InicioMedio Ambiente e PatrimonioPiden aumentar o imposto aos coches de combustión interna: "O dióxido que...

Piden aumentar o imposto aos coches de combustión interna: “O dióxido que podemos emitir acábase”

As emisións de CO2 do sector do transporte son as únicas que aínda seguen a incrementarse desde 1990.

PUBLICADO O

“O transporte emite CO2 e se a temperatura media global aumenta máis de 2ºC as consecuencias poden ser malas a catastróficas”. Así comezou a economista da Universidade de Cardiff Georgina Santos a súa intervención esta mañá no obradoiro da Cátedra Fenosa.

Nesta ocasión a charla centrouse na descarbonización do transporte, unha cuestión sobre a que tamén presentaron as conclusións das súas investigacións os directores da cátedra, Xavier Labandeira e Juan Antonio Añel. Tomaron parte na mesa redonda representantes da Autoridade Portuaria de Vigo e Naturgy, ademais de Santos e Labandeira.

A economista arxentina incidiu na súa exposición en que o sector do transporte é a maior fonte de emisións de CO2 en Europa e “é responsable do 27% do total das emisións de CO2 na UE, con coches e camións emitindo dous terzos deste 27%, o que representa o 18% do total das emisións de CO2”, asegurou Santos.

Á vez, advertía da necesidade de actuar con rapidez para descabonizar o transporte porque “a ventá de tempo que temos é chica e o dióxido de carbono que podemos emitir se nos está a acabar”.

Na inauguración do obradoiro, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo e o delegado de Naturgy en Galicia incidiron na importancia de que “existan iniciativas como a Cátedra Fenosa