A Acampada contra a pobreza cumpre dous anos mentres o número de persoas que durmen na rúa crece a ritmo récord

"Ata para pedir unha manta hai que pedir cita", lamenta Juan Carollo.

Juan, na praza do Concello/ Miguel Núñez

Aínda recorda a cidade de Vigo á Acampada contra a pobreza? Este mesmo mes de febreiro, a reivindicación liderada por Juan Carollo e ubicada na mesma praza do Concello cumpriu dous anos. Pero a situación é peor que ao comezo e este 2019 vai para récord de persoas durmindo na rúa.

Juan xa advertira desde o principio que a cousa ía para longo, e non lle sorprende ter superado os 700 días e as súas noites: “Os colectivos non se poñían de acordo, había guerras internas, cando se supón que todos deberían loitar polo benestar social. Pero os colectivos de Vigo se poñen de acordo e aos 4 días xa están a matarse entre eles”, lamenta.

 

Juan durmindo na praza do Rei © Miguel Nuñez

Juan está cansado de que o asocien a partidos políticos, normalmente ao PP. Para esas voces o activista asegura que non é un monicreque: “Eu non estou dirixido por ninguén”.

Comeza a pensar que aos colectivos sociais e políticos non lles importa a xente que durme na rúa: “Tocan un pouco a pandeireta e voltan para casa a dormir quentiños”.

Juan, da Acampada contra a pobreza/ Miguel Núñez

Desde que comezou o seu traballo de visibilización e recollida de persoas sen teito hai dous anos, xa son 1.978 os usuarios do albergue municipal recollidos, é dicir, 1.978 veces aconteceu que unha persoa quedara porta afora, e como e lóxico as máis das veces non era a primeira vez que lle tocaba pasar este mal trago.

Pero o peor dato é que o número de persoas que quedan fóra do único albergue da cidade (e, polo tanto, dormen na rúa) non deixa de medrar. Nos primeiros 50 días do ano xa sumaban 507 usuarios recollidos, porque a media está a superar a ducia de persoas por noite algunhas semanas. Leva boa conta dos números, rexistrando día a día cantos sen teito quedan sen a oportunidade de evitar a inclemencia do tempo.

“A este ritmo, superaríamos os 3.000 usuarios en 2019”, advirte:”Este martes durmimos 20 persoas na Acampada da Praza do Rei, non o cría nin o policía que nos estaba a contar”.

Ademais, Juan critica outros puntos da xestión do albergue: “Se quedas fóra e tes que durmir na rúa, aínda para darte unha manta tes que pedir cita. Se pasas unha avaliación técnica, lógrala. Tanto costaba que se alguén non a devolve non se lle dan máis, e non amolar aos demais?”

Detencion de activistas
Juan e David, na Praza do Rei lendo a copia da declaración da Policia despois da detención do primeiro deles / Miguel Núñez

“Non ocorrera que máis de 12 persoas se quedaran fóra o mesmo día. Agora xa foron 15, 18, 16. E non sumamos todos os que directamente non acoden ás instalacións, sabendo que non haberá un recuncho para eles”, lamenta.

“Falas cos políticos e contestan que non poden facer nada. Logo diante do público todo é moi bonito”, conclúe.

2 COMENTARIOS

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here