InicioPolíticaO BNG acusa ao PP de Elena Muñoz de ser "a porta...

O BNG acusa ao PP de Elena Muñoz de ser “a porta de entrada da ultradereita de Vox” en Vigo

“Temos que frear esta dereita que nos nega como galegos e galegas, que odia abertamente o noso idioma e a nosa identidade", denuncian desde o partido nacionalista.

PUBLICADO O

As declaracións sobre Vox de Elena Muñoz, candidata do PP en Vigo, non ‘pasaron por alto’ para o BNG. O candidato nacionalista, Xabier P. Igrexias, vén de criticar que “alén de seguir defendendo o indefendíbel, actuando como mera sucursal da Xunta de Feijóo que recorta a sanidade e que se nega a investir en Vigo, agora o PP ten un segundo obxectivo de cara as próximas eleccións municipais: abrirlle a porta á ultradereita españolista coa que veñen de pactar en Andalucía e coa que non descartan chegar a acordos en Vigo”.

Para Pérez Igrexas, as declaracións de Muñoz poñen de manifesto as verdadeiras intencións do que define como “as tres dereitas, que malia as súas diferenzas estéticas coinciden no fundamental”.

“Para nos é moi clarificadora esta posición do PP xa que define cal é o xogo da dereita, tanto da tradicional, representada polo PP, como da dereita ‘guay’ e pretendidamente rexeneracionista de Ciudadanos, ou a dereita máis ultra e reaccionaria representada por Vox”.

A este respecto, o candidato nacionalista advirte de que esas tres forzas “sempre estarán de acordo para tomar decisións de involución de dereitos, de negación da violencia machista, e contra da diversidade cultural e idiomática e da pluralidade nacional do Estado”.

Igrexas amósase contundente: “Temos que frear esta dereita que nos nega como galegos e galegas, que odia abertamente o noso idioma e a nosa identidade e que quere facernos retroceder máis de catro décadas”.

Fronte o que definen como a “ameaza machista, reaccionaria e antisocial das dereitas” a fronte nacionalista fala dun “compromiso claro coa igualdade efectiva que pasa por unhas políticas “radicalmente feministas” .

“Queremos unha cidade onde ningunha muller nin ningunha moza teña que pasar medo pola rúa, nin ser obxecto de ningunha das formas de machismo e iso esixe firmeza e chamarlle ás cousas polo seu nome”, sentencia Igrexas.

“Nun contexto marcado polas violencias machistas con denuncias, agresións e asasinatos”, o candidato nacionalista subliña que “o BNG estamos absolutamente comprometidos coas mulleres e coas mozas, e ese compromiso non é retórico, queremos que se traduza en medidas concretas e efectivas, en todos os niveis, a principiar polo municipal”.

O candidato do Bloque ironizou agradecendo a sinceridade de Elena Muñoz nas súas declaracións de onte, “para que as viguesas e os vigueses poidan tomar moi boa nota”. “Xa sabiamos que o PP non tiña un proxecto de cidade porque non están comprometidos nin con Vigo nin con Galiza, pero agora tamén sabemos que a súa intención é seguir sendo apéndice do desgoberno de Feixoó e o que é máis grave, ser porta de entrada da ultradereita máis reaccionaria”, acrecentou.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...