InicioCulturaIolanda Zúñiga, escritora viguesa: "Hai temas que os autores non tocan por...

Iolanda Zúñiga, escritora viguesa: “Hai temas que os autores non tocan por medo á represalia do público”

"Os relatos son amantes e a novela un matrimonio", defende a autora.

PUBLICADO O

Iolanda Zúñiga vén de presentar oficialmente a súa novela “Natura”, pola editorial Galaxia. Un gran momento para entrevistala desde Xornal de Vigo, pese a que a obra xa saíra en decembro: “O alento da literatura non ten que ver coa rapidez, é algo de longo percorrido”, resume.

“A cousa está fatal, sobre todo para o libro en galego”, lamenta. Segundo a Asociación Galega de Editoras, só o 4% dos galegos escolle libros escritos nesta lingua. “O galego está en perigo de extinción”, advirte a escritora viguesa.

Vivir da escrita semella misión imposible: “Os únicos que poden sacar algo son os que van sumando de conferencias, artigos de prensa, recitais, charlas… pero de vender libros o dubido. Ou iso ou gañan premios, que normalmente favorecen a determinadas temáticas”.

“Estase caendo no didactismo na arte en xeral, poñer o politicamente correcto por riba da arte, hai temas que os autores non tocan por medo á represalia do público. Pero entón, que facemos con Bukowski, con Siniestro Total, e tantos outros, que foron totalmente incorrectos?”, reflexiona.

Iolanda Zúñiga/ Miguel Núñez

En 2010 gañou o premio Xerais pola novela ‘Periferia’, cunha historia centrada nos suburbios brasileiros: “Defendo que é miña mellor obra, incluso coa frustración de saber que non a vou superar. Era un tema que me fascinaba, nun lugar que sempre quixen coñecer, déronse unhas condicións que dificilmente se repetirán. Ademais, falaba moito da música brasileira, tan presente desde a miña infancia”.

‘Periferia’ son 500 páxinas sen puntos e aparte: “Intentaba describir o ritmo frenético da cidade, asfixiar aos lectores. E estaba escrita nunha mestura de galego e xerga brasileira. Foi arriscado, tivo éxito de crítica pero non se correspondeu coas vendas. É difícil de ler”.

Iolanda Zúñiga/ Miguel Núñez

Nestes días tenta compaxinar o seu labor de autora co traballo como camareira, algo que, recoñece, resulta complicado: “E unha cousa é escribir relato e outra novela. Os relatos son amantes e a novela un matrimonio. Os amantes excitan, pero xa vas ao seguinte. Pero no matrimonio tes que estar presente día tras día. É moi difícil construír unha novela traballando cinco días á semana”.

Presentación do libro de Iolanda Zúñiga/ Miguel Núñez

Defende a forma sobre o contido para esta arte: “Creo que a historia é o de menos, o que importa é a maneira de contar. Podes narrar como un home viaxa en bus, e facelo xenial. Calquera tema pode valer para a literatura, o máis absurdo, vulgar e cotiá”.

Iolanda leva 5 libros publicados, o primeiro con 25 anos, xa se define como ‘escritora tardía’: “Nada escribira antes, agás a lista da compra. Comecei como unha terapia persoal, algo co que sanarme, pura comunicación, a ver se atopo alguén que me entende”.

Anteriormente fixera teatro a nivel ‘amateur’: “Na literatura non tes que chegar a acordos con ninguén, como nun grupo teatral ou musical, que hai que consensuar e debatir. Na literatura xa podes esnafrarte só”.

Iolanda Zúñiga/ Miguel Núñez

Primeiro foron relatos breves, logo un poemario, despois chegou a novela ‘Periferia’ e o éxito de crítica, á que seguiu un período de ‘sequía creativa’ que durou 8 anos. Si escribía, pero non culminaba as obras para publicalas. Entón decidiu acometer o que define como ‘suicidio laboral’ e deixar o traballo. Así foi como chegaron as súas seguintes dúas obras, agora este ‘Natura’ (Galaxia, 2018).

Sobre os best-seller, ironiza: “Eu sinto envexa de non dominar a técnica para vender moito, e con esa pasta poder facer logo un libro que me entusiasme. A verdade é que non me produciría pracer escribir a ese xeito, pero tampoco coñezo as ferramentas”.

Iolanda Zúñiga/ Miguel Núñez

O seu derradeiro libro está baseado nunha novela que lle abraiou, ‘A estrada’ de Cormac McCarthy, adaptado á gran pantalla con Viggo Mortensen. Neste senso, recoñece grandes influencias para a súa obra no cine e tamén na música, cos cantautores e as súas letras, destacando por riba de todos a Silvio Rodríguez.

Lamenta que agora se valoren aspectos “extra artísticos”, estéticos, “que un teña Instagram, cousas dese tipo. Non é honesto. Rosalía ten talento, pero todo o que a rodea é o 50%”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...