Investigan a unha nai por poñer ao seu fillo de 9 anos a vender globos á porta do MARCO

Museo MARCO/ Google

Axentes da Policía Local de Vigo que prestaban servizo na rúa do Príncipe observaron na tarde do pasado sábado que á altura do Museo do Marco un menor tentaba vender aos transeúntes uns globos luminosos de helio, que portaba nun carriño.

Cando os Policías preguntaron ao menor -que resultou ter nove anos-, que era o que estaba a facer; respondeu que os estaba vendendo. Segundo parece, fora a proxenitora do menor a que lle indicou ao neno que se puxese no lugar onde o observou a policía e que vendese os globos.

O menor estaba só, e a súa nai foi localizada á altura da rúa Progreso número 1, tamén na vía pública e vendendo globos similares aos que tentaba vender o neno. A muller foi identificada e advertida de que a venda ambulante estaba prohibida, e que ademais da infracción administrativa por incumprir a ordenanza; o feito de que utilizase ao seu fillo menor para levala a cabo, podería constituír unha infracción penal.

Procedeuse á identificación da muller, que ten o seu domicilio en Vigo, e deuse conta do feito á autoridade xudicial competente.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here