O triatleta vigués Antonio Serrat termina en 21º posición na Serie Mundial de Abu Dhabi

Mario Mola, que defende o título de campión, foi primeiro.

Antonio Serrat, durante unha competición internacional/ International Triathlon Union

Antonio Serrat comezou a tempada de tríatlon cun 21º posto na Serie Mundial de Abu Dhabi, nunha proba espectacular na que se decidiu todo no terceiro segmento. O triunfo foi para o mallorquino Mario Mola, cunha remontada impresionante na carreira a pe; e o bronce para Fernando Alarza.

A primeira proba das Series Mundiais deste ano contaba cunha participación estelar, xa que estaban case a totalidade dos mellores triatletas do mundo. Foi unha proba diferente ao habitual que estivo moi igualada ata o remate.

Na natación liderou, como case sempre, Richard Varga, aínda que nesta oportunidade con distancias mínimas, polo que chegaron a primeira transición todos os participantes en menos de 40 segundos.

O galego Serrat saíu bastante atrás (posto 40) a trinta segundos de Varga, pero o problema xurdiu no momento no que saltou sobre a bicicleta, xa que se lle baixou o sillín por completo e iso lle condicionou todo o segmento de ciclismo.

Durante moitos quilómetros, o pelotón estivo dividido en numerosos grupos, pero con distancias moi curtas, polo que a falta de 5 quilómetros para o final formouse un grupo de 42 deportistas no que estaban os catro españois e todos os favoritos.

Serrat ía na última posición xa que non podía sentarse ben sobre a bicicleta, polo problema co sillín, e así foi cargando os cuádriceps. A chegada á segunda transición foi complicada polo número de unidades e decisiva, pola rapidez no momento de facela.

Mario Mola (campión do mundo nos tres últimos anos) tivo problemas e quedou bastante retrasado, mentres que Wilde (Nova Zelanda) foi rapidísimo e logrou poñerse en cabeza cunha distancia bastante cómoda. Antonio Serrat saíu da transición na posición 37, a 17 segundos de Wilde. Quedaban por diante 5 quilómetros e moitos triatletas dispostos a loitar.

O líder tiraba con forza, mentres que por detrás Mario Mola comezaba a súa remontada e Alarza ía moi ben colocado. Serrat, coas pernas bastante cargadas, foi recuperando postos pouco a pouco, pero sen opcións de engancharse ás primeiras posicións.

A falta de dous quilómetros para meta, Mario logra poñerse en cabeza xunto ao británico Alex Yee e un agotado Wilde e parecía claro que a loita polo triunfo estaría entre os dous primeiros. P

ero unha vez máis, Mola marcou un ritmo imposible de seguir no último quilómetro que lle permitiu chegar a meta na primeira posición cun tempo final de 51:50, con Lee na segunda posición e Fernando Alarza, tras superar a Wilde, terceiro. Por detrás, o galego Serrat logrou a 21º posición, a 48 segundos de Mola.

As Series Mundiais de Tríatlon 2019 están formadas por nove probas que se disputarán en Abu Dhabi, Bermuda, Yokohama, Leeds, Nottingham, Montreal, Hamburgo, Edmonton e Lausanne (gran final). Mario Mola defende o título na categoría masculina e a británica Vicky Holland na feminina.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here