ADEGA móvese contra o lixo mariño, que asasina máis dun millón de aves cada ano

Xa só na praia de Cesantes, en Redondela, retiráronse 1.000 kg de lixo.

Baixo do mar / Photopin

Decenas de entidades colaboraron entre o 19 e 20 de outubro na VII edición da Limpeza de Praias: centros de ensino, asociacións ecoloxistas e culturais, concellos, escolas de surf, escolas de submarinismo, asociacións do mar e particulares non quixeron perder a oportunidade de axudar ao noso litoral.

A pesar do tempo chuvioso previo, nos días da limpeza o sol axudou a levar as tarefas con  entusiasmo. No día 19, adicado aos centros de ensino, participaron un total de 14 colexios de diferentes puntos do litoral galego. En Moaña, o CEIP de Tirán retirou 100 kg de lixo.

Os máis novos limpando as praias/ ADEGA

O día 20 chegou a quenda dos colectivos sociais: 16 entidades realizaron a limpeza en outros tantos puntos das 3 provincias costeiras. No conxunto da actividade participaron máis de 500 persoas e recolléronse máis de 4000 quilogramos de lixo, sendo o plástico o residuo máis abundante. 

A praia de Cesantes, en Redondela, librouse de nada menos que 1000 quilogramos de materias residuais grazas ao traballo de 35 voluntarios. En Nigrán, Prado Surf e o Concello de Nigrán colaboraron tamén e en Vigo Adega retirou 200 kgs na praia de Alcabre.

Néboa na praia/ Miguel Núñez

“As limpezas tamén serviron para dar a coñecer a importancia da conservación da biodiversidade litoral”, celebran desde ADEGA: “O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta debido á insustentabilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, á mala xestión dos nosos residuos e á falta de sensibilidade. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos”.

“Estes residuos teñen graves consecuencias para a os ecosistemas mariños: máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas, según datos de GreenFacts, morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño”, lamentan.

E advirten os ecoloxistas de que “o lixo tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. Outro dos graves problemas asociados a estes residuos é que provocan perdas económicas importantes porque diminúen a pesca comercial, degradan de lugares turísticos, ou requiren enormes investimentos na limpezas de praias”.

Especies mariñas / Photopin

Dende ADEGA fan fincapé na importancia de realizar estas limpezas de xeito manual, como “a única maneira de facer unha limpeza ecolóxica na que se preserve a flora e fauna da contorna, tendo especial coidado cos ecosistemas dunares”. 

O colectivo ecoloxista fixo entrega aos voluntarios do “Protocolo de Limpeza de Praias” no que se dan unhas pautas para facermos unha limpeza “ecolóxica”. Dito protocolo pódese adquirir en formato pdf na web de ADEGA ou impreso en papel no local de ADEGA Nacional.

Cabalo de mar/ Photopin

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here