InicioCulturaNa UVigo podes 'pagar e levarte un título' nunha nova exposición que...

Na UVigo podes ‘pagar e levarte un título’ nunha nova exposición que critica as fallas do sistema educativo

"Ao final, é unha crítica á titulitis", salienta unha das autoras.

PUBLICADO O

Ofrecer “unha visión desde dentro do proceso de desmantelamento da educación pública ao que estamos asistindo na actualidade” foi o propósito inicial que levou a nove estudantes do máster da Universidade de Vigo en Arte Contemporánea.

Educación en crise é unha exposición que reúne unha serie de obras froito dun proceso de traballo e reflexión colectivo e que achegan unha visión crítica sobre aspectos como os recortes no eido educativo, casos como o do máster da ex-presidenta da Comunidad de Madrid Cristina Cifuentes ou sobre o propio sistema universitario.

“O que tratamos de facer foi poñer a nosa forma de entender o traballo de artista ao servizo dunha realidade que nos afecta, e utilizar as ferramentas que nos dá a educación para reflexionar sobre o tema”, salientan os impulsores dunha exposición que, ata mediados de febreiro, pode contemplarse na planta baixa da Casa das Campás.

“Queríamos que a exposición fose nun espazo que tivera que ver coa Universidade, facer, dentro do sistema educativo, unha crítica ao propio sistema educativo”, salienta Alicia Martínez Baz, unha das impulsoras desta mostra colectiva xunto a Chiño Eirín, Loreto Arnaz, Ana Costas, María Pose, Mario Mandez, Diego del Río, Alexandra Rey e Berta Pan.

Nacida como un traballo para a materia Proxectos expositivos, que imparte neste posgrao da Facultade de Belas Artes o profesor Xosé Manuel Buxán, Educación en crise busca pór o foco en como “os recortes contribuíron a diminuír a calidade da educación pública, que xa de por si presentaba algúns problemas previos”, así como na propia situación dun alumnado ao que, sinalan, “pídennos que sigamos ligados a unha serie de etapas do sistema educativo-laboral que se suceden unhas ás outras para chegar a quen sabe onde, quizais a ningures”.

 

Exposición na Facultade de Belas Artes/ Duvi

“Todas son pezas colectivas, definímolas conceptualmente a base de darlle voltas en conxunto, de sacar palabras clave e materiais que podíamos usar, de cambiar moitas cousas, e logo executámolas tamén en conxunto”, salienta Chiño Eirín das obras que integran esta exposición.

Unha mostra deste proceso de traballo a constitúe de feito a peza Pautas para un futuro viable, integrada, explica este alumno, por “catro encerados, que se presentan invertidos, en forma de monólito”, co propósito de reflectir tamén “a estrutura xerarquizada”, de institucións como a universidade.

Non en van, nos diferentes encerados as e os impulsores desta exposición foron escribindo verbas como ‘estuda’, ‘fórmate’, ‘gradúate’, ‘paga’, ‘idiomas’ ou ‘excelencia’, “palabras clave” xurdidas neste proceso de reflexión colectiva que foron engadindo a unha peza que se presenta cunha serie de anacos de xiz, coa idea “de que a xente que queira participar poida engadir algo”, apunta Loreto Arnaz.

A participación das e os visitantes é tamén o eixo de Leva un título, peza na que, sobre unha peaña, este grupo de estudantes colocou unha serie de reproducións de títulos universitarios oficiais sen cumprimentar, de tal xeito que as persoas poden engadir o seu nome e a titulación.

Ao final, é unha crítica á titulitis”, salienta Eirín dunha peza que se completa cun peto no que “as persoas poden facer unha doazón simbólica”, de tal xeito que “pagan e lévanse un título”.

A reflexión sobre as propias titulacións universitarias é tamén a base doutra das pezas que integran esta mostra, unha instalación na que aparecen penduradas unha serie de carpetas con nomes de diferentes mestrados que se imparten en España e na que, engade Arnaz, tamén optaron por deixar un espazo baleiro “por se alguén quería vir aquí e colgar a súa carpeta”.

“Son traballos bastante dispares, nos que utilizamos diversos materiais e que tratan de mostrar maneiras diferentes de achegarse ao tema”, engade este grupo de estudantes dunha exposición que completan unha pancarta e unha peza cun carácter “máis volumétrico, máis escultórico”, Educación en quebra, “na que facemos de novo unha analoxía co encerado, neste caso empregando lousa natural”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...