Suso Cortegoso: “O de actor é un traballo duro porque é inestable”

Falamos co actor Suso Cortegoso de cine, de televisión e da vida mesma.

Taller de expresión corporal de Suso Corteoso/ Miguel Núñez

Suso Cortegoso, actor e músico vigués con máis de quince anos de experiencia na televisión en proxectos como Serra Moura, está a emprender unha nova iniciativa nas instalacións de Caledonia Yoga (Rúa Conde de Torrecedeira, 26): un taller de expresión corporal e xogos en familia, iniciáticos á estrea actoral. O máis importante, pasar un bo rato.

Así que Xornal de Vigo falamos con el de cine, de televisión e da sociedade que nos tocou vivir.

P- A xente, polo xeral, ten a percepción de que os actores non adestrades.

R- Hai de todo, cada un traballa á súa maneira. Estes son exercicios que eu aprendín ao longo dos anos, daquela non había Escola Superior de Arte Dramático (ESAD), e facías pequenos cursos ou aprendías co mesmo traballo. Hai directores que meten moita caña, outros non, e actores ou actrices que se focalizan máis no corporal ou na voz. Para a voz hai moitos exercicios, coa dicción, a respiración diafragmática…

Son moitos os tipos de actores: teño un compañeiro que di que o mellor actor do mundo é Chiquito, que só ten unha personaxe. Os actores de antes viñan do teatro e o que facían era proxectar moito a voz, berrar moitísimo, facer xestos esaxerados… A TV e o cine estaban comezando e aínda non había unha técnica, eran practicamente actores de teatro aínda.

Taller de expresión corporal de Suso Corteoso/ Miguel Núñez

P- Este taller pode aportarlle tamén a quen non teña pensado ser actor?

R- Si, porque son exercicios nos que estás traballando a sincronicidade do corpo, a simetría… E o traballo de voz é util para un profesor, para dar conferencias ou cantar… para todo. Pero no que máis me insistía Maite (dona de Caledonia Yoga) é en pasalo ben, nos risos. Un exercicio que gusta moito, por exemplo, é xogár á pita actuando como chimpancés.

E, se a iniciativa ten éxito, espero que podamos facer unha montaxe pequeniña, que é o máis gratificante.

P- Como comezou a súa andadura no gremio?

R- Comecei a facer teatro con vinte e pico anos. Gustábame tamén a música (tocar a guitarra), pero non tiña pensado dedicarme a unha cousa nin a outra. Pero a vida che vai levando.

Tiven a sorte de facer TV seguido ata que chegou a crise. Non podo dicir que tivera unha vocación clara, pero para estudar era un petardo e cando traballaba nunha carpintería chegou a oportunidade e aproveiteina. Agora con 40 e pico anos veste sen traballo e pensas que igual te equivocaches de camiño. Pero de vello gaiteiro…

O de actor é un traballo que desfrutei moito, a pesar de que é moi duro, porque é inestable. É un gremio no que manterse está complicado. Nunca hai traballo para todos, e  nunha mala racha pásalo mal.

Taller de expresión corporal de Suso Corteoso/ Miguel Núñez

P- Coido que ademais é un sector con moito intrusismo.

R- A TV ten moita culpa diso. É un medio brutal, se o teatro o miran 60, a televisión 60.000. Entón claro que unha persoa que sae en TV se dá a coñecer. Tamén hai que dicir que hai xente que sen ter a formación actoral si son capaces de facelo ben. Porque como dicía hai moitas clases de actores, non hai unha única vara de medir.

P- Hai esperanza no sector?

R- Hoxe vexo nos mozos que teñen boa formación, e que a aproveitan para seguir o seu camiño actoral. De feito o ano pasado traballei con rapaces da ESAD nun proxecto.

Taller de expresión corporal de Suso Corteoso/ Miguel Núñez

P- Pode un actor, como dicía antes o seu compañeiro, ser bo só cunha personaxe?

R- Volvemos ao que falábamos antes. Os actores americanos ‘machotes’ como John Wayne ou Kirk Douglas eran actores incribles pero o que facían realmente era posar, sen parvadas nin nada, non facían o paiaso. Logo chegan actores como Marlon Brando, que traballaban diferente.

Se falamos de actores americanos falamos doutra galaxia, porque alí coidan máis a profesión, e teñen medios e cartos.

Taller de expresión corporal de Suso Corteoso/ Miguel Núñez

P- Cal é para vostede o mellor actor de sempre?

R- Iso é imposible dicilo, hai centos. De mozo si que tes referentes, como De Niro, que estivo constantemente traballando. É un exemplo de moitos. Ten películas mellores e peores pero a realidade é que leva de neno a vello facendo movidas. Ou Pacino.

Cando eu tiña 14 anos, vendo “Un tranvía llamado deseo”, acórdome de ter a sensación de ‘como mola, o que fai este home’. Transmitía sensacións bestiais. Eu sempre fun peliculeiro, mirábamos moitas películas na casa. En fin, que podería dicir centos de nomes, moitos polo cariño.

P- Entón, hai futuro para a profesión?

R- Eu interpretei hai uns meses durante dous capítulos unha personaxe de Serra Moura que fixera por derradeira vez hai cinco anos. E decateime de como todo cambiara, ía toda velocidade.

Non paras. Recuperouse un pouco a produción, si, pero non as condicións. Como pasa noutros tipos de traballos, claro. Trabállase peor, non se poden facer as cousas como se debería. Pero hai que facelas: non queda outra.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here