O vigués David Hernández presenta no Cineuropa o drama social que naceu co sufrimento dun can

Cine Galego
Presentación de 'La felicidad de los perros' / Miguel Nuñez

O Festival Cineuropa Compostela chega á súa 32º edición co eslogan “Escándalo, todo o cine en Compostela”, do 7 ao 23 de novembro. Este mércores 21 ás 20:15 horas presentou o director vigués David Hernández a seu primeira obra en formato longo, “La felicidad de los perros” (Adarme Visual, 2018).

Este autor, con experiencia en variados sectores como a fotografía, a televisión ou a publicidade, xa alcanzara festivais internacionais coa súa serie de curtametraxes “Spaces of Time”, pero agora o logra grazas a un elaborado drama que utiliza á crise económica como pano de fondo.

Presentación de ‘La felicidad de los perros’ / Miguel Nuñez

Levoulle 4 anos preparar esta película. Só a rodaxe durou 3, intercalándose montaxes e novas sesións de gravación. Non conseguiron unha soa subvención, pero se empeñaron en facelo. ‘La libertad de los perros’ é unha película amateur na súa escaseza financeira, profesional por quen a fixo e polo resultado.

“Á xente gustáballe, así que seguiron adiante”, confesa David. Por paixón, construíron algo desde a nada. O horizonte segue sen ser claro: asistirán tamén ao Festival Internacional de Xixón, pero non contan cunha distribuidora.

‘La felicidad de los perros’/ David Hernández

“A nosa película é pequena, e iso condiciona moito, non só para a produción senón tamén agora para a súa distribución, non podes ‘entrar’, aquí págase por adiantado”, recoñece David.

En principio, os festivais non pagan aos directores por visionar as súas películas, só son un ‘trampolín’ para que a xente chegue, ademais de conceder ou non a oportunidade de loitar por un premio económico segundo o caso. Así que a rendibilidade parece un horizonte aínda moi afastado.

Presentación de ‘La felicidad de los perros’ / Miguel Nuñez

“A seguinte película que faga ten que ser cun bo orzamento, isto é unha tolemia. Cada mes gravar un pouco, pasar case un ano en branco… Foi un milagre que a terminásemos. A xente non cobraba e cada un debíase ao seu traballo, non á cinta. Era moi difícil e estresante”, lembra.

“O cinema é unha arte moi complicada, porque require de moitos recursos. E entre técnicos e actores eramos entre 8 e 12, un equipo moi pequeno. De tódolos xeitos, gústame rodar con pouca xente, que sexa algo íntimo entre amigos”, recoñece o autor.

‘La felicidad de los perros’/ David Hernández

“Arriscas moito, primeiro a pasta e despois que quede ben. Participei en bastantes traballos e queres que polo menos o esforzo se termine vendo, porque moitos outros non se terminaron, perdéndose polo camiño”, lamenta.

Non se fai só o cinema que chega ao espectador. Por sorte, de entrada David e o seu equipo están en Xixón, Santiago e Madrid. E David defende que esta é unha película que pode gozar e comprender todo o mundo, debido a que o seu referente de fondo queda moi próximo: “O drama social, a falta de oportunidades na España da crise”.

‘La felicidad de los perros’/ David Hernández

Poucas oportunidades como as que tiña o seu equipo de levar o seu proxecto adiante. Paradoxalmente, en ‘La felicidad de los perros’ alguén busca “un espazo para desenvolverse como persoa”, que el atoparía na propia cinta.

É unha película en branco e negro, pero non quere que ninguén se asuste por iso: “Non se fai nada aburrida, non hai acción pero si ocorren cousas. Hai tamén unha parte contemplativa, de reflexión do espazo, que vai cambiando”.

Nunca se preocupou de máis por se decisións como esta lle ían restar público: “Era a opción que eu quería, puramente estética, e o que lle vai á historia. É unha película moi realista, e dáballe un punto de atemporalidade, quería distanciarme co agora, aínda que todo sexa a pé de rúa”.

Rodaje de ‘La felicidad de los perros’ / Adarme Visual

“Cando desenvolves unha película tes que tomar miles de decisións continuas”, resume. “A nivel narrativo nunca pensei no público, porque ao final se funciona a xente responde. Realicei obras por encargo, documentais, para TV… e aí si que penso no cliente. Pero no artístico é distinto, non podes buscar o agradar a todo o mundo, debes ser ti mesmo, sen deixarche levar por modas, tendencias, o que digan os demais. Eu fago o cinema que sempre quixen facer e ver”, celebra.

A historia comezou cunha pequena idea: “Vin un can atado nunha casa. Por mor diso busquei a comparativa co home. Ao principio quería que fose un curto, pero me puxen a escribir e cando me decatei tiña 70 e pico páxinas. A historia empuxábame cara a adiante”.

Rodaje de ‘La felicidad de los perros’ / Adarme Visual

David intercalaba as rodaxes con montaxe e moita reflexión: “É un logro que a xente que xa viu ‘La felicidad de los perros’ non perciba demasiado que entre un plano e plano pasou un ano. Conseguimos manter un raccord e un estilo”.

O director vigués considera que durante este longo proceso non se desviou moito da súa idea inicial. A xente que xa a visionou lle comenta que é unha obra moi súa, que reflicte como é el a nivel persoal.

Apénalle non ter máis diñeiro de presuposto porque “tiña que ir todo milimetrado, sen tempo a probar cousas. Así que estou contento de como saíu”.

Rodaje de ‘La felicidad de los perros’ / Adarme Visual

Os seus ídolos son Andréi Tarkovski (A zona, Solaris…), Michelangelo Antonioni ( Blow- Up, O deserto vermello…), Robert Bresson (Un condenado á morte escapouse) ou Ingmar Bergman (Persoa, O sétimo selo…).

Pero, ao final, “os referentes telos aí pero non sabes que empregas deles. Aínda que tentara copialos, non o conseguiría. Ás veces digo aos meus alumnos que copien, porque non se vai a notar, e vai saír algo totalmente diferente”.

‘La felicidad de los perros’, como explica o seu propio autor, nace do sentimento de fuxida. Tentou que o seu protagonista, César, represente a homes e mulleres actuais, que ‘aguantan’ como poden a treboada da realidade cotiá.

“La felicidad de los perros’ é unha viaxe, e como en todas as viaxes prodúcense cambios: físicos, psíquicos, espirituais. É unha película de claroscuros, de intuicións, unha película a medio contar. Unha invitación ao traballo activo do espectador, para que se mergulle na mirada de César e que senta os espazos, as paisaxes, os desexos”, resumía David no seu pressbook.

Alí, defendía tamén que “Fran Paredes, o actor que encarna a César, transmite toda a desazón e o desarraigamento do personaxe. No casting tiven claro que el tiña que ser o protagonista da película, porque a súa sobriedade na interpretación está complementada coa súa capacidade de facer de espello ante os acontecementos e accións doutras personaxes”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here