InicioSucesosConfírmase a pena de 14 anos de cárcere por ferir de morte...

Confírmase a pena de 14 anos de cárcere por ferir de morte á súa ex parella e abandonala a 50 metros de Povisa

Un home decidiu asasinar á súa ex-parella en 2015, e os xuíces veñen de determinar que só a vontade e coñecementos médicos da muller permiten que siga con vida.

PUBLICADO O

A Sala do Penal do Tribunal Supremo vén de rexeitar a aplicación da desistencia activa e a atenuante de reparación a un home que, despois agredir á súa exparella, abandonouna no coche a 30 metros da entrada de urxencias do hospital cun coitelo cravado no pescozo.

O tribunal desestima o recurso do condenado e confirma a pena de 14 anos e 11 meses de prisión que a Audiencia Provincial de Pontevedra lle impuxera por un delito de tentativa de asasinato, co agravante de parentesco e disfrace, e entendendo que non houbo arrepentimento na súa actuación.

O 12 de abril de 2015, segundo os feitos probados, o acusado dirixiuse en Vigo ao domicilio da vítima, con quen mantivo unha relación de convivencia durante tres anos, “coa intención de acabar coa súa vida”.

Coa cara tapada e con luvas, para evitar ser identificado, esperou a que saíse e, xusto nese momento, deulle unha puñada na mandíbula e asestoulle unha puñalada no costado. Despois, segundo os mesmos feitos, arrastrouna polas escaleiras e tras tirala ao chan cravoulle o coitelo no pescozo con tal virulencia que o mango rompeu.

O acusado accedeu ás súplicas da vítima, e levouna en coche preto do Centro Hospitalario Povisa. Unha vez alí, segundo os feitos probados, persistiu no seu inicial propósito de acabar coa vida da muller, e abandonouna a pesar de que estaba grave e semiinconsciente.

A vítima fixo un último esforzo vital e logrou aproximarse ata o hospital onde foi atendida. O recorrente reclamaba no seu recurso, que foi desestimado, a aplicación da desistencia activa –artigo 16.2 do Código penal- que dispón que quedará exento de responsabilidade penal polo delito tentado quen evite voluntariamente a súa consumación, ben desistindo da execución iniciada, ben impedindo a produción do resultado, sen prexuízo da responsabilidade en que puidese incorrer polos actos executados, se fosen constitutivos doutro delito.

“Non culminou a súa inicial acción de axuda e deixou á súa sorte á vítima”, subliñan os expertos. Á vista das probas practicadas, afirma a Sala, “non hai dúbida razoable sobre o feito de que o acusado non culminou a súa inicial acción de axuda e deixou á súa sorte á vítima que non morreu nese momento por dúas circunstancias postas de relevo na sentenza: o esforzo titánico que fixo para sobrevivir no último momento e os seus coñecementos médicos que lle permitiron actuar de forma correcta evitando a hemorraxia”.

A Sala indica que a vítima engadiu na súa declaración que facía presión sobre o coitelo para conter o sangue, o que evidencia os seus coñecementos sanitarios para evitar o resultado mortal.

“Non pode afirmarse que o suxeito activo abandonase a progresión delituosa da súa acción, en tanto que causou lesións mortais á súa vítima e deixouna abandonada á súa sorte e, desde logo, non evitou de forma eficaz o resultado de morte por unha acción positiva de desistencia, ao interromper o seu propósito inicial de axuda abandonando á vítima.

Tras analizar os feitos probados, o tribunal sinala que describen con acerto dúas fases na conduta final do recorrente. Na primeira, explican os maxistrados, despois de manterse durante uns minutos impasible ante o sufrimento da vítima, que sufrira unha brutal agresión e tiña cravado no pescozo o coitelo, accedeu aos seus rogos, baixo a promesa de que non lle ía a denunciar se a axudaba, e levouna ás inmediacións dun centro sanitario.

Na segunda, prosegue a Sala, o autor lonxe de culminar a súa inicial intención de axudala, deixouna desamparada a unha distancia entre 30 e 50 metros do centro sanitario, sangrando, co coitelo cravado no pescozo e semiinconsciente, de forma que a vítima veuse forzada a percorrer esa distancia como puido, e nun último esforzo vital conseguiu chegar ao centro sanitario.

Os maxistrados sinalan tamén que non hai razón algunha para dubidar das manifestacións da vítima, que mereceu o máximo crédito do tribunal, que foi “firme, precisa e persistente e, sobre todo, que o seu testemuño foi corroborado por probas testificais, periciais e mesmo pola declaración do propio condenado. Do mesmo xeito que considera conforme a dereito a cualificación xurídico-penal de asasinato en grao de tentativa, a Sala asegura que tamén é correcta a aplicación da agravante de disfrace ao utilizarse un medio hábil para dificultar a identificación, aínda que neste caso concreto non se puido evitar que a vítima lle recoñecese pola voz e a indumentaria”.

A Sala tamén rexeitou aplicar as atenuantes de arrepentimento do acusado e a prestación de auxilio á vítima debido a que “o autor non completou o seu inicial propósito de prestar auxilio indirecto á vítima, porque a deixou a unha distancia considerable do lugar no que podían axudala, de forma que só un esforzo descomunal e extremo da propia vítima evitou a súa morte”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...