Pippi Långstrump, Pippi Mediaslongas en Galicia, tamén sufriu a censura do politicamente correcto

A nena foi unha figura demasiado 'contestataria' para a súa época.

Conferencia na UVigo/ Duvi

Rebelde e irreverente. Así era Pippi Långstrump, personaxe literaria creada pola escritora sueca Astrid Lindgren en 1945, a inesquecible nena de pencas na cara e trenzas laranxas coa que rapazas e rapaces de todo o mundo viviron aventuras ata convertela en toda unha icona contemporánea.

O libro, de 1945, foi traducido a máis de 70 idiomas, pero non foi ata 2017 que puido lerse no idioma de Galicia, baixo o título Pippi Mediaslongas, grazas ao traballo de David Álvarez, filólogo e apaixonado da cultura xermánica.

Álvarez visitou este mércores a Facultade de Filoloxía e Tradución, convidado por Bitraga (grupo de investigación BiFeGa), para impartir a conferencia ‘Dos mares do sur á Galicia do século XXI, Recreación e censura nas traducións de Pippi Mediaslongas’, unha intervención que presentou a profesora Lara Domínguez e na que repasou algunhas das múltiples censuras e curiosidades que experimentou esta obra ao longo dos anos.

Escandalizados polos seus xestos e comentarios, moitos adultos tachárona de mal exemplo para a infancia, pero o éxito desta nena foi imparable: rebelde, transgresora e desclasada, independente, simpática e extrovertida, Pippi rompía cos estereotipos e actuaba de forma contestataria fronte aos maiores. “As súas accións motivadas polo absurdo, a espontaneidade ou a provocación, evidencian as convencións da escola, da familia e da sociedade da época”, lembran na web de Kalandraka, a editora especializada no público lector infantil que fixo posible este proxecto.

“As súas novelas foron acusadas de colonialismo”

“As súas novelas foron acusadas en numerosas ocasións de colonialismo”, explicou Álvarez, quen lembrou que o pai de Pippi era o rei dunhas illas dos mares do sur e nas primeiras traducións falábase del como ‘o rei dos negros’.

“Houbo moitas versión nas que isto se suavizou ou directamente se eliminou e incluso nas novas edicións suecas isto cambiouse por corrección política”, recalca o tradutor, quen lembrou que a palabra negro na Suecia actual ten outra connotación que non tiña nos anos corenta e, ademais, por influencias do inglés, adquiriu un carácter bastante despectivo.

“A maiores, hai que pensar na cantidade de minorías e de inmigrantes que hai neste país nórdico e que fan que, neste sentido, a sensibilidade sexa moito maior”, explicou o tradutor, que fixo fincapé en que todo isto motiva “que siga habendo versións edulcoradas de Pippi”.

Outro tema frecuentemente sometido a censura é a desobediencia de Pippi ás normas sociais, que en moitas das versións europeas, xa desde o comezo, se suavizaron e fixeron dela unha figura un pouco máis amable do que era na orixinal. “Pippi desafiaba autoridades moi establecidas nesa época, hai que pensar que estamos falando de plena década de 1940”, recalcou Álvarez.

Durante a súa conferencia, Álvarez afondou non só no mundo da censura, senón tamén no das ‘recreacións’ entendendo por estas o papel do tradutor/a como coautor no texto meta. “Pippi é todo un universo de fantasía”, recalcou Álvarez, que apuntou tamén a relevancia de “facer unha tradución independente, non subsidiaria de outras”, en referencia á gran cantidade de traducións indirectas que tivo esta obra. “A recreación é para min ese proceso de creación e adaptación á túa propia lingua”, explicou o relator.

“Desde que comecei a estudar sueco pensei na posibilidade de traducir este libro ao galego e, anos despois, logo dunha estancia alí, vinme con forzas de facelo”, explica o tradutor, quen domina o inglés, o alemán e o sueco. A tarefa foi ardua e, neste sentido, destaca como especialmente complicado traer ao galego os xogos de palabras que facía Pippi.

“Ela era o que se pode chamar unha acróbata lingüística, que xoga dunha maneira moi particular coa linguaxe: inventa palabras, usa os dobres sentidos e interpreta de xeito literal moitas cousas que teñen outro sentido”, explica o tradutor, que fala tamén da importancia no libro das rimas, as cancións, as referencias culturais… Como exemplos, o tradutor fala, entre outros moitos, do nome da casa na que vive Pippi, que el traduciu como Vilapenela, coa intención de “reflexar a aliteración das dúas palabras orixinais que empregou a escritora, aínda que ao longo dos anos houbo versións de todo tipo”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here