InicioMedio Ambiente e Patrimonio"O eucalipto é un veleno para a biodiversidade"

“O eucalipto é un veleno para a biodiversidade”

Entrevista a Indalecio Bastos, Presidente da Comunidade de Montes de Matamá

PUBLICADO O

Dende Xornal de Vigo entrevistamos a Indalecio Bastos, Presidente da Comunidade de Montes de Matamá. Indalecio ten unha lista de 50 especies de árbores para plantar, todos autóctonos. Con el falamos da dificultade de soster unha comunidade de montes, dos incendios de 2017 e sobre todo dos danos causados á biodiversidade pola acción do ser humano.

Esta entrevista continúa o noso tratamento da traxedia do pasado outono tras unha primeira peza informativa que analizaba as súas causas e unha segunda que tentaba precisar algunha vía de futuro para evitar que algo semellante ocorra de novo.

P- Pode haber rendibilidade nas comunidades de montes?

R- As que a teñan será por subvencións que recibiran, propiedades… É deficitario. E se limpas o monte aínda hai unha menor rendibilidade, porque limpar unha hectárea de monte por medios manuais custa entre 700 e 1.000 euros, con medios mecánicos aínda uns 400 ou 500, e iso se é unha superficie plana, que nun bosque non é tan usual…

Eu non gaño, perdo cartos. A miña muller bótame a bronca, vou a unha conferencia e a comunidade págame a gasolina como moito. Facemos cousiñas grazas ao Plan de Emprego. Eu non sei se vou cobrar 40.000 ou 50.000 euros, e máis da metade o gastarei replantando, despois que?

As axudas non chegan, en parte porque consideran que en Vigo somos cidade. Debe ser que as árbores aliméntanse do fume dos coches, que non nos dan diñeiro. Vigo non ten dereito aos cartos para o desenvolvemento rural. Por sorte, o concello axúdanos algo…

“o eucalipto dará beneficios a ence, como moito”

P- Hai futuro?

R- Si, está na multifunción. O castiñeiro produce unha madeira de excelente calidade, e ademais castañas. Un metro cadrado de eucalipto vai a 25-30 euros, e non ofrece máis. O de carballo americano pode chegar aos 2.000. E o que se pare 8 minutos diante dun carballo queda abraiado de ver como bule a vida, crecen os cogomelos e todo ao seu redor.

P- Que opina do cultivo de eucalipto?

R- Ao redor da miña casa, o lume arrasou con todo. E a culpa é do eucalipto, quen diga o contrario minte. A carballeira quedou intacta, coa herba verde ao redor. O eucalipto dará beneficios a ENCE, como moito.

Eu xa levaba anos facendo o cambio de especie por frondosas, recuperando así o bosque autóctono. Non se pode pensar só nos cartos, e menos cando falamos do monte que está máis preto da cidade.

lume incendios
Operarios rodeados de lapas e fume/Miguel Núñez

P- É necesario limpar o monte?

R- Non se trata diso. Sucias están as estradas, os montes teñen natureza. Antes estaban nús, non había tantas árbores, as que que había eran naturais. Toda Galicia era unha fraga, non había montes xigantes. Agora os montes están cheos de árbores, árbores pirófilas que arden. E outras especies vexetais tamén pirófilas, coma o toxo.

Coca-Cola fixo unha colaboración con nós, e viñeron uns mozos de Jaén para plantar. Non entendían o que era desbrozar. Alí crecen catro herbas e desaparecen. Aquí temos un ambiente atlántico de vexetación exuberante. Desbrozar todo para que non arda? Nunha semana de primavera, xa está como estaba antes. E habería que desbrozar toda Galicia como pouco unha vez ao ano. Dá a unhas dúas ou tres hectáreas por cabeza.

O bosque pechado non precisa desbrozar, ten moita humidade debaixo. As condicións para que ardan o pino e mais o eucalipto e o bosque autóctono son diferentes.

“CHEGAREMOS A UN PUNTO QUE NIN O TOXO MEDRARÁ”

P- Dicía que o toxo é tamén unha especie pirófila?

R- Si, e impulsada polo home, que o home plantou e estendeu. O toxo é o último desastre daquelas épocas. Nun monte natural, sería unha excepción, e o maioritario os breixos e a herba.

Pero chegamos a un punto no que deixamos de agardar.  O toxo tardaba menos en madurar, así que decidimos propagalo a pesar de ser peor. E chegaremos a un punto de degradación no que nin o toxo medrará. É o camiño noso.

Lume paixase desolador despois dos incendios
Despois dos incendios, unha paisaxe desoladora/ Miguel Nuñez

P- Falta conciencia?

R- Antes sabiamos atopar a función de cada árbore. A madeira do carballo sostiña ao Imperio, nos seus barcos. E a do freixo é case mellor, ou a da cerdeira… Hai que ter paciencia. O monte non é de un día para outro, é un traballo para os netos. Hai que cambiar a dinámica xa. Se non levantamos cabeza agora, poderán facelo eles? O monte, queimado, é todo pedra, cando nos decatemos podería ser irreversible.

P- Que opina das tramas incendiarias?

R- A culpa é do que se planta. Haberá tramas, pero eu non vin ningunha. Vin caer paus e cortizas de 40 centímetros ardendo na VG20, caían sobre o meu coche. A VG20 ten uns 90 metros de ancho, dependendo da zona, e ardía coma se nada, aínda non chegara o lume á marxe esquerda e xa estaba ardendo no dereito.

O lume ten os seus propios medios, e non hai quen o pare. Non queda outra que eliminar o eucalipto e mais o pino. En Australia chámanlle (ao eucalipto) a árbore da gasolina, que evolucionou para queimar aos seus veciños, ás especies rivais.

