O servizo de urxencias extrahospitalarias de Pizarro marcou este xoves o inicio dunha marcha histórica da cidadanía viguesa, que tomou conciencia, denunciou o estado da sanidade pública na cidade e en toda Galicia e reclamou medidas urxentes ao goberno da Xunta.
A mobilización deu comezo ás oito da tarde e continuou pasadas as nove. O percorrido pasou por Praza de España, Gran Vía e Urzáiz, e xa en Príncipe leuse un manifesto por un servizo “digno e de calidade”. A multitude berrou contra Núñez Feijóo, Jesús Vázquez Almuíña (conselleiro de Sanidade) e o xerente da EOXI de Vigo, Félix Ruibal. ‘Goberne quen goberne, a sanidade non se vende’, clamaban.