InicioCulturaA banda folk Luar na Lubre trae a Vigo a súa última...

A banda folk Luar na Lubre trae a Vigo a súa última obra, unha homenaxe musical á Ribeira Sacra

Actuarán no Teatro Afundación o vindeiro 26 de xaneiro.

PUBLICADO O

Luar Na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk do noso país, publicou en maio un disco dedicado á Ribeira Sacra, que presentará no Teatro Afundación de Vigo exactamente dentro dun mes, o vindeiro sábado 26 de xaneiro.

A banda liderada por Bieito Romero segue a espallar a música, o idioma, e a cultura galega en diferentes lugares do mundo, desta volta co seu novo disco, ‘Ribeira Sacra’. A súa xira de máis de 40 concertos levounos por toda Europa (Reino Unido, Francia e Bélxica), América Latina, con especial presenza, por suposto, na Península e en Galicia. E aínda lle quedan outros 40 por realizar a comezos de 2019.

Luar na Lubre gravou en outubro de 2017 este novo traballo discográfico no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), que ten como obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio.

Este novo disco inclúe 26 temas que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías “que van lembrar e remarcar todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra”, en palabras de Bieito Romero, que salientou que esta é a primeira vez que se fai un disco destas características para potenciar e difundir a Ribeira Sacra a través da música”, un territorio “que é desde sempre patrimonio da humanidade, aínda que oficialmente aínda non, e a nosa idea é poder falar coa grandeza da Ribeira Sacra, potenciándoa a través da música”.

Canóns do Sil /XdL

‘Ribeira Sacra’ conta con ducias de colaboradores que achegan o seu grao de area ás 26 cancións deste disco: desde Víctor Manuel ata SES, pasando pola Coral de Ruada, Nani García, a asturiana Marisa Valle Roso ou Juan A. Antepazo de Astarot, Irma Macías Suárez, Brais Maceiras, entre outros moitos.

Bieito Romero remarcou na presentación que tivo lugar en Ourense que esta gravación “tocoume no corazón, porque as miñas orixes están na Ribeira Sacra, e ademais, para todos supuxo un proxecto moi especial porque comezamos a traballar nel na data en que os lumes fixeron estragos en Galicia, e o feito de estar nun territorio de tal alto valor natural, como é a Ribeira Sacra, nos fixo arrancar con moita tristura”.

Romero lembrou o labor etnográfico e de recolleita de sons naturais e testemuñas que enriqueceron este traballo musical. “Fumos polas aldeas a falar coa xente, recollemos sons de vento, carros, campás, e tamén imaxes de nevaradas, amenceres…, de tal xeito que neste traballo mestúrase a música co ambiente da Ribeira Sacra”. A súa pretensión, remata, “foi acadar unha banda sonora humana e natural”.

O traballo discográfico recolle tamén nas letras feitos e personaxes históricos, como Romasanta, e de lenda, como os Felos de Maceda e Esgos, de fonda tradición etnográfica no entroido, ademais de textos en barrallete, a linguaxe dos afiadores.

Luar na lubre

A banda liderada por Bieito Romero volve cun novo traballo despois dun dobre CD recompilatorio no que celebraba os seus 30 anos de traxectoria indiscutible. Luar Na Lubre foi premiada en numerosas ocasións con recoñecementos tanto a nivel galego e local, como a nivel estatal, con nove Premios da Música concedidos pola “Academia de las Artes y de la Música” ou cos dous discos de ouro por dous dos seus traballos ao superar as 50.000 copias vendidas en cada un de eles.

O primeiro deses discos (Plenilunio) foi entregado por Mike Oldfield na súa casa de Londres, e alí foi onde o músico británico versionou “O Son Do Ar” retitulándoo como “The song of the sun” e incluíndoo como track número 1 do seu álbum ‘Voyager’ no ano 1996. Este momento foi transcendental para a historia da banda, xa que abriu a posibilidade de que a súa música fose coñecida por un público máis amplo.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...