“O día que nos falte Aspas baixamos a segunda”

A incerta situación do Real Club Celta de Vigo, a análise.

Aspas no Celta- Eibar/ Liga Santander

Que lle pasa ao Celta? Esta é a pregunta recorrente entre a afección celeste tras ser apeados na Copa de mala maneira e ás primeiras de cambio pola Real Sociedad, mentres resistimos como podemos en Liga, ben lonxe dos postos de Europa League (suposto obxectivo da tempada) nunha desilusionante 13º posición. Rematouse a afouteza?

En primeiro lugar, para abordar esta análise debemos falar da Liga española máis equilibrada que se recorda, con equipos como o Real Madrid ou o Barcelona (cuxos presupostos deixan nun xogo de nenos aos dos demais conxuntos) deixándose puntos cada xornada.

Así, o Barcelona, claro dominador da competición nesta década, vai primeiro pese a ter perdido dous encontros e empatado catro. As ligas dos 100 puntos, pola adopción do VAR ou polo que sexa, parecen cousa do pasado. Que dicir do Real Madrid, en quinto lugar da táboa clasificatoria.

Por mor deste equilibrio, o Real Club Celta 14 xornadas despois non está moi lonxe de Europa (a 4 puntos pero 7 posicións)… nin do descenso, tamén a 6 puntos e só 4 postos, hai que contalo todo.

Así que a frase tan típica de que ‘todo está por decidir’ ten moito de certo. Pero é que as sensacións tampouco son boas, a pesar de que a xuventude do equipo e o mantemento de figuras como Aspas ou Mallo ilusionaran aos seareiros nun primeiro momento.

Gorro de papel .
Cando o sol apreta e xa non queda nin gota sempre é útil o periódico diario /Miguel Nuñez

Despediuse a Antonio Mohamed pero non quedou claro que a deriva celeste fora culpa súa nin moito menos. O seu sucesor, o luso Miguel Cardoso, está a dar cunha de cal e outra de area. Xa perdeu e venceu en Liga pero vén de renderse antes de tempo na Copa xogando con suplentes un partido decisivo que só podía rematar en derrota. Non convence.

O talón de Aquiles segue a ser o mesmo que con Mohamed: a falta de solidez defensiva. Os datos son clarísimos. O Real Club Celta ten un ataque de Champions e unha defensa de Segunda.

Isto o reafirman os datos: só Barcelona e Sevilla golean máis. Mentres que o equipo catalán abre unha fenda co resto grazas aos seus 37 goles a favor, o Sevilla só anotou un tanto máis que os vigueses, 26 por 25 do Celta. Equipos con grandes dianteiras, como o Real Madrid e Atlético de Madrid, só levan 22 e 18 goles respectivamente.

Celta-Atlético de Madrid/ LaLiga Santander

Polo que resulta lóxico que parte do celtismo cite á dupla de Maxi Gómez e Aspas, unha das máis goleadoras de Europa, como os que salvan ao equipo de estar nunha situación aínda máis perigosa. Porque só os tres equipos en postos de descenso, Huesca, Rayo Vallecano e o histórico Athletic de Bilbao (que nunca baixou a Segunda) reciben máis goles.

Así, os afeccionados dubidan entre dar un voto de confianza a Cardoso para que se aclimate ao seu novo entorno ou amosar directamente o seu descontento coa xestión do equipo. E todo sen poder esquecernos da tensión coa presidencia, e os conflitos derivados do seu intento de venda do club ao capital chino.

Balaidos barrio
Entorno de Balaidos/Miguel Nuñez

Ao final, que as cousas non terminen de saír no campo (o fútbol ten moito de azaroso), é o de menos comparado coa perda de afecto e sentimento de pertenza cun club que pretendeu levar o estadio a quilómetros de Vigo. O celtismo, de seguir con estas dinámicas, pode rematar soando oco.

En canto á política de fichaxes, máis alá do positivo de contratar xogadores novos en ascenso como Fran Beltrán, non podemos esconder certa anarquía, esa sensación de que prima máis a rendibilidade (comprar para vender de volta algo máis caro) que o intento de construír un equipo competitivo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here