Porque os eucaliptos queimados aínda están vivos, de feito están brotando todos. Os montes de Vigo xa son os máis coidados de Galicia, de que serviu? Ao día seguinte ao incendio saín ao monte. Caiume a alma ao chan, ata que cheguei á fraga e déronme ganas de chorar, vendo o autóctono verde e ao redor queimado. Se non aprendemos disto, non aprenderemos nunca.

P- O eucalipto é un dos puntos máis importantes do problema

R- O eucalipto é unha especie invasora. Dos eucaliptos de Matamá, plantaríanse a metade, o resto xurdiu a base de incendios. Agora por exemplo, as súas sementes están espalladas. Pasaremos un montón de tempo pelexando cos rebrotes. Onde había pinos, sei que haberá eucalipto.

O eucalipto, para a nosa biodiversidade, é un veleno. Toda árbore intenta cambiar a química do chan para o ben das súas raíces. Todos, o carballo tamén. Pero hai animais, como o cervo voante, que naceron con el, e non supón problema.

As follas do eucalipto caen ao chan e non as come ninguén. Enterrábaste ata os xeonllos das ramas que había, porque o eucalipto ten o que se chama poda natural, todo cae e queda no chan, porque o cervo voante só come madeira das frondosas autóctonas. A comer os eucaliptos, como non traiamos aos koalas…

lume incendios
Cae a noite e os veciños forman grupos para loitar contra as lapas/ Miguel Núñez

P- Como se sinte despois dos incendios do último outubro?

R- Teño a mesma rabia que calquera. Fixémolo mal todos, dende os políticos non servindo ao interese xeral, e tamén nós. O modelo non funciona, estamos nunha rúa sen saída. Alguén debe romper o círculo vicioso. Franco obrigou ao meu avó a plantar pinos e eucaliptos, que aquelo ía ser ouro.

Agora o eucalipto vale só para papel, o pino menos, págase a tonelada a 18 euros e a árbore enteira pode pesar dous.E a Xunta promove que poidas sacar un permiso e queimar todo. O de ENCE paréceme moi respectable, que fagan negocio, pero porque non utilizan o bidueiro? Hai cousas máis interesantes e mellores que a rendibilidade.

Galicia produce máis da metade da madeira do Estado, pero só representa o 13% da riqueza desta e ten só o 13% dos postos de traballo, normalmente de pésima calidade.Hai xente que si está concienciada, e cando escoita aos políticos, fervelles o sangue.

O outro día aínda saía a noticia de que plantarán 25.000 hectáreas máis de eucalipto, é o que hai. En lugar de aplicar as políticas forestais adecuadas, facemos todo o contrario, é unha política de selección inversa.

P- A situación parece moi complicada, chegados a este punto.

R- Non podemos evitar todos os tipos de lume: un coche espetado, o raio, o pirómano, a barbacoa, o señor tolo, a señora tola… Pero o que deberiamos é seguir outra política. Non só é o eucalipto… O piñeiro quente lanza as piñas coma bombas. Explotan e saen disparadas, é a súa maneira de estenderse.

A diferencia co eucalipto é que co lume o piñeiro morre e perde rapidamente o seu valor, por culpa dun fungo que vive dentro del. E logo está a acacia negra, que a temos aquí porque é negra, e decidiron utilizala para sinalizar os límites dos concellos, coma linde, e agora está en todas as partes, e obliga, aínda que non queiras, a usar velenos para matalas.

A xente déixase enganar. A min ENCE ofreceume comprar o meu eucalipto e a cambio xa se encargaban eles de plantar a seguinte xeración, incluso adiantando diñeiro. Se queres comprar frondosas, en Galicia tes tres ou catro sitios, pero para eucalipto, unha chea… Non hai unha política forestal.

lume incendios lapas e fume
Un home retrocede ante a agresividade das lapas/ Miguel Núñez

P- Non hai un equilibrio?

R- Para nada. Pensemos o caso do boníctero, un insecto que come o eucalipto e está estendéndose. Como non ían chegar as pragas naturais aquí! Para loitar contra el, a idea era a “loita biolóxica”, despois de ter fumigado dende avionetas sustancias prohibidas pola UE.

A idea, prosigo, era soltar un parasito chegado de Australia, que non eliminase ao boníctero pero si o controlara. A que xogamos? E logo que facemos, traer a quen coma ao parasito do insecto? É unha fuxida cara adiante que non leva a ningún sitio.

Por suposto, non é un fenómeno exclusivo de Galicia.Toda África está plantada de eucaliptos, basta fixarse en case calquera película con exteriores, e os ves. Os eucaliptos teñen un prezo ridículo porque hai unha abundancia enorme e só serven para o papel. Pero eu quítome o sombreiro, ten unha bioloxía incrible. Van acabar con nós, son un Terminator.

P- As nosas especies autóctonas están en perigo?

R- O castiñeiro ten enormes problemas cos parasitos que veñen de fóra. Xogamos ao comercio e expandimos microorganismos e organismos daniños para un ecosistema. Olmos non quedan case, e eran dos máis abundantes, pero chegou un fungo de Siberia, que vivía nas árbores de alí, e a comezos do século XX estendeuse por todo o mundo.

Estamos transportando tódolos días madeiras tropicais. A avespa asiática, quen a trouxo aquí? Por sorte, o noso abellón pode con elas, menos mal, porque a abella melífera cae coma unha lambetada…

Na nosa comunidade estamos cun proxecto de recuperación da vacaloura ou cervo voante, que eran abundantísimos, recordo de pequeno xogar con eles. O ano pasado vin un e saltei da emoción, non o cría. Ogallá o cinturón verde vaia adiante, que foi idea miña e dunha compañeira fai dous anos e non servía, agora cambiou a cousa.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...