InicioMedio Ambiente e PatrimonioFalamos con Antón Lois de pobreza e superpoboación: "Convertirémonos nunha praga en...

Falamos con Antón Lois de pobreza e superpoboación: “Convertirémonos nunha praga en 2050”

Sobre as corridas de touros: "Se contemplan a morte dun animal como espectáculo, que lle poñan gradas ao matadoiro muncipal".

PUBLICADO O

Esta é a terceira parte da entrevista en profundidade de Xornal de Vigo a Antón Lois, responsable de comunicación de Amigos da Terra, delegación en Galicia de Amigos de la Tierra, e á súa vez delegación estatal da ONG Friends of the Earth.

Desta vez, tras tratar a fraxilidade do ecosistema do río Lagares e os ataques do home a un tesouro como son as Cíes, falamos de superpoboación e de maltrato animal. Na última entrega, a semana que vén, tratarase a especial relación que manteñen donos e mascotas.

India/ Miguel Núñez

P- Pode manter a Terra a máis de 7.000 millóns de persoas cun nivel de consumo cada vez maior?

R- Esa é a falacia do desenvolvemento sostible. Nun planeta finito nada se pode desenvolver infinitamente. O que temos é unha parte da poboación con tódalas  necesidades sobrecubertas e outra que non chega aos mínimos.

A nosa parte do mundo debe reducir o seu consumo para lograr o equilibrio. Se toda a poboación mundial consumira como unha familia de Europa precisaríamos 2 planetas. Temos que apostar por un decrecemento sostible, non é filosofía, é un problema físico.

India/ Miguel Núñez

P- Mais o número segue a crecer sen políticas decididas…

R- O problema da superpoboación convertiranos nunha praga en 2050. Só no momento no que se faga un reparto equitativo da riqueza se equilibrará a poboación. Para moitas familias do terceiro mundo é a única garantía de supervivencia.

India/ Miguel Núñez

P- Os seres humanos, por natureza, expandímonos en todas direccións. Neste senso, que opina de zonas de Vigo como o Areal, zonas de praia que se ‘converteron’ ao artificial?

R- É a invasión absoluta de toda a vertente marítima en base a un progreso mal entendido. Pero non podemos xulgar aos de hai 200 anos co que sabemos agora. Nese momento a natureza era o inmigo a bater polo home, a dominar. Pero cando se fai o recheo de Bouzas, nos 70, xa sabíamos máis cousas. E hoxe en día de ningunha maneira podemos seguir con esa rémora.

India/ Miguel Núñez

P- Como ecoloxista, que opina das corridas de touros?

R- Estou convencido de que as corridas van morrer de forma natural. Están xa nos derradeiros estertores, por moito que digan os taurinos. Eles mesmos o recoñecen. Se contemplan a morte dun animal como espectáculo, que lle poñan gradas ao matadoiro muncipal.

P- Que opina da utilización do termo ‘cultura’ como argumento? Non pode ser ‘cultural’ un hábito negativo?

R- Partimos da base de que a cultura é monolítica e estática. Hai moitas abrerracións no planeta, mantidas por ser tradicionais. Tradición era levar aos cristiáns a un círculo para que os papara un león. Hai que ver niso unha marabillosa práctica cultural? Ou a ablación do clítoris en moitos países. A cultura non xustifica todo. Afortunadamente, a xente e a cultura evolucionan.

India/ Miguel Núñez

P- Antes referiuse aos matadoiros. Que opina do estado no que se viven neles os animais ata ser eliminados?

R- Cantas persoas que comen carne habitualmente seguirían se os leváramos a un? Hai moitos xeitos diferentes de ‘producir’ esa mesma carne. Ese animal vai dar a súa vida por ti, non consideras que como mínimo debes tratalo ben, deixar que medre en liberdade cos seus conxéneres?

Cabalos/ Miguel Núñez

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...