InicioCulturaA insospeitada visión do novo libro de Xurxo Souto: "Vigo e A...

A insospeitada visión do novo libro de Xurxo Souto: “Vigo e A Coruña son a mesma cidade”

Que acontecería se as dúas urbes con maior número de habitantes de Galiza superasen os negocietes localistas e comezasen a colaborar?", pregúntase este músico, actor e escritor.

PUBLICADO O

Vigo e A Coruña son a mesma cidade. Esta é visión que defende Xurxo Souto na súa recente novela editada por Xerais “A Gran Travesía de Chiruca Macallás”, que está a defender nun roteiro intermitente que inclúe Urzaiz, Rúa da Torre, Teis e mais Labañou. Vén de presentala este mesmo luns na libraría Cartabón (Vigo, Urzáiz 125).

“Esta é unha visión como mínimo chocante”, recoñece: “Achego un argumento extenso: todo o mar. Diante dos ollos do océano, Vigo-Coruña son dous puntos de atraque, dunha mesma recalada, no medio da ruta marítima máis importante do mundo”.

“Por terra nada sabemos desta perspectiva, precisamente porque é un gran negocio a propia incomunicación”, lamenta. Un bo amigo seu, Pablo Gallego, profesor na Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña, comeza cada ano as clases deste xeito: “A carón do mapa de Galiza, un plano do metro de Tokyo. Ambos os dous coinciden en extensión. A principal diferenza, que o que por aquí é unha tortura de peaxes, convértese nun billete de metro pola banda de Xapón”.

“As persoas que viven no Calvario, en Coia ou Teis, son as mesmas persoas que viven nos Castros, Monelos e Labañou. Familias obreiras, de todas as aldeas, que viñeron buscar traballo á beira do mar”, compara.

Xurxo Souto, nun programa para nenos/ Galicia Confidencial

“Pero ninguén lle di á xente dos Mallos onde está Coia, nin aos de Teis onde queda Labañou. Un gran negocio, si, a incomunicación. Sobre todo para as elites dominantes que, dende sempre, procuraron que estas familias esquecesen as orixes para convertelas en dúctil masa popular, sempre disposta a seguir as arengas dos seus intereses localistas, intereses das elites, non dos obreiros”, engade.

“A Coruna é Vigo son a mesma cidade”, repite, “acudo ao aval da toponimia. Onde queda a Falperra? A reposta correcta é en Vigo e na Coruña. O Berbés en Vigo, mais a Berberiana na Coruña. Riazor no norte e tamén Riazó no sur -así o lembra aínda a xente maior- moi preto precisamente do estadio de Balaídos”.

“A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Este aserto é en si mesmo unha provocación. Mais tamén unha proclama de futuro. Que acontecería se a dúas urbes con maior número de habitantes de Galiza superasen os negocietes localistas e comezasen a colaborar?”, pregúntase o autor.

“Pois que non existiría poder portuario maior que o noso“, acrecenta, “pobre Rotterdam pequeniña e os seus oitenta quilómetros de peiraos. E comezaríamos por fin a lle quitar rendemento a ese inmenso negocio que flúe diante dos nosos fociños… cara outros portos”.

Berbes
Barco de baixura, entrando no porto /Miguel Nuñez

Este país deixaría de ser periferia, para nos converter -centro do mar- nunha verdadeira talasocracia. Por certo, mesmo contribuiriamos a mellorar a propiedade da linguaxe. Porque o día no que A Coruña e Vigo comezasen a colaborar de verdade, ninguén podería impedir que, honrando o seu nome, o Corredor Atlántico -grande eixo de comunicación transeuropeo- chegase por fin a Galiza”, asegura.

“Eu non o verei”, lamenta: “Entre outras razóns porque sobre os portos da Coruña e Vigo non deciden os habitantes da Coruña e nin os de Vigo. Dependen –tíralle do aire- directamente de Madrid. Eu non o verei. Arega de futuro. Quizá a miñas fillas si. Vigo e A Coruña son a mesma cidade… despois está Bouzas”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...