Ante unhas pistas de Balaídos que perderon a homologación e non celebran xornadas: “O futuro é unha pista pechada”

O olímpico David Gómez traslada o malestar dos atletas pola situación das pistas de atletismo.

Pista de Balaídos/ Miguel Núñez

Xornal de Vigo falamos con David Gómez, atleta olímpico, do mal estado das pistas de Balaídos, que non só viron reducidos os seus horarios nos últimos anos, senón que veñen de perder a homologación e polo tanto non celebraron unha soa xornada atlética no que levamos de tempada. 

“Non se celebra en todo ano un só evento de repercusión, e o Trofeo Cidade de Vigo cada vez vai a menos, invístese máis nas populares porque dá máis votos”, lamenta Gómez, atleta histórico da provincia, nado no Rosal, aínda que adestrou en Vigo durante a meirande parte da súa carreira deportiva. Agora exerce de adestrador nas mesmas instalacións.

“No outono botaron tartán por riba, taparon as liñas e perdeuse a homologación. O tartán que botaron na pista nin sequera é da calidade idónea, cando a International Association of Athletics Association (IAAF) esixe unha determinada mestura, e botaron o do ‘parque dos nenos”, denuncia.

“Os obreiros comezaron as obras, quedaron sen material e marcharon. Cando saíu o asunto en prensa, voltaron, botaron máis tartán, logo dixeron que non podían seguir pola chuvia e xa non apareceron”, engade o olímpico.

David Gómez, lanzando o disco en representación da selección española de atletismo / davidgomezmartinez.es

Así foi como perdeuse a homologación, e o proceso para recuperala é complicado: “A homologación hai que pagala, e o único encargado ao respecto na nosa contorna é un xuíz que está na Coruña. Hai que chamalo, que veña, arranxar o que estime necesario, agardar o seu regreso… A este ritmo, o trofeo Reconquista (o primeiro da tempada de verán), non vai existir”.

Todo súmase: “As xornadas de pista cuberta desapareceron. Toca emigrar a Braga ou Ourense. É tan incrible como se o Real Club Celta, o equipo de fútbol, tivera que acudir ao campo do Compostela para adestrar. Sempre houbo dúas series municipais en inverno, desde que levo aquí hai décadas. Só espero que cando menos se reinvirtan no verán”.

“E isto non se consultou, apareceron na pista os obreiros e non sabía ninguén que ían acometer estas obras, que nin sequera eran prioritarias“, denuncia.

“Cando foran as obras no Parque de Castrelos si consultaron aos adestradores, que é como se ten que facer”, compara: “Aquí na pista non se consulta nada. Levamos xa máis de dous meses sen homologación. E adestradores e atletas acudindo a Cangas a adestrar porque decidiuse que as pistas non abren pola mañá. Non temos forza. E con todos os que irían de mañá e agora van de tarde, satúrase a pista”.

Pista de Balaídos/ Miguel Núñez

“Ourense ten 4 pistas, Lugo 2 mais o módulo, A Coruña 2, temos as mesmas pistas de atletismo que Tui, unha, sendo a cidade máis grande de Galicia. Tiñamos a das Travesas e a eliminaron. A do Cuvi está desfeita e non é pista, non ten colchonetas, nin xaula nin nada”, engade.

“Eu a día de hoxe se tivera que entrenar a alto nivel non estaría en Vigo, cando en tempos me mudara aquí desde O Rosal para poder adestrar 3 horas de mañá e 3 de tarde. Agora é imposible. É o que lle pasou a Nediam Vargas, unha atleta de élite que tivo que marchar a Guadalajara, sendo recibida polo alcalde, e aquí botárana”, lamenta.

“Cada vez vai a peor e o futuro é unha pista pechada, o que interesa é un párking para o Celta”, considera: “Isto (as pistas e tamén o colexio anexo) custa moito diñeiro á Zona Franca e o Concello. E o párking non pode ir por baixo da pista, porque estamos a carón do Lagares, así que irá ‘por riba”.

Pecharana, virá a promesa dunha nova pista en Navia e pasarán 10 anos. Cando deberiamos ter unha pista neste lugar e outro en Teis, por exemplo, unha en cada ‘lado’, pero iso non vai pasar”, conclúe Gómez.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here