InicioEconomíaXuízo contra o funcionario do Concello de Vigo que supostamente 'enchufou' á...

Xuízo contra o funcionario do Concello de Vigo que supostamente ‘enchufou’ á cuñada de Carmela Silva o 15 e 16 de maio

A Fiscalía pide 8 anos de cárcere para o empregado público e sete para o xerente dunha empresa concesionaria.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá os próximos 15 e 16 de maio a vista oral contra o funcionario do Concello de Vigo, F.J.G.O.; e o xerente da empresa Imesapi, R.C.A., a quen a Fiscalía acusa os delitos de prevaricación, malversación e falsidade documental.

Este procedemento iniciouse por mor dunha denuncia do colectivo Xuntos por Galicia e, aínda que chegaron a estar investigadas varias persoas (entre elas a cuñada da presidenta da Deputación, Carmela Silva), finalmente serán xulgados un funcionario e o xerente da empresa na que, supostamente, foi ‘enchufada’ a familiar de Silva.

No seu escrito de acusación, o ministerio público considera que este funcionario, xefe do departamento de Participación Cidadá, “ideou un plan” para dar traballo a V.F.B., “muller moi afín a un membro do goberno local”. Así, sostén que F.J.G.O. requiriu a Imesapi para que empregase a esta persona, a pesar de que esta empresa (concesionaria dos servizos de atención e conserjería nos centros cívicos municipais) non necesitaba máis persoal.

Para que Imesapi pagase o salario a esta persona, “ambos acusados idearon un plan” polo que a empresa facturaba ao Concello diversas cantidades a través do “uso fraudulento” do procedemento de contratos menores, para a realización dunhas enquisas de calidade. Segundo a Fiscalía, esas enquisas foron realizadas, aínda que non pola empresa, a pesar do cal, Imesapi elaborou as facturas de forma “mendaz” e cobrounas.

PENAS

A acusación pública considera, por estes feitos, que F.J.G.O. incorreu nos delitos de prevaricación, malversación e falsidade en documento mercantil. Polo primeiro deles, pide que sexa condenado a 10 anos de inhabilitación; polo segundo, reclama unha pena de 5 anos de cárcere e 20 anos de inhabilitación absoluta; e pola falsidade documental, pide a condena de tres anos de prisión e multa de 10.800 euros.

Ademais, entende que R.C.A., é cooperador necesario nos delitos de malversación e falsidade, e pide que sexa condenado a 4 anos de prisión e inhabilitación absoluta durante 20 anos polo delito de malversación; e tres anos de prisión e 10.800 euros de multa polo delito de falsidade documental. Tamén reclama que ambos os acusados indemnicen ao Concello en 108.147,22 euros, polo custo das enquisas facturadas.

INSTRUCIÓN E ARQUIVO

Durante a instrución desta causa, foron investigados tanto os dous acusados como a propia V.F.B.; o concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor Rodríguez; os interventores municipais L.G.A. e J.R.G.C.; e un apoderado de Imesapi, J.A.M.B.

O xulgado decretou o arquivo desta causa, primeiro con respecto aos interventores e, posteriormente, con respecto á cuñada de Silva, ao concelleiro e ao apoderado da concesionaria.

En referencia ao edil de Participación Cidadá, a maxistrada sinalou que non resultaba acreditado que tivese coñecemento dos feitos supostamente delituosos. Do mesmo xeito, decretou o sobresemento con respecto ao apoderado de Imesapi, porque este non tiña poder de decisión sobre as contratacións de persoal na empresa.

En canto á cuñada de Carmela Silva, a titular do Xulgado de Instrución número 7 de Vigo decretou o arquivo da causa pola prescrición do suposto delito polo que era investigada (tráfico de influencias). No entanto, no seu auto, a xuíza indicaba que “resulta indiciariamente acreditado” que V.F.B. pediu emprego a F.J.G.O. “prevaliéndose da súa relación de parentesco” coa concelleira Silva.

ÚLTIMAS

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...

Detido na rúa Uruguai tras lesionar a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 45 anos de idade, J.K.V.,...

O goberno de Vigo rexeita debater unha moción urxente sobre as festas

O grupo municipal do PSOE de Vigo rexeitou este luns debater unha moción de...