InicioSociedadeA moda máis vangardista da Universidade de Vigo desembarca en Santiago

A moda máis vangardista da Universidade de Vigo desembarca en Santiago

PUBLICADO O

As interseccións entre moda e arte constitúen un dos eixos centrais do labor que nos últimos anos vén desenvolvendo o grupo de investigación ‘dx7’ da Facultade de Belas Artes da UVigo, que coordina a directora de Esdemga, Lola Dopico, comisaria de ‘Especulacións utópicas’.

Interseccións entre moda e arte arredor do corpo, a exposición promovida xunto á Universidade de Santiago de Compostela que desde a noite deste xoves reúne no Pazo de Fonseca ás creacións de 25 artistas e creadoras formadas nesta facultade.

‘Especulacións utópicas’/ USC

Creacións que, como explica Dopico, articúlanse arredor dun nexo común, as ideas de corpo e corporalidade, que dan lugar a unha serie de “especulacións utópicas, de proxectos que desafían o habitual concepto de corporalidade” e que, aínda que en moitos dos casos sexan resultado do traballo con materiais téxtiles, van máis aló do deseño moda para reflectir un proceso de investigación artística.

‘Especulacións utópicas’/ USC

Inaugurada na noite do pasado xoves coa participación da vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo, ademais da propia Dopico, a exposición que ata o 31 de xaneiro poderá visitarse no salón artesoado e capela do colexio de Fonseca reúne os proxectos de 24 creadoras e un creador formados tanto en Esdemga como nos diferentes graos e posgraos que se imparten na Facultade de Belas Artes.

‘Especulacións utópicas’/ USC

“A verdade é que levamos tempo con gañas de facer un traballo deste tipo”, sinala Dopico desta indagación artística centrada nesa intersección entre arte e moda e articulada en base a unha idea moi concreta; a idea do corpo, “pero non dun corpo real, senón da extensión do corpo, dun corpo utópico, futuro, tecnolóxico…”.

‘Especulacións utópicas’/ USC

Trátase, sinala, dunha serie de obras “cunha marcada compoñente de investigación artística”, nas que conflúen tanto traballos relacionados coa indumentaria que parten do deseño de moda “para achegarse máis á beira da investigación artística”, como outra serie de creacións artísticas que se achegan tamén “ao vértice corpo-pel”.

‘Especulacións utópicas’/ USC

‘Especulacións utópicas’ recolle, como sinala Dopico, “moitos traballos relacionados coa indumentaria” e que suman ao deseño de moda unha compoñente artística que neste caso parte da investigación con materiais téxtiles, como sería o caso da proposta de María Cores, que en novembro obtiña o segundo premio en Debut, o desfile no que o alumnado de Esdemga presenta as coleccións que constitúen os seus traballos de fin deestudos, por unha proposta que “ten que ver coa sombra, co espectro”.

‘Especulacións utópicas’/ USC

Ou como sería o caso tamén de Ana Micaela Fernández, premiada cun accésit neste desfile e que presenta uns “vestidos lenzo” nunha exposición na que tamén están presentes gañadoras de anteriores edicións de Debut como José Cortizo, Sheila Pazos ou María Paz. De feito, entre os expositores figuran tanto novas tituladas como persoas que completaron hai anos os seus estudos, como é o caso de Isabel Marsache, que achega a esta exposición “un traxe de xastrería tradicional que reproduce a anatomía masculina”, explica Dopico.

Do mesmo xeito, entre as participantes figuran tamén persoas procedentes do ámbito das Belas Artes como Mar Ramón, que achega un traballo fotográfico que propón “unha revisión arredor da idea de corporalidade”, ou Basilisa Fiestras.

‘Especulacións utópicas’/ USC

Así mesmo, a mostra reúne pezas que se valen de elementos téxtiles para abordar cuestións como os estereotipos de xénero, no caso da proposta de Teresa Búa, ou propostas froito “dunha investigación artística de base tecnolóxica”, como o Enviroment Dress, un traxe que reacciona ante estímulos ambientais, que a doutora en Belas Artes María Castellanos desenvolveu xunto ao investigador Alberto Valverde.

Ana Abal, María Alborés, Tania Campos, Paloma García, Ainhoa González, Andrea Losada, Silvia Marra, Bibi Martín, Aida Mosquera, Laura Murillo, Estela Pérez, Sara Pérez, Inmaculada Rodríguez, Carla Soage e Sara Vigo suman así mesmo as súas creacións a unha exposición que Dopico desenvolveu coa colaboración das alumnas de doutoramento Ana Pérez Valdés, Irene Márquez e Helena Fernández-Novoa.

‘Especulacións utópicas’/ USC

A mostra que ata finais de xaneiro permanecerá ao carón da Praza do Obradoiro dá continuidade a unha colaboración entre as universidades de Vigo e Santiago que xa posibilitou a exhibición o pasado ano en Santiago de Tecido Cru, exposición que reunía unha serie de traballos do alumnado de Esdemga.

“Tanto para o grupo de investigación como para o máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda supón un xeito de amosar o traballo de investigación que se realiza na Universidade de Vigo nun contexto expositivo espléndido”, sinala Dopico dunha iniciativa que fai posible achegar estes traballos “a outros investigadores e espectadores” ,á vez que constitúe “unha grande oportunidade para os propios estudantes de amosar os seus traballos nun contexto diferente”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...