InicioSociedadeO CEIP Paraixal de Teis, familias e equipo docente unidos contra o...

O CEIP Paraixal de Teis, familias e equipo docente unidos contra o abandono da escola pública

"Un pouco de sensibilidade fai máis sinxelas as cousas", subliña Rute Pallarés, presidenta da ANPA.

PUBLICADO O

O Colexio Paraixal de Teis (Rúa Colexio Paraixal, 17), trae un modelo de ensinanza consciente, comprometido, igualitario e preocupado polo medio ambiente e o valor da nosa lingua e tradicións.

Neste senso, veñen de organizar unhas Xornadas de Igualdade nas súas instalacións, tralas que Xornal de Vigo entrevistamos á presidenta da ANPA, Rute Pallarés, coa que falamos do valor do ensino e, en definitiva, de como podemos conformar unha sociedade mellor.

Xornadas de lingua
Colexio Paraixal / Miguel Núñez

P- No pasado pleno municipal o Concello levou unha moción na que instaba á Xunta a invertir 5 millóns de euros na eficiencia enerxética dos colexios da nosa contorna. Que opina do estado dos CEIP vigueses, así como do actual sistema de ratios (número de alumnos por clase)?

R- Hai moitísimas necesidades especiais, diagnosticadas ou non, que é imposible cubrir nunha clase de 25 alumnos. Mentres atendes a un non atendes a outro. Por exemplo, poñamos por caso que se fan pis. Se estás dando clase non podes atendelo e saír con el para que se cambie, e ese neno está mexado dúas horas, que fas? Ou as merendas, como consegues que coman ben, con estes ratios? Ou como atendes un patio de 300 alumnos, evitando situacións de acoso?

Colexio Paraixal/ Miguel Núñez

Hai moito profesorado que máis que de baixar a ratio fala de aumentar o número de mestres e mestras, aínda que non sexa durante todo o horario lectivo, o cal sería ideal porque hai nenos que teñen capacidades e dificultades distintas.

P- Neste contexto de falta de recursos, un dos sinais de identidade deste centro é a cooperación de nais e pais coa dirección.

R- Neste cole as familias están moi implicadas, colaboran moito coas escolas e grazas a iso podemos organizar xornadas de Igualdade, Ecoloxía ou Lingua. Este cole é grandísimo, ten instalacións para entre 300 e 400 crianzas, pero o orzamento vai por crianza matriculada.

Así que temos un elevador para xente con cadeiras de rodas, pero non funciona porque arranxalo suporía terminar co presuposto dun ano. Ademais, os criterios pedagóxicos van cambiando, e hai que cambiar as instalacións.

Son pais e nais os que veñen á escola e fan o traballo. Con 4 meses de esforzo polas tardes conseguiron adaptar unha aula, e quedou espectacular.

Colexio Paraixal/ Miguel Núñez

Temos unha fraga ao lado, chamada ‘A Buraquiña’. Levábamos 3 anos reclamando que o Concello viñera a limpala, e ao final tivemos que limpala nós, coas familias e a axuda da Comunidade de Montes. A vez anterior xa a limpara tamén o plan comunitario de Teis. Teis e A Madroa están nun absoluto abandono.

P- É fermoso e curioso, o nome: ‘A Buraquiña’.

E tamén o da zona que dá nome ao colexio, Paraixal, pero descoñezo a toponimia. En canto á fraga, é moi bonita, de monte autóctono, é unha pena non conservala. Constitúe ademais un camiño natural para acceder á escola, que os avós lembran ter empregado na súa infancia, e agora poden descobrer os seus netos.

Colexio Paraixal/ Miguel Núñez

P- Semella que o CEIP Paraixal ten moitos anos de historia.

R- A escola instituíuse no 79, son instalacións moi antigas. Temos dous patios xigantescos pero un está pechado porque non se pode manter. E cando unha familia ven e observa como un patio está pechado, non dá boa imaxe, e quizais decida non matricularse, entón menos posible será abrilo… A pescada que se morde a cola.

Colexio Paraixal/ Miguel Núñez

P- Este descenso do alumnado, débese ao abandono destas zonas menos ‘céntricas’ de Vigo?

R- Por que a xente manda ás súas crianzas a colexios concertados? Eu o que vexo é un abandono da escola pública, non hai apoio real por parte das institucións. Unha escola sen posibilidade de ‘aula madruga’ para deixar ás crianzas cedo, que só pode abrir de 9 a 2, como compite cun colexio concertado que está dispoñible de 7 da mañá a 9 da tarde? A conciliación é moi importante nos tempos nos que vivimos.

P- Na derradeira xornada de Igualdade xogaron a un deporte descoñecido para moita xente. Como foi?

R- Contactamos coa ONCE e as crianzas coñeceron o goalball, que se xoga nunha pista marcada cunha cinta en relieve e cun balón con cascabeis (sen empregar o sentido da vista), e arrastrándose polo chan.

Regaláronnos un balón para poder xogar na escola, e na ximnasia seguen co goalball. De feito, o Vigoalball Chao de Lamas, o primeiro equipo de Goalball da cidade, están buscando un lugar para facer os seus adestramentos, lamentablemente o noso patio non dá as medidas.

Colexio Paraixal/ Miguel Núñez

Faláronnos tamén de barreiras das que non somos moi conscientes, como que para unha persoa cega unha rampla é moito máis complicada que unha escaleira, ao non permitir calcular doadamente os pasos.

Non son barreiras tan recoñecibles como as das persoas en cadeira de rodas. Ensináronnos, por exemplo, como pintar as escaleiras de amarelo pode axudarlles moitísimo.

Colexio Paraixal/ Miguel Núñez

Para as crianzas isto é estupendo, que vexan que non todo o mundo ten o mesmo nivel de visión pero cunha pequena sensibilidade por parte de todos podemos facer máis fácil as cousas.

P- Nas fotografías do compañeiro Miguel Núñez pode observarse que os nenos lavan os dentes ou os pratos despois de comer. É unha práctica cotía?

R- Si. De feito, en teoría é obligatorio en tódolos centros públicos, que todas as crianzas se laven os dentes. É parte da súa formación, sobre todo das crianzas pequenas. Pero estiven nalgún cole público no que non os lavaban, porque é complicado, podes non ser quen por falta de medios. As crianzas de 3 anos, ou estás con eles ou non os lavan.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...