Un condutor ebrio invade a toda velocidade o carril contrario e case atropela un policía en Beiramar

Avenida de Beiramar / Street View Google Maps

Unha patrulla da Policía Local atopábase na Avenida de Beiramar durante a madrugada deste sábado tomando as primeiras medidas de seguridade debido a un accidente de tráfico.

Entón, os axentes observaron un turismo da marca Seat Ibiza que circulaba pola mesma vía sentido Bouzas a unha ‘velocidade inadecuada’. Un dos Axentes que se atopaba cunha paleta luminosa sinalizando a uns 50 metros do accidente indicou ao citado condutor que minorase a velocidade e que se detivese, facendo este caso omiso, cambiando de carril e continuando a marcha sen baixar a velocidade.

Ao atoparse co segundo axente de fronte, o Policía tivo que dar un salto cara a un lado para non ser atropelado, continuando o condutor a súa marcha sen deterse, levándose por diante sete conos que se atopaban sinalizado o accidente.

Outra patrulla iniciou a persecución ao ser alertada con anterioridade dos feitos acontecidos, observando que o condutor invadira o sentido contrario na entrada ao túnel de Beiramar, perdendo o control do vehículo e minorando a velocidade, volvendo posteriormente a renovar a marcha a gran velocidade.

Á altura da gasolineira, tomou a rúa Jacinto Benavente, non respectando o sinal de ceda o paso. Seguidamente continuou a marcha tomando a curva cara á dereita remontando a beirarrúa polo carril esquerdo (onde se sitúa Neumáticos Berbés), acelerando ata o final da rúa, lugar onde se detivo ao atoparse con outro vehículo policial de fronte, que lle cerrou o paso.

Unha vez detido o turismo, os actuantes comprobaron que o seu condutor presentaba síntomas de atoparse baixo os efectos do consumo de bebidas alcohólicas, polo que foi requirido para someterse á proba de determinación do grao de impregnación alcohólica, arroxando na primeira proba un resultado positivo de 0,72 miligramos de alcol por litro de aire expirado e 0,76 na segunda.

Durante a intervención policial, o condutor ‘foi correcto e educado’, recoñecen os axentes, resultando ser un home de 24 anos de idade, nado e domiciliado en Vigo, o cal foi encartado en dilixencias xudiciais por un presunto delito contra a Seguridade Viaria.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here