InicioPolíticaMarea de Vigo pide o peche de Marcador e o Concello insiste...

Marea de Vigo pide o peche de Marcador e o Concello insiste en que non hai “síntomas de esgotamento” na grada

Mentres que Marea de Vigo acusa ao goberno local de non ter credibilidade en torno a seguridade de infraestruturas, Abel Caballero dixo de Marea de Vigo que "xa quixeron pechar Citroën".

PUBLICADO O

Este luns 17 de decembro tanto Marea de Vigo como o goberno local ofreceron roldas de prensa nas que defenderon visións antagónicas da situación do estadio de Balaídos.

Pola súa banda, Rubén Pérez e Xosé Lois Jácome, tras as denuncias realizadas nos pasados días por parte de aficionadas e aficionados que acudiron ao recinto, subliñaron:  “Cada vez que hai unha nova sobre unha infraestrutura nesta cidade, como pode ser unha desgraza coma a do Marisquiño, ou unha denuncia cidadá, coma a feita polo estado das gradas de Balaídos nestes pasados días, a contestación por parte deste Goberno municipal sempre é que os técnicos xa fixeron os informes correspondentes, pois vimos de pedir hoxe eses informes”. Unha hora máis tarde, o alcalde amosaría un estudo de 2013 en rolda de prensa.

“Mais, como non sería a primeira vez que neste Concello se fala de informes que despois semellan non existir, pedimos, de xeito preventivo, o peche da grada. Ata que exista a total seguridade de que o estado desa grada é absolutamente compatible coa presenza da cantidade de persoas que debe acoller, esa grada debe estar pechada e esas persoas redistribuídas en lugares que sexan seguros” matizou Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.

Marea de Vigo, en rolda de prensa/ Miguel Núñez

Rubén Pérez insistiu en que “xa non nos podemos fiar deste Goberno municipal en materia de seguridade, tal e comoademais está amosando na Comisión de Investigación do accidente de O Marisquiño e na documentación que está saíndo na mesma” matizou.

 “Xa está ben do sainete que levamos vivindo durante anos sobre quen se debería facer cargo da reforma de Balaídos, desde o 2015 dándolle voltas a esta cuestión, que ademais se prende e apaga segundo quen estea en cada administración. Nós imos dicir o mesmo sobre a implicación de Zona Franca, o mesmo cando estaba o PP e cando está o PSOE, non é función de Zona Franca meter nove millóns de euros na reforma dun Estadio municipal, como tampouco debería ser función da Deputación de Pontevedra”.

Pola súa banda, Xosé Lois Jácome incidiu en que a reforma de Balaídos tiña que ser acometida polo Concello de Vigo, “como infraestrutura municipal que é”. “Posteriormente o Real Club Celta deberá pagar o canon correspondente e xusto coa veciñanza viguesa, tal e como ademais o propio Club xa ten expresado estar disposto”.

Abel Caballero, en rolda de prensa/ Miguel Núñez

Para a Marea de Vigo, tal e como xa ten denunciado anteriormente, a reforma do Estadio de Balaídos é problemáticaxa desde a época na que se asinou o primeiro convenio coa Deputación aínda estando Louzán como presidente.

“En setembro do pasado ano, o alcalde anunciaba un novo comezo para o Estadio de Balaídos, coa sinatura dun novo convenio co RC Celta incluído, mais hoxe, máis dun ano despois, a situación semella non ter mudado un ápice”, engadiu Jácome.

Marea de vigo, en rolda de prensa/ Miguel Núñez

Do mesmo xeito, Jácome lembrou que a Marea de Vigo sempre pediu que no novo PXOM se lle dera encaixe á cidade deportiva, facilitando desde xeito que o Celta non marchase a outro concello para desenvolver o seu proxecto, “mais este Goberno non sabe o que significa a palabra diálogo cando se trata de chegar a acordos con outras administracións, acudindo á confrontación. E hoxe, á vista dos feitos, xa non temos moi claro se se quere velar pola seguridade das persoas que acoden ao Estadio de Balaídos ou se pretende facer disto outro campo de batalla entre a Xunta e o Concello”, conclúe o concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

“non hai síntomas de esgotamento da estrutura”

Pola súa banda, o alcalde de Vigo Abel Caballero explicou que o pasado 28 de novembro deste mes, un enxeñeiro externo -experto en cálculo de estruturas- da empresa Zubia Ingenieros realizou unha inspección visual de Marcador da que se desprende que non se aprecia “síntomas de esgotamento da estrutura” da bancada.

Abel Caballero abondou en que se detectaron fallos en xuntas en Marcador que hai que selar. Ao respecto, o alcalde anunciou para xaneiro o comezo dun proxecto para acometer a reparación destas “pequenas deficiencias”, pero “sen que exista síntoma de esgotamento da estrutura”.

Ademais, o alcalde citou un informe en profundidade sobre a estrutura do estadio elaborado por Galaicontrol no ano 2013. Sobre a bancada de Marcador, o análise concluíu a existencia de roturas e “desconchóns” no cemento que foron reparados “seis meses despois” da emisión do citado ditame, no mes de outubro do 2013.

En ton de broma, Caballero engadiu que Marea de Vigo ‘xa pediu o peche de Citroën”.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...