InicioSociedadeJuan Carlos Meana: "Pertencer a unha lingua é ser partícipe dunha visión...

Juan Carlos Meana: “Pertencer a unha lingua é ser partícipe dunha visión do mundo”

As linguas, moito máis que unha ferramenta para comunicarnos.

PUBLICADO O

Como unha “acta notarial onde se vai solapando a experiencia persoal cunha reflexión sobre a lingua e como esta nos transforma” presenta o artista e profesor da Facultade de Belas Artes da UVigo Juan Carlos Meana o seu novo libro ‘El aprendiz de lengua extranjera’, que na tarde deste mércores centra un coloquio na Casa das Campás, no que o artista e ensaísta estará acompañado pola historiadora de arte e comisaria Elena Bangueses.

Partindo das súas propias experiencias nunha estadía dun ano en Londres, Meana propón neste novo libro unha reflexión sobre “como construímos a nosa subxectividade e a facemos crecer no contacto cos outros”, sobre como, subliña, “a nosa relación coa realidade pasa pola palabra”.

“Tómase como pretexto o proceso de aprendizaxe da lingua estranxeira para falar dunha experiencia que crea subxectividade”, sinala o profesor do Departamento de Pintura do libro publicado por Arte Activo Ediciones, no que reflexiona sobre como “cando cambiamos de contexto e a realidade pasa por outra lingua que non é a materna”, isto trae consigo un “proceso de observación e achegamento” á realidade diferente do vivido a través do idioma materno.

Portada de “El aprendiz de lengua extranjera”

Ao longo do libro Meana traza un paralelismo entre ese achegamento a unha nova realidade, “moito máis preciso e consciente”, que implica a aprendizaxe dunha lingua estranxeira e o propio coñecemento da lingua materna, “feita de automatismos que nos posúen”.

Nese senso, o autor busca pór de relevo no libro que, tras ser presentado o pasado mes de novembro no Museo Artium de Vitoria, nesta xornada centra unha actividade promovida polo Ateneo de Pontevedra na Vicerreitoría do Campus, como as persoas “estamos xa moldeados”, pola lingua, “que é moito máis que unha mera ferramenta para comunicarnos”.

Trátase, sinala, “da forma de articular o noso pensamento racional e sensible establecendo así a nosa relación coa realidade”, motivo polo que a aprendizaxe dunha nova lingua, sostén, é tamén “unha oportunidade para pensar na propia”, para reflexionar, como acontece neste libro, sobre como “a nosa identidade está forxada sobre unha subxectividade moi fráxil, non exenta de ser ampliable”, neste caso, como aprendiz dun novo idioma. “Falar unha nova lingua é forxar unha nova forma de pensar”, conclúe.

Á hora de describir o seu terceiro libro, tras ‘El espacio entre las cosas’ (Deputación de Pontevedra, 2002), e ‘La ausencia necesaria’ (Dauro, 2015), Meana recoñece que ‘El aprendiz de lengua extranjera’ “non é un ensaio ao uso sobre a linguaxe, para iso hai expertos na materia”.

Mais ao mesmo tempo, o ex-decano de Belas Artes salienta que tampouco un libro de poesía, “aínda que poida haber certa prosa poética”, nin tampouco “un relato que conte unha historia”. Trátase, sinala, dunha reflexión “a modo de autoindagación”, sobre a linguaxe, “sobre aquilo fráxil que sostén a nosa identidade como é a lingua”.

Recoñece Meana que, como artista plástico, a súa escritura naceu do propio proceso de “pensar sobre as imaxes”, da necesidade de escribir sobre as imaxes, un aspecto que tamén está presente nesta publicación, que a diferencia das anteriores si partiu dunha reflexión sobre as propias verbas, e que centra un capítulo no que aborda os vínculos entre palabra e imaxe, así como o uso das verbas “como elemento plástico”.

Do mesmo xeito, Palabra e lugar é o título doutro dos capítulos dun libro nos que Meana incide en que “o dominio dunha lingua é un dos piares de identidade e de ligazón a un grupo social”, de tal xeito que “pertencer a unha lingua é ser partícipe dunha visión do mundo”, mentres que o dominio do idioma dun determinado lugar produce “un sentimento de estranxeiría e de apátrida” que, recoñece, está “moi presente” no seu propio traballo artístico.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...