este é o campo de traballo do Laboratorio de Paleobotánica da Universidade de Vigo, no que se analizan microscopicamente palinomorfos, é dicir, estruturas resistentes producidas por diversos organismos vexetais (vexetación, fungos, microalgas e dinoflaxelados) que se acumulan no fondo da ría e poden perdurar moito tempo (incluso miles de anos) nos sedimentos.

Os diferentes estudos realizados neste campo permitiron identificar, por exemplo, cambios na produtividade do fitoplancto nos últimos 200 anos provocados, entre outros factores, polo cambio climático, a contaminación, a construción de encoros ou a produción masiva do mexillón.

Barcos na ría / Miguel Núñez

A distribución dos palinomorfos varía en función de diversos parámetros ambientais, como a temperatura ou as choivas, e tamén a dispoñibilidade de nutrientes na columna de auga, no caso das algas mariñas.

Así, o seu estudo permite reconstruír a paisaxe vexetal, a produtividade mariña e as condicións ambientais predominantes no momento en que estes microfósiles foron depositados, así coma a súa variabilidade ao longo do tempo.

En concreto, o persoal investigador do grupo de investigación XM-3 da Universidade de Vigo está a desenvolver un traballo centrado no estudo de quistes de dinoflaxelados (dinocistes) acumulados nos sedimentos para reconstruír as condicións no medio mariño (paleohidroloxía).

Fondo mariño/ Photopin

Froito da colaboración co Laboratorio de Palinoloxía Mariña da Universidade de Victoria (Canadá) xurdiu un traballo que permitiu a reconstrución de alta resolución dos cambios ocorridos nos ecosistemas da ría de Vigo nos últimos dous séculos a partir do estudo de dinocistes mariños e doutras “microalgas” de orixe continental.

Os dinoflaxelados son uns dos compoñentes principais do microfitoplancto e a súa composición e variabilidade depende do réxime de temperaturas, das achegas fluviais e da dispoñibilidade de nutrientes, entre outros factores.

O estudo dos dinocistes nun rexistro sedimentario da ría de Vigo que foi acumulado durante as últimas décadas axudou a reconstruír os principais cambios que ocorreron na hidroloxía da ría e a identificar os factores que os causaron.

Por exemplo, identificouse unha fase de transición (1855-1910 DC) dende as etapas finais da pequena idade de xeo (1400-1900), cara ás condicións máis cálidas e húmidas que gobernarían a maioría do século XX.

Tamén se detectaron fortes cambios na produtividade do fitoplancto e na distribución de especies que se atribúen principalmente ao cambio climático recente, a diferentes tipos de contaminación, ao cambio do réxime fluvial e á destrución de hábitats.

Batea/ Compfight

Constatouse, por exemplo, que a contaminación, a construción de encoros ou a produción masiva do mexillón está a ter efectos na produtividade do fitoplancto.

Un dos efectos máis relevantes é o incremento de certas especies heterótrofas, que antes eran moi pouco abundantes, debido ao incremento das achegas de nutrientes e materia orgánica como resultado da descarga de augas fecais, entre outras causas.

“Tamén observamos a diminución xeral dos dinoflaxelados autótrofos (baixada da produtividade primaria de dinoflaxelados) debido probablemente ao aumento da turbidez (menor penetración luminosa) e/ou á baixada da dispoñibilidade de osíxeno na auga”, indica Iria García Moreiras, do grupo XM-3.

Os investigadores tamén obtiveron novos datos a sobre a distribución dalgunhas especies de dinoflaxelados, coma Peridinium ponticum, que ata agora se consideraba exclusivo do mar Negro.

Ria vigo
Vista de Vigo e a ria /Miguel Nuñez

“Grazas a este novo estudo, demostramos que esta especie está presente nas augas galegas de forma natural dende, polo menos, 1830”, indica Iria García Moreiras, que engade que, tamén relacionaron “o crecemento masivo dalgunhas especies potencialmente tóxicas (como Lingulodinium polyedrum) con certos factores ambientais; parece que o incremento das chuvias e, como consecuencia, das descargas fluviais, aportan nutrientes extra que favorecen a proliferación destes dinoflaxelados”.

O conxunto de traballos que realizou o equipo de investigación XM-3 da Universidade de Vigo demostra a elevada sensibilidade dos ecosistemas costeiros ante cambios e impactos ambientais, e resalta a necesidade de apostar por investigacións que axuden a comprender o seu funcionamento e promovan a súa conservación e recuperación.

