InicioEconomíaO futuro do sector do automóbil galego, ante os retos da precarización...

O futuro do sector do automóbil galego, ante os retos da precarización e a desaparición do diésel

A competencia cada vez máis alta do sector obriga a escoller entre a especialización en I+D e producir a costes baixos.

PUBLICADO O

A federación de Industria da CIG vén de facer público un documento no que recolle as súas propostas para afrontar o futuro do sector galego do automóbil “ante a transformación que está a experimentar un industria cada vez máis precarizada”.

Dende a central apostan pola fabricación de vehículos de alto valor engadido e non de produtos de baixo custe, “xa que isto obriga as empresas a competir entre elas para ver quen fabrica máis barato, precarizando as condicións laborais, para poder así posicionarse no mercado”.

Para a CIG, as medidas que permitirían camiñar cara a unha industria da automoción “forte e consolidada” pasan por elaborar unha estratexia galega de sector que permita afrontar os retos derivados da aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética, que suporá a desaparición dos motores diésel; por contar cunha política enerxética de país que reduza os custes e permita maior competitividade mediante unha tarifa eléctrica propia; por implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal para garantir o relevo no sector; e por que a formación profesional pública se adapte á nova realidade tecnolóxica derivada da coñecida como industria 4.0 ou cuarta revolución industrial.

Estas e outras cuestións foron debulladas hoxe mércores en rolda de prensa en Vigo polos secretarios nacional e comarcal da federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas, e Xulio Fernández, que estiveron acompañados polo secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves.

PSA Vigo/ Miguel Núñez

Os representantes sindicais incidiron en que o documento que recolle as alternativas da central para a automoción foi elaborado a raíz do debate aberto cos delegados/as e traballadores/as do sector para analizar os retos que ameazan o futuro dunha industria estratéxica para Galiza, en especial para as comarcas de Vigo e Ourense.

Entre estes retos atópase a desaparición dos motores diésel, “algo terribelmente negativo para o noso país, xa que a principal factoría asentada no noso territorio produce vehículos para profesionais e de baixo custe, sectores que mercan fundamentalmente automóbiles diésel”.

Polo tanto, consideran fundamental apostar por vehículos menos contaminantes (híbridos, eléctricos e híbridos a gas); así como polo coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi feble a respecto doutros países.

“É necesario que a Xunta faga públicas as axudas a este proxecto, e que cantidade delas quedan aquí ou se invisten en Portugal, país que si está a apostar estratexicamente polo coche autónomo”.

PSA Vigo/ Miguel Núñez

O documento tamén recolle unha serie de propostas sectoriais, como a creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades; o compromiso de todo o sector de non afondar na precariedade laboral, non abusando da contratación por ETT, multiservizos ou centros especiais de emprego; a aplicación do convenio sectorial ou da empresa principal a todos os traballadores/as do sector; e impulsar un plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i, especialización para a produción de vehículos de alto valor engadido e optimización de procesos produtivos, “pulando polo aproveitamento das sinerxías entre as factorías principais e a industria secundaria”.

Finalmente, adiantaron que nos vindeiros días trasladaranlle o documento ao conxunto do sector (CEAGA, empresas e traballadores/as), á Administración pública e aos distintos grupos políticos con representación no Parlamento galego.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...