Jaume Carbonell lanza grandes preguntas: Debe a educación ser política? Estase adoctrinando á sociedade?

O escritor vén de presentar na UVigo o seu derradeiro libro.

Manifestación unionista en Cataluña
Un independentista na manifestación unionista en Barcelona trala declaración de independencia de Cataluña proclamada no Parlament o 27 de outubro de 2017 / Miguel Núñez

‘La Educación es Política’. Con este título, que o propio autor recoñece como “provocador”, preséntase o último libro de Jaume Carbonell Sebarroja, pedagogo, xornalista e sociólogo referente en España no eido da renovación pedagóxica desde a dirección da revista ‘Cuadernos de Pedagogía’. Carbonell achegouse este luns ao campus de Ourense da Universidade de Vigo para presentar unha obra na que aborda, desde a teoría á práctica, como a actualidade política se coa nas escolas.

Segundo explica o autor do libro, este estrutúrase en dúas partes, a primeira delas de carácter máis teórico e conceptual e a segunda de análise de casos reais. Na primeira delas fala de neutralidade e adoutrinamento; reivindica a política que aposta pola cidadanía democrática e polo ben común; aposta pola educación política para dialogar, reflexionar e comprender o mundo; analiza como os espazos de educación política son moi diversos dentro e fóra do currículo e defende “o largo e esperanzador camiño cara a utopía”.

Na publicación, explica Jaume Carbonell, “falo da política nun sentido amplo”. Así, sinala, cando fala de política “non me refiro á cuestión de partidos políticos ou da vida parlamentaria, falo da política desde unha perspectiva clásica, da política con maiúsculas, que se refire ao ben común, aos dereitos humanos, á política social… ás decisións que competen a toda a cidadanía, desde a primeira infancia ata a adulta”.

No marco deste concepto de política, apunta o pedagogo, no seu libro tamén aborda como “non existe neutralidade, a neutralidade é unha falacia. Todo o mundo ten as súas ideas, máis ou menos elaboradas”.

Lembrando como o adoutrinamento existiu nalgúns réximes pasados, Carbonell sinala como na actualidade “na España social-democrática non existe adoutrinamento xeral”.

Fronte ao adoutrinamento, indica, “a idea da política é formar cidadáns libres sobre todo a través do diálogo, da conversación, do contraste de pareceres, aprendendo a pensar, desenvolvendo o espírito crítico… axudar a facer pensar ao alumnado de todas as idades, axudarlle a comprender as cousas”. Isto, recalca o autor, “faise a través do contraste de pareceres e ideas, da escoita activa, situándose no lugar do outro para entender os razoamentos, rebatendo as verdades absolutas, as respostas únicas”.

“Vivimos en tempos moi complexos, moi incertos, moi rápidos”, afirma Jaume Carbonell, facendo fincapé na necesidade, fronte a esta realidade, de “non buscar a resposta única”. Así, o pedagogo recalca como “reivindico o poder da pregunta. O importante é aprender a pensar e a facerse preguntas. Rebato que haxa posición doutrinarias. Na escola democrática debe existir o diálogo, a expresión de todas as ideas”.

Jaume Carbonell/ Duvi

No seu libro, indica, tamén fala do “patrimonio cívico-ético común que é defensa dos dereitos humanos e da infancia, referentes comúns”. Neste senso Jaume Carbonell subliña como “hai que respectar a todas as persoas pero non necesariamente todas as ideas. As ideas que xustifican a violencia, o maltrato, o acoso… non deben ser defendidas”. Así, apunta como “aí hai un labor docente de argumentar, de rebater, de ensinar, etc. Non todo vale. As liñas vermellas estarían nese incumprimento de dereitos”.

Na segunda parte do libro, comenta o profesor de Socioloxía da Educación na Universitat de Vic, abórdanse catro casos nos que exemplifican as cuestións desenvolvidas na parte máis conceptual. En cada un deles, indica o autor, “describo a situación, recollo voces disintas contrastadas e sinalo alternativas e propostas recollendo diferentes opinións”.

O primeiro destes casos é de carácter ambiental, o do afundimento do buque Prestige fronte á costa galega, “que tivo moita repercusión nas aulas”, e o segundo o das guerras e conflitos bélicos, subliñando o autor “a necesidade dunha educación para a paz e de valores democráticos”.

Prestige / Miguel Nuñe

O terceiro caso, “o máis conflitivo”, tal e como recoñece autor do libro, é “arredor do 1 de outubro en Catalunya”, sobre o debate da independencia, o referendo e as cargas policiais.

“Falo de como se viviu desde as aulas, que respostas se deron, como se falou ou non se falou, que repercusións tivo, que sancións houbo para profesionais… todo o que xerou”. O último caso, o máis amplo, “é unha reportaxe de investigación sobre os atentados de Barcelona e Cambrils de agosto do 2017, poñendo o foco nos rapaces que cometeron os atentados e que teoricamente estaban integrados”.

Recollendo diferentes voces, a reportaxe, di o seu autor, quere achegarse á xestión da multiculturalidade e a integración da segunda xeración de inmigrantes.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here