Ademais, estes datos serán de utilidade á hora de interpretar secuencias sedimentarias máis antigas, depositadas fai decenas de miles de anos.

os bosques da ría de vigo

 Como eran os bosques primixenios da ría de Vigo? Como evolucionaron nos últimos 45.000 anos? Investigadores das universidades de Vigo e de Santiago presentaron o pasado ano o proxecto ‘Avaliación e contextualización de reservorios de metano da rías galegas con relación ás variacións no nivel do mar e os cambios ambientais durante o pos-glaciar’.

Nel, debuxan unha historia en catro episodios e explican a desaparición do carpe (Carpinus betulus L.), unha árbore caducifolia común en Europa e Asia Menor pero da que apenas existen na actualidade unhas poucas poboacións ibéricas.

Nesta achega, os investigadores céntranse en desvelar que sucedeu coa poboación de carpe: “Antes da última glaciación era bastante común no noroeste ibérico, pero comezou a decaer hai 60.000 mil anos”, apunta o investigador do grupo XM-3 Castor Muñoz.

O bao Toraya
Vista da praia do Bao dende a torre de Toralla/Miguel Nuñez

Para coñecer que provocou esa paulatina diminución, os sedimentos da ría de Vigo ofrecen unha fonte de información importante, xa que durante o último ciclo glaciar (entre 110.000 e 10.000 anos), o nivel do mar estivo situado como mínimo unhas decenas de metros por debaixo do nivel medio actual.

“Moitos dos segredos daquelas épocas quedaron almacenados e preservados en estratos que hoxe están baixo o mar”, explica Castor Muñoz. Así, os sedimentos da ría conteñen poles de Carpinus “en secuencias coherentes e datadas entre hai 60.000 e menos de 9000 anos” que amosan a historia desta árbore, “bastante diferente e moito máis complexa do que se cría”.

HAI 45.000 ANOS

Os investigadores que forman parte deste estudo debuxan unha historia en catro episodios. O primeiro deles sitúase hai 45.000 anos, cando o mar estaba 40 metros por debaixo do nivel actual e apenas penetraba mais aló de Toralla e punta Balea, en Cangas. “Neste escenario, a ría albergaba unha riqueza de ecosistemas que hoxe en día é difícil de imaxinar”, explica Muñoz no diario da UVigo.

Marisco da ria © Miguel Nuñez

Grandes volumes de area fóronse acumulando fronte ás chairas litorais do sur de Galicia e norte de Portugal, formando extensos ecosistemas de praia-duna, “que penetraban cara o interior en forma de dunas fixas e chans areosos colonizados por piñeiros e cimbros costeiros”. Tras estes ecosistemas dunares emerxía o antigo val, cuberto de meandros, marismas, zonas húmidas de transición e breixos costeiros.

Augas arriba, nos leitos fluviais aparecían salgueiros e amieiros, nas marxes máis elevadas destes bosques xa comezaban a aparecer os primeiros carpes. En ladeiras máis altas e soleadas os carpes daban paso a árbores caducifolias como freixos, abeleiras, carballos, etc. esclerófilas como acivros, sobreira ou érbedos.

HAI 20.000 ANOS

Unha segunda etapa sitúanos hai 20.000 anos, no período máis frío do último máximo glaciar, cando o nivel relativo do mar se situou 120 metros por debaixo do nivel actual. Naquel intre, explica Castor Muñoz, “poderíamos ter ido a pé ata as illas Cies” e, cun clima máis frío, a altitude máxima dos bosques descendeu, de modo que moitas das cinturas de vexetación se foron trasladando ao longo do antigo val, en dirección ao mar.

O frío intenso fixo que as faias desaparecesen e, nalgúns puntos das Rías Baixas apareceron bidueirais costeiros. O resto dos tipos de bosque persistiron, incluídos os de carpe, desprazados val abaixo, cara a actual boca da ría.

HAI 10.000 ANOS

Un novo aumento da temperatura trouxo máis cambios, cando a finais da última glaciación a temperatura media estival aumentou uns 6 °C na costa do sur de Galicia. “A fusión dos glaciares provocou unha suba rápida do nivel mariño, e hai uns 10.000 anos o mar comezou a inundar e erosionar as antigas chairas situadas na boca norte da actual ría”.

Hai 9000 anos o mar xa alcanzaba A Guía e este movemento reduciu drasticamente a superficie emerxida nas marxes da ría, en especial os sistemas dunares colonizados por piñeiros e cimbros, e as zonas húmidas e de breixo costeiro.

Tamén aumentou a frecuencia de desbordamento das marxes fluviais e isto favoreceu ás especies que soportan mellor as inundacións frecuentes e prolongadas, como amieiros, salgueiros e freixos, fronte ao carpe, unha árbore máis propia de climas sub-húmidos e temperados ou frescos, que como apunta Muñoz, “unicamente tolera inundacións eventuais e durante períodos curtos”.

Os datos que manexan os investigadores do grupo XM-3 amosan que o carpe sobreviviu á última glaciación nos vales costeiros do noroeste ibérico e que só desapareceu máis adiante, durante os primeiros milenios do Holoceno.

IMPACTO HUMANO DURANTE O HOLOCENO

A cuarta etapa correspóndese coa última parte do Holoceno, cando o nivel do mar foi ascendendo gradualmente ata a súa posición actual. As lamas intermareais, marismas e bosques aluviais fóronse retraendo pouco a pouco ata quedar restrinxidos ás desembocaduras das concas do Verdugo-Oitavén e do Alvedosa-Redondela na zona máis interna; e os ríos Lagares e Miñor na marxe sur.

Os científicos apuntan tamén que o clima rexional, marcadamente oceánico, favoreceu o desenvolvemento e predominio de bosques caducifolios mesotermófilos con carballo, tileiro, freixo, abeleira, bidueiro, pradairo, lamigueiro, castaños, amieiro, salgueiro, etc.

Non obstante, os sinais da transformación humana dos bosques xa comezaron a facerse evidentes no período de Óptimo Climático do Holoceno (hai entre 8000 e 3000 anos), explica Muñoz, e, a partir de entón acentuáronse, “debido a certo deterioro climático e, sobre todo, aos sucesivos cambios culturais das idades de Bronce e Ferro, da romanización, etc”.

a ría de vigo, única en europa

O sistema de correntes e circulación da auga na Ría de Vigo convértea nun “enclave único” en Europa, polo nivel de afloramentos e fertilización, e que permite que, pese ao desenvolvemento industrial, a baía manteña unha “boa saúde”.

Así o manifestara o pasado ano o investigador Ricardo Torres, do Plymouth Marine Laboratory, un dos relatores no VI International Symposium on Marine Sciencies da UVigo. Segundo explicou Ricardo Torres (que pertence á primeira promoción da Facultade de Ciencias do Mar da UVigo) en declaracións aos medios, estes movementos “son moi importantes para a saúde do ecosistema” e están directamente vinculados “co que sucede na plataforma, na zona costeira“.

“Hai procesos de afloramento e afundimento, con cambios de ventos que producen a fertilización das augas que entran á ría e axudan a que teña unha gran produtividade. Por iso ten unha produción alta de mexillóns”, afirmou, e indicou que este comportamento é propio de todas as Rías Baixas.

Mexilón/ Photopin

Este científico destacara no simposio que a ría de Vigo (e a zona das Rías Baixas) é un “enclave único” en Europa por eses procesos de afloramento, comúns a zonas orientais dos continentes, que permiten a fertilización con augas profundas, ricas en nutrientes. Así, poden atoparse fenómenos similares nas costas de California, Estados Unidos, ou en Chile.

A este respecto, e a pesar das consecuencias que puideron ter sucesos como a catástrofe do ‘Prestige’, ou os arrastres de sedimentos de incendios forestais, a saúde da ría mantense en bos niveis.

Prestige / Miguel Nuñez

De feito, Ricardo Torres destacaba que a situación non se deteriorou tanto como cabería esperar dun enclave no que hai unha gran cidade e produciuse un desenvolvemento industrial notable nas últimas décadas. Iso débese, insistiu, a eses procesos de afloramento e ao feito de que “a ría se baleira cada pouco tempo“, o que fai que sexa “máis resistente” ao crecemento da cidade e os seus arredores.

Finalmente, Torres referiuse ao quecemento global e indicou que “ten efecto en procesos de gran escala” e que hai proxeccións que indican cambios nos patróns de vento, que poden producir un incremento dos afloramentos no futuro. “Non creo que teña un efecto negativo para a ría, pero xa o veremos”, concluíu.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...