A loita de Antón Lois por conservar o medio: “A xente ía apañar cangarexos ao Lagares”

"Para o cambio climático é indiferente se Trump cre nel ou non", ironiza.

Negreira/ Miguel Núñez

Xornal de Vigo, preocupado polo estado de saúde dos espazos naturais da contorna e de todo o planeta, publica agora a primeira entrega semanal da nosa entrevista en profundidade con Antón Lois, responsable de comunicación de Amigos da Terra, delegación en Galicia de Amigos de la Tierra, e á súa vez delegación estatal da ONG Friends of the Earth.

Antón Lois, símbolo vivo do ecoloxismo en Vigo e a súa comarca, diferencia a ONG á que pertence das demais en que “hai máis autonomía dos grupos locais para que planifiquen as súas propias estratexias, e na preocupación polo impacto da degradación ambiental sobre as persoas”, explica.

P- Comecemos pola actualidade. Nas últimas semanas este mesmo xornal denunciou verquidos ao río Lagares. Falando con asociacións ecoloxistas como ADENCO, lamentaban que os crimes ambientais adoitan quedar impunes, polo difícil que resulta atopar aos culpables.

R- O do Lagares é un caso paradigmático disto. Ti atopas os efectos, a morte de centos de organismos. Cando unha vertedura ten a súa orixe nunha sustancia tan específica que só a emprega unha industria é relativamente simple identificar ao responsable, pero cando a vertedura é unha sustancia común tes un par de ducias de candidatos.

E sempre pensamos na parte estática, pero a vertedura tamén pode ser intinerante, calquera persoa pode chegar cunha furgoneta e verter alí. É complicado, e sempre ten que prevalecer a presunción de inocencia. Cando a substancia é gasoil e emprégana 50 empresas… Pero o problema xa non é iso, é cando é a propia rede de saneamento público a que fai a vertedura.

Vertidos no Lagares, 13 de novembro de 2018

P- Como é a situación actual do río?

R- O Lagares mellorou con respecto a hai 30 anos, pero aínda persisten estes residuos puntuais, e mesmo desde a propia rede de saneamento municipal. Hai unha certa sensación de impunidade ata coñecendo o responsable, porque cando chegan as sancións, despois do tempo, probablemente non cheguen nin ao 5% do que costaría un sistema de depuración, polo que non é exemplificante. Se o sistema custa 600.000 euros e a multa son 5.000… “Xa deixo pagada a seguinte”.

Vertedura no Lagares/ Miguel Núñez

P- Pero teño entendio que houbo un tempo no que a xente se bañaba no Lagares.

R- Si. E ían a coller cangarexos á desembocadura para cociñalos con arroz. O Lagares era unha cloaca, pero de vertidos orgánicos, non había esa carga química engadida. A contaminación orgánica era asumible polo ecosistema. Cando entra en xogo a química chega o colapso.

P- E pode chegar o día no que volvamos a bañarnos nas súas augas?

R- Por suposto que se podería, se existise a vontade de facelo. A cuestión é rexenerar o bosque de ribeira e controlar as verteduras de empresas e particulares, algo tan revolucionario como que se aplique a lei. Ata poderíamos chegar a beber a auga do río.

Antón Lois, retratado por Miguel Núñez/ Miguel Núñez

P- ¿Que opina da decoración de Nadal de Vigo, desde unha óptica medioambiental?

R- A contaminación acústica é algo que agora entendemos que é prexudicial para a nosa saúde e o entorno. Pero hai anos atrás era considerada como unha molestia, nada máis.

Aínda acabamos de comprender isto: a fase seguinte é facer o mesmo coa contaminación lumínica, que interpretamos como ‘moita luz pola noite’. Ten efectos na nosa calidade de vida e na nosa saúde, estamos confundindo aos nosos ciclos vitais, vivindo nun día permanente.

Luces/ Miguel Núñez

E non só é a cantidade, é o tipo de luz, branca, que se confunde coa do sol e altera o sono. As evidencias científicas nos din que prexudica aos animais e as prantas. Por suposto, a todo isto hai que engadirlle o gasto enerxético.

E logo hai outra, que é o que se manipula coas luces LED. Si, consumen 3 veces menos que unha lámpada tradicional, pero non falamos de empregar unha ou outra, senón de 9 millóns de LEDS. Se pos 100 veces máis de bombillas, o aforro enerxético vaise polo escorredoiro.

Luces 2 / Miguel Núñez

P- En canto ao cambio climático, parece que desde algúns sectores, como o exemplo de Trump en América, aínda non se dá por certo. Que opina ao respecto?

R- A ciencia xa hai moitísimos anos que non ten ningunha dúbida. Outra cousa é que Trump o discuta. El di que o cambio climático é cuestión de fe, que desaparece se non cres nel. Dirixe o segundo maior emisor mundial de CO2, e a súa postura implica retrasar a todo o mundo e as medidas a tomar. Porque ao clima lle é indiferente se Trump cre ou non.

P- Parece que a conciencia ecolóxica se instalou nos últimos anos na nosa sociedade pero permanece estancada, sen terminar de dar o paso.

R- Eu penso que o que avanzou moitísimo é a información. O que non coñece a problemática ambiental é porque non quere, co traballo que veñen realizando os medios, a ciencia, asociacións… Pero falta traducir isto en acción, ser quen modificar pautas na nosa forma de vida, e non agardar a que o fagan os outros, ao estilo Trump.

1 COMENTARIO

  1. En Vigo a contaminación acústica é un problema grave pero a política do alcalde favoreceu ás motos deixando de lado á bicicleta, e como vivimos nunha cidade motorizada a xente está a inundar as beirarrúas de motocicletas con total impunidade… (mentres todas as queixas van dirixidas ás bicis ou mesmo aos patinetes eléctricos!)

    Algúns pensan que esto é unha festa!
    https://flic.kr/p/M8UogN

    A manipulación informativa é unha das “armas de destrucción masiva” que deberamos controlar se queremos coñecer a situación real do mundo que estamos a construir entre todos !

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here