As familias do CEIP Castelao (Rúa da Pedra Seixa 35, Vigo) manifestáronse de novo esta fin de semana para demandar unha adscrición xusta para este centro de Navia, posto que polo momento os seus alumnos estarían obrigados a desprazarse a un instituto a máis de 10 kilómetros, o IES de Valadares, sen ofrecer alternativas de transporte público.
Tras diversas iniciativas e sen recibir resposta por parta da Xunta de Galicia, víronse ‘na obriga’ de repetir este acto reivindicativo para que os seus fillos e fillas poidan estudar preto das súas casas.

“Queremos dicirlle dende aquí que non é doado para nós tomar estas decisións, que non somos políticos, que só somos pais e nais defendendo o dereito dos seus fillos e fillas a recibir unha educación preto das súas casas. Deben saber que nós non somos o inimigo, que queremos colaborar e que temos moitas solucións a este problema que beneficiarían a todos e todas”, aseguraron intres antes da manifestación.
“Só precisamos que nos escoiten e que, entre todos, poidamos crear unha educación de calidade. Por iso, dende aquí, solicitamos o inicio de reunións que só poden ter un final favorable para todos e todas. Da mesma forma, queremos agradecer o labor dos medios de comunicación, institucións e asociacións de veciños que nos dan voz a través das diferentes canles. Esperamos que sigades confiando en nós porque para nós sodes fundamentais”, agradecían.