A primeira película do director vigués David Hernández é seleccionada para o Festival Internacional de Cine de Xixón

'La felicidad de los perros'/ David Hernández

O Festival Internacional de Cinema de Xixón vén de publicar a súa programación de cinema español para esta nova edición e “A felicidade dos cans” do vigués David Hernández, producida por Adarme Visual, estrearase dentro da Competición Internacional Rellumes.

Esta sección do festival céntrase nas propostas máis arriscadas e independentes do panorama internacional, neste caso ‘A felicidade dos cans’ competirá con títulos como ‘Derechos del hombre’ de Juan Rodrigáñez e ‘Hamada’ do tamén galego Eloy Domínguez Serén.

Ademais de competir polos premios dentro da sección Rellumes, o filme tamén optará ao premio de mellor película española e mellor guión, xunto a todas as producións nacionais que participan nas diferentes seccións do festival.

‘La felicidad de los perros’/ David Hernández

A primeira longametraxe do cineasta vigués é un drama que ten como protagonista a César, “un home en paro, que sente atrapado nun mundo que non lle dá ningunha oportunidade e ante o cal decide cambiar o rumbo da súa vida”.

O papel principal está encarnado por Fran Paredes, actor moañés cunha longa traxectoria en teatro e televisión e para o cal é o seu primeiro papel protagonista nunha longametraxe. O reparto complétase cos actores galegos Deborah Vukusic, Santi Prego e Isabel Naveira.

A película rodouse entre Galicia, Zamora, Madrid e Portugal, cun proceso de produción que durou ao redor de tres anos desde o inicio dos traballos ata o peche da edición. Trátase dunha produción 100% galega do mesmo xeito que o equipo técnico e creativo, con ‘Adarme Visual’ á cabeza e coa colaboración de ‘Panificadora’, ‘E a nave vai’ e ‘Oh Drama!’.

‘La felicidad de los perros’/ David HernándeCi

O director, David Hernández, conta cunha ampla traxectoria no mundo audiovisual, posto que xa escribiu e dirixiu 5 curtametraxes de ficción e nos últimos anos traballou na serie Spaces of Time, proxecto de curtametraxes documentais sobre cidades europeas.

Adarme Visual, é a produtora baixo a que David Hernández realiza os seus proxectos xunto á súa socia Álex Penabade. “A felicidade dos cans” poderá verse no Festival Internacional de Cine de Xixón entre os días 16 e 24 de novembro, e a partir da súa estrea continuará o seu percorrido por festivais nacionais e internacionais.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here