InicioMovementos SociaisOs traballadores de Povisa 'non se cren' as contas do Hospital e...

Os traballadores de Povisa ‘non se cren’ as contas do Hospital e continúan as mobilizacións

Os sindicatos non aceptan a conxelación salarial ata 2024.

PUBLICADO O

O cadro de persoal do hospital Povisa de Vigo desenvolveu este martes 13 de outubro a primeira das protestas convocadas polo comité de empresa para reclamar unha solución ao preconcurso de acredores que remate coa incerteza laboral que viven dende que se anunciase a medida hai xa máis dun mes. 

Os traballadores, que nos vindeiros días volverán a mobilizarse na sede do PP e no Sergas, rexeitan a conxelación salarial até 2024, cando remata o concerto entre o centro privado e a Xunta. Días despois, tamén se concentrarán na sede do SERGAS en Santiago.

Máis dun cento de empregados de Povisa participaron na concentración que se desenvolveu por espazo de dúas horas ás portas do hospital vigués, onde despregaron varias faixas e berraron consignas como “Povisa culpábel, Sergas responsábel”, “Non non non, á precarización” ou “Queremos negociar o convenio colectivo”.

A presidenta do comité, María Xesús Neira, da CIG, explicou que na última xuntanza coa empresa, que tivo lugar o pasado venres, a dirección de Povisa non lles avanzou “gran cousa” sobre o estado das negociacións co Sergas, e que o único que lles comunicaron é que estaban a analizar unha serie de propostas que a día de hoxe descoñecen.

Concentración do martes 13 en Povisa/ CIG

“Cando preguntamos como ía repercutir esta situación nas condicións laborais dos traballadores, a nosa sorpresa foi que con toda claridade nos adiantaron que non ía haber subida salarial e que non se ían sentar a negociar un convenio colectivo que leva oito anos caducado”, critica.

Segundo indicou, o argumento da empresa é que o acordo que está a negociar co Sergas “mantería as contas a cero, sen beneficios e sen perdas, algo que obviamente nós non nos cremos”.

Adiantou que os traballadores non están dispostos a manter o convenio conxelado até 2024 e que entenden, como así o manifestaron nas reunións, que no acordo final teñen que quedar recollidas as condicións laborais e salariais, o que suporía negociar o convenio, actualizar os soldos e que a xente á que se lle reduciu a xornada a 35 horas mensuais volva ás 45.

“En definitiva, o que pedimos é estabilidade laboral para os traballadores e a contratación de máis persoal, porque o actual número de empregados é insuficiente para atender as 139.000 cartillas”, subliñan desde a CIG.

Concentración do martes 13 en Povisa/ CIG

Diante disto, o comité elaborou un calendario de mobilizacións que comezou o martes con esta protesta diante de Povisa, mentres que o xoves da próxima semana desenvolverán unha concentración diante da sede do PP, na rúa do Príncipe, xa que esta formación votou en contra da proposta presentada no Parlamento galego para que se auditasen as contas de Povisa, se blindasen os postos de traballo e as condicións laborais e se aumentase o cadro de persoal. A semana seguinte teñen pensado trasladarse até Santiago para levar a cabo unha nova protesta, esta vez diante do Sergas.

“Non imos parar até que as nosas reivindicacións sexan recollidas no acordo, porque estamos convencidos de que vai ser beneficioso para a empresa, permitíndolle obter beneficios”, engaden.

Tampouco entenden que Povisa presentase o preconcurso de acredores e censuran que estea centrado especialmente en negociar co cliente principal, deixando os provedores nun segundo plano.

“O que tería aínda menos sentido é que finalmente presentasen o concurso, o que nos levaría a un proceso moito máis longo no que a empresa tería que achegar moita máis información da que está a facilitar agora, pero cremos que Povisa non está disposta a chegar a ese punto”, rematou.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

O BNG de Vigo pide ao Concello a mobilización de 200 millóns de remanentes ante a “ameaza” de bloqueo este ano

O BNG de Vigo urxiu ao goberno local de Vigo que mobilice uns 213...

Abel Caballero celebra a chegada da moi alta tensión eléctrica á cidade: “É o que Stellantis e a cidade quería”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores o anuncio da aprobación no Consello...