InicioCulturaTradicións centenarias en perigo: o berro sen voz da Escola Municipal de...

Tradicións centenarias en perigo: o berro sen voz da Escola Municipal de Artes e Oficios, fundada en 1885

A baixa da mestra na especialidade de Serigrafía Artística en 2018 non recibiu aínda resposta por parte das institucións.

PUBLICADO O

A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO), nacida en 1885, non está a atravesar un bo momento neste tempo de cambios, onde a arte e mais o traballo tradicionais parecen apartados da gran conversa social. Pero se hai unha especialidade, máis aló das que xa desapareceron definitivamente, onde o problema e as carencias son máis fondas é na clase de Serigrafía Artística.

A falta de recursos desta clase resúmese tan cedo como que leva sen profesorado durante meses. Cando a mestra tivo que acollerse a unha baixa por problemas médicos, non apareceu ningunha sustituta, polo que as clases chegaron a un longo punto e aparte. A última clase da mestra, nunca reposta, foi o 31 de outubro do ano pasado.

Alumnos da Escola de Artes e Oficios/ Miguel Núñez

A secretaría do centro asegura ter informado puntualmente e ata de forma escrita das sucesivas faltas da mestra por motivos de saúde. Ata que, desde que chegou o mes de novembro, as faltas convertéronse en constantes coa cancelación das clases ata novo aviso, pasaron o outono e o inverno e todo parece indicar que a primavera non vai chegar para a Escola Municipal de Artes Oficios.

A pesar de ter sido celebrada por personalidades como o escritor Domingo Villar (‘A praia dos afogados’, ‘O último barco’), quen dixo dela que é “unha das maiores xoias que ten a cidade, unha das máis sobranceiras e antigas, pero pouca xente sabe que existe, que hai grandes escultores, como se crean zanfoñas, ata hai pouco arpas, o propio Carlos Núñez aprendeu aquí a crear as súas gaitas (…), unha escola coma esta, en calquera lugar do mundo, sería portada dos periódicos, cada día”. Pero Villar tamén a definiou como un lugar“para a xente que fai as cousas despacio”, e semella que pouco queda desta mentalidade.

Literatura
Domingo Villar e Miguel Vázquez, mestre de cerámica / Miguel Nuñez

En concreto, a situación delicada da mestra de Serigrafía Artística débese a “complicacións médicas durante o seu embarazo, que requirían de descanso mais evitar estar en contacto cos produtos do taller. Isto obrigou á mestra á solicitude da incapacidade temporal ata a finalización do embarazo e que foi denegada pola mutua. Dende entón, acumuláronse baixas por períodos curtos de tempo, como alternativa á non concesión da necesaria baixa prolongada. A Dirección do centro manifestou que non era posible a contratación dunha substituta ata que a mutua concedese unha baixa de longa duración”, salientan desde a EMAO.

Os estudantes se puxeron en outono co Concello e foron atendidos, pero agora piden celeridade porque as solucións non chegan: “Unha vez anunciada a ensinanza por parte do Concello, este debería asumir a responsabilidade de impartila ata o seu fin. Cónstanos ademais que non é a primeira vez que un problema similar acontece”, denuncian.

“Durante os últimos anos suspendéronse os cursos de Moda e Confección e tamén de Encadernación por non tramitar substitucións para os profesores que precisaron dunha baixa”, engaden: “Pensamos que tales sucesos poñen de manifesto a falta de axilidade coa que a Administración responde cando se trata de desenvolver o correcto funcionamento da Escola de Artes e Oficios”.

Polo que, nunha carta aberta ás diferentes formacións políticas, os estudantes da EMAO piden ás institucións “que fagan un esforzo por mellorar a xestión da escola, apreciando que o centro constitúe unha canteira de artesáns cunha tradición centenaria, que conta cunha altísima demanda cada ano por parte da cidadanía e que ademais supón un enorme valor cultural, artístico e educativo para a cidade de Vigo”.

De feito, tendo en conta que o contrato laboral da profesora que imparte Serigrafía Artística finaliza en setembro deste ano, incluso dubidan se esta especializada será ofertada o ano que vén ou, pola contra, desaparecerá para sempre.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal...