InicioCulturaA derradeira lección do mestre Pepito: "Nin o punk nin o metal...

A derradeira lección do mestre Pepito: “Nin o punk nin o metal son tan violentos como o jazz, Coltrane é un agresor”

“Cando aparece unha banda boa de verdade non está ningún representante das tribos urbanas. Tanto punkies coma heavies apadriñaron aos peores grupos que hai no planeta", denuncia.

PUBLICADO O

Esta é a derradeira parte da entrevista en profundidade de Xornal de Vigo a José Miguel Núñez, DJ e melómano, ademais de un dos maiores expertos en rock da nosa cidade. Xa falamos con el do disco definitivo, que non existe, e tamén, como non podería ser doutro modo, dos Stones e dos Beatles.

Chegados a este punto, faise inevitable non chegar ao gran tema universal que é o paso do tempo, así como da forza das apariencias: “É moi fácil ter 20 anos e ser un roqueiro, pero cando teñas 50 segue iso, vai de duro por aí, vai, vai, co hardocore e todo iso… Te fai parecer un pallaso, a non ser que che guste de verdade e o transmitas. Eu o que vexo na xuventude é que van ata o disco máis duro, o máis forte, buaaah, isto cómese a todo. E eu podo imitalo, toco death metal bestial bocexando, e non tes que estar todo ido, podo estar na cama quedándome durmido e tocando unha macarrada. É unha máscara”.

foto de jose Nuñez© Miguel Nuñez
José Nuñez sostén un dos seus discos de musica preferidos no Honky Tonky / Miguel Núñez

“O punk rock inglés era unha pelexa de machos sen sentido nunha rúa estreita, non criticaban nada, era a banda sonora dunha pelexa, nada máis”, censura.

É un gran amante do rock dos 50 e 60, onde non habería gravación “mala”: “É nos 70 cando aparece por primeira vez o fenómeno do grupo merdeiro, todo vai evolucionando, con grupos moi bos tamén por suposto, e agora está todo mesturado, grupos de hardcore que graban un triple álbum, ou doble, coma The Clash ou Husker Dü, cando iso era de Pink Floyd, non do punk”.

Dead Combo en Paredes de Coura / Miguel Nuñez

Os seus gustos son eclécticos, encántalle Kraftwerk, e comprou todos os seus discos a primeira vez que os escoitou, con trece anos, entráballe á primeira: “Escoitas iso na xuventude e flipas”.

Tamén Prince, que considera fabuloso: “O tema ‘Thunder’ de Prince, que guitarrazos de heavy ten. Iso hoxe en día pode facelo calquera, pero daquela, e encima para as masas, foi unha burrada. A xente intenta bailar os ritmos de Prince e non pode, porque pensan que é negro, pero é xitano. Considerábase un gran fan do rock blanco, incluso plaxiou a Radio Futura”.

Arcade Fire/ Miguel Núñez

No seu altar persoal tamén garda un lugar especial para New Order: “Nos 80 publican Blue Monday, e os Dj´s tiñan un problema, ¿quen se atrevía a poñela? Porque agora hai millóns, pero entón non existían máis temas coma ese. En 1984 era única, entón se a pinchas, que pos despois? Non existían Lcd Soundsystem, sabías que a seguinte non ía estar á altura. Tiveron que aparecer os remixes porque non a podían superar”.

A él, o único xénero musical que pode chegar a superalo é o jazz: “O rock aínda dá concesións, pero o outro día me puxen a escoitar un CD de John Coltrane, e, como empezaba? Violándote. E pensas, quen ten o momento para escoitar isto? Este tío é un agresor. O punk non é tan violento, nin o heavy metal. O jazz é desagradable. Colles un disco de rock ruidista e por moito estrondo que faga, teu cerebro o acepta. Pero o jazz non. Non é para a xuventude. Se escoitas jazz con quince anos, es un vello. Asustaríame que chegara un mozo e me dixese que escoita jazz. Que vas vivir só dez anos, quita eses discos! Xa haberá tempo, non podes meterte niso. A electrónica tamén entra moito máis fácil. O jazz ten momentos que está fodéndote vivo”.

Skepta en Paredes de Coura/ miguel Nuñez

A pesar do esforzo que supón escoitar diversos estilos, considera un erro cerrarse nun só, e detesta a simple estética, o icónico pero superficial: “Cando aparece unha banda boa de verdade non está ningún representante das tribos urbanas. Tanto punkies coma heavies apadriñaron aos peores grupos que hai no planeta. O heavy aos Scorpions, o punk aos mesmos sempre, e tes millóns de bandas, os Ramones son moi carismáticos, si, pero hai moitos outros: Dictators, Big Boys… Pasarán 20 anos, e seguirán cos Sex Pistols e os Ramones”.

E chega o momento de centrarnos no punk: “Os Sex Pistols eran unha montaxe, estaban manexados por Malcolm McLaren. E para min son máis rock and roll que punk, que tamén a tocar punk non sei que chamarlle, porque é pop afiado… Considero que é un termo máis político que musical”.

Dead Combo en Paredes de Coura / Miguel Nuñez

Como noutros aspectos da vida, José Miguel, Pepito para os amigos, que son moitos, detesta as aparencias: “O punk do 77 ten un lado estético, as cristas, as chaquetas, pero o hardcore non é un desfile de modas. A quen lle podía gustar, se vestían normais, a pesar de que deixaran o punk antigo en debuxos animados, e crearan o caldo de cultivo para Sonic Youth, Pixies ou Nirvana?”.

Primeiro tivo que estar o punk, e comezou a revolución, recalca, “pero o hardcore é moito máis. No punk é fácil meterte: pos o pelo de punta e xa está, xa formas parte. Porque cantos punkis de pastel había na época, porróns. Preocupábanse máis da moda que dos discos, logo viña calquera afeccionado e sabía máis de punk que eles. Eu con 15 anos lles preguntaba que dicían as letras dos Clash e ninguén sabía o que estaba escoitando”.

Concerto de Skepta en Paredes de Coura / Miguel Nuñez

Núñez sostén que hoxe en día “todo é estética”, e admira ó hardcore xustamente polo contrario: “Eran tíos de andar por casa, que logo subían ao escenario e eran máis violentos que Sid Vicious. Cando escoitaba a Johnny Cash a xente dicía que era unha merda”.

Dicían o mesmo de moitas das cousas que el escoitaba dende o primeiro momento, que observou na súa xestación. Espectador privilexiado, viu en directo a Green Day cando non eran “nada” aínda: “Gustábanme só as primeiras cinco cancións, despois non daba para máis porque era repetición desas cinco. Pero hai que recoñecer que tiñan ganas”.

Eran tempos diferentes aos actuais, sen Internet. En calquera caso, Núñez escoita ás veces grupos que non aparecen nin na Wikipedia, é un explorador en busca dos esquecidos: “E atopas músicos non tan famosos que pegaban un baño aos de primeira división da época, e pregúntaste as circunstancias, cales serían uns vendidos”.

Arcade Fire en Portugal/ Miguel Núñez

Ás veces resulta complexo, incluso irónico, falar do que é un erro na arte: “¿Sabes o problema dos grupos españois dos 80? Cantaban mal, pero ían á par da música. Cando os músicos aprenderon a tocar, as voces parecían penosas de repente. Coque Malla (Los Ronaldos) quedou como un mal cantante cando aprendeu a tocar máis. Foi seu propio inimigo. É coma os negros do blues, eu sempre o poño de exemplo. Equivocábanse continuamente, pero sen dúbida foron abraiantes. Os mellores riffs da historia están aí, está todo. ¿Que voces tiñan? Estaban raxados, eran fumadores, ningún portento. Pois son as mellores cancións”.

Incubus no Festival Vilar de Mouros/ Miguel Núñez

Aos ‘deuses’ do post hardocore Fugazi considéraos bos, pero uns panocos: “O que non me gustaba desa banda é que foran “straight edge”: nin fumaban, nin bebían… Musicalmente destacan, pero os odiaba por iso. Non se pode fumar un cigarro no meu concerto, que deixo de tocar. Eu pensaba que Ian, seu líder, era un completo imbécil”.

¿E cando, segundo este apaixonado, demostra un grupo que é bo? “Pois cando están abaixo, coma os Godfathers, que seguían facendo discos importantes fóra de foco”.
Pero, ao final de todo, a cuestión primeira, máis alá de bandas concretas, é claramente ¿ten futuro o rock?.

Jose Nuñez d.j.ecolecionista ©Miguel Nuñez
Jose Nuñez rodeado de discos e posters na tenda de musica Honky Tonky/ Miguel Núñez

Esta é a súa resposta: “Nunca volverá a impactar como antes, pero quedan moitos camiños por evolucionar, o problema é que a xente reduce a historia a uns nomes esenciais. Pero este xénero xa naceu con iso. Ningún seguidor de jazz di os dez mellores, sabe que hai millóns. Pero no rock si. E o que fan os roqueiros é recrear esa decena de álbums todo o tempo. Como vai evolucionar entón? É imposible. Se non o ves como algo máis amplo, morre xa. Pero existen millóns de subxéneros, estilos e maneiras de tocar e que experimentar”.

Para el, o rock and roll “de verdade” foi o a década dos 50, pero durou máis, e dura agora, grazas á xente que vai á contra: “Revívese continuamente o pasado, o britpop foi iso, pura nostalxia. E Os Ramones saíron na época da música disco, o rock sinfónico e mil cousas que non eran roqueiras. E eles erre que erre, o rock estaba morto e pasado de moda, pero foron tan frikis que o resucitaron”.

Publico
Concerto de Slowdive en Portugal/ Miguel Núñez

E os que o arruinaron, para el, foron os Sex Pistols: “Non terían ido a ningún lado, a pesar da súa creatividade, serían de culto e nada máis. Pero o seu representante os fixo famosos a costa de esnaquizalo todo. Meteu violencia, que era de mentira, pero a xente creeu o conto. Encargaron camisetas en francés, a idea era que todo fora “como París”: o lume aos Stones, a xente e a policía a golpes nos concertos de Jerry Lewis. O punk ao comezo era xovial, tiña a violencia de calquera da rúa”.

E, en definitiva, critica o misticismo: “A xente quere o non o ten diante, e pagará o que sexa, e ao pagar o que sexa dirá que é a panacea. No rock reivindícanse as cousas moi tarde e cando xa non están, entón ata a morte. ¿Cando lle fixeron caso á Velvet Underground? Cando xa non existía. O erro do rock é ese, crear lendas esaxeradas, mitificar calquera cousa. Logo fas unha viaxe, os ves e son catro borrachos, e cáese abaixo todo”.

John Cale, antigo membro da Velvet, en Vilar de Mouros/ Miguel Núñez

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...