InicioSociedadeSanjurjo Badía, o home que revolucionou Vigo cos seus mil e un...

Sanjurjo Badía, o home que revolucionou Vigo cos seus mil e un inventos

Na fábrica 'La Industriosa' chegou a ter máis de 200 empregados, que celebraron unha homenaxe o día da súa morte.

PUBLICADO O

Despois de traernos a vida e obras de Ramón Nieto e García Barbón, o escritor e político Lois Pérez Leira continúa o recorrido pola biografía das maiores personalidades da historia de Vigo con Sanjurjo Badía.

Antonio Sanjurjo Badía naceu na vila mariñeira de Sada non ano 1837. No seu pobo natal aprende o oficio do seu pai, quen tiña un pequeno taller de fundición e reloxería. Naquel taller artesanal Sanjurjo aprende todos os trucos da mecánica. A súa mente xuvenil percorre os mil e un deseños.

Desde pequeno tenia un interese especial por inventar. -Cando sexa grande serei inventor- dicíalle aos seus amigos de Sada. Os veciños alcumárono “O Habilidades”. O seu pai tiña un traballo importante para aqueles anos, pero a súa familia era moi numerosa. A parte del, once irmáns compartían a casa, e o taller non daba para tantos fillos.

Aos 17 anos, igual que a maioría dos seus amigos, ten quer marcharse para a emigración. Desde o porto da Coruña parte nun vello barco de vela, chegando á Habana despois de varias semanas de navegación.

Fotografía de Sanjurjo Badía na súa idade adulta

Na illa, Sanjurjo pon un taller de calderería. A súa capacidade e laboriosidade daranlle rápidos resultados, logrando en poucos anos reunir un capital importante. Ao seu retorno instálase en Vigo, fundando ese mesmo ano un taller de fundición, que co tempo pasaría a ser ” La Industriosa”; no cal se construiría cinco anos máis tarde a primeira máquina e caldeira de vapor feita en Galiza. Logo pasan a repararse as maquinas dos vapores que fondean en Vigo, nos anos seguintes.

La Industriosa

Durante o derradeiro terzo do seculo XIX, Sanjurjo participará como técnico na montaxe de grande parte dos estabelecementos industriais que se ensaian na ría de Vigo. De entre eles quizais o máis destacado fora o de “A Cristina” unha grande fábrica de papel continuo, instalada no barrio de Lavadores e movida a vapor e forza hidráulica na que ademais é sócio a carón doutros persoeiros dá época, Antonio López de Neira e Norberto Velázquez Coppa.

Co paso do tempo, “La Industriosa” chegará a ter máis de douscentos operarios, contando asimesmo con varadoiros e estaleiros para buques de pesca, nos que se instalan caldeiras e maquinas de fabricación própia.

A principios de século a falta de pesca para fornecer á incipiente industria conserveira viguesa leva aos pescadores a necesitar barcos de mais potencia e autonomía de navegación. Para iso comezan a utilizarse barcos con motores de vapor.

Nun primeiro momento os pequenos barcos de vapor que eran utilizados polos nosos mariñeiros eran de pequeno calado. Os mesmos viñan provistos de maquinaria inglesa, ata que Sanjurjo Badía e os Barreras comezan a construír nos seus talleres La Industriosa a maquinaria necesaria para os devanditos barcos. O éxito desta fundición foi tal que durante a primeira guerra mundial algúns países compráronlle varias unidades.

Nos albores da Primeira Guerra Mundial rexístrase un impulso importante da construción naval, pasando da realización de pequenos barcos á construción de grandes buques de máis de duascentas toneladas. Nesta etapa tamén Sanjurjo Badía é un dos impulsores deste salto de produción, xunto aos estaleiros Troncoso e Santodomingo.

Unha das facetas de Sanjurjo foi tamén a de inventor. Durante a guerra cos EEUU inventa un artefacto submarino co fin de utilizalo na guerra. Moitos analistas políticos crían que os norteamericanos tiñan previsto atacar España. Sanjurjo era un dos máis convencidos de que ese ataque inexorablemente sería na costa galega, dada a situación xeográfica.

O 11 de agosto de 1898 realizouse no porto de Vigo a primeira proba dun dispositivo que o seu autor chamou “boia submarina” e que estaba dirixida á defensa dos portos. O experimento consistiu en”inmersión, flotación, e navegación baixo a auga” e segundo contas as crónicas da época, o aparello, en cuxo interior viaxaba o seu propio inventor, saíu airoso da proba.

O invento serviu para moi pouco, xa que aos poucos días o estado español e os ianquis asinaban o armisticio. Segundo conta o xornalista Igrexas Viqueira no Faro de Vigo: “Logo resultou que non viñeron os americanos e o sumerxible que provocou a admiración de propios e estraños, e correspondencia con Isaac Peral e Xullo Verne, foi celosamente mantido ao día de xeración en xeración, así ata a cuarta. Isaac Peral recoñece o prototipo de Sanjurjo como precursor do sumergible”.

Sanjurjo Badía nun submarino

Outro dos seus irmáns de nome José (que residía en EEUU) tamén ideou un buque submarino provisto de torpedos, cuxos planos e modelos chegou a enviar por conduto diplomático ao Goberno español desde Washington.

Sanjurjo era un galego que na sua vida non empregou outra fala que non fora a da terra que se honraba en telo por, e na sua memoria gardaba, como ouro fino, romances populares e tradicións con que engaiolaba aos que tingan a sorte de ouvilo.

En certa ocación diría: “Isto de que haxa galegos que non entendan a nosa fala é unha ridícula mentira. Eu non falo máis que como debo falar, e os señoritos que veñen á miña fabrica ben me entenden, porque a comenencia abre as portas dos entendementos”.

En certa ocación foron a visitalo unha “nutrida comisión de forzas vivas” da cidade da oliva, para lle dicir que parase os traballos da sua industria. Don Antonio nada lles dixo: invitounos a que visitasen a horta da fábrica, e cando estaban ante unha glorieta que dominaba todo Vigo, díxolles: “Toda esa fermosa vila que ven dende aquí, fixérona os obreiros. Esta fábrica, casas e ruas que van ata a ribeira son miñas, pero todo grazas ao traballo deses homes sofridos e bos. Vós podedes facer o que vos praza; mais eu non pecho a miña fábrica”.

Avenida de Sanjurjo Badía

Tal foi o agarimo co que contaba entre os propios traballadores que en xaneiro de 1920 organizáronlle unha popular homenaxe.

Sanjurjo Badía faleceu en Vigo o 9 de 1922. O xornal nacionalista “A Nosa Terra” sinalou ante o o seu falecemento: “Galicia perde un dos galegos de máis valer, e a redacción de A. N. T. envía á súa dona e aos seus fillos o testemuño do noso máis fondo sentimento”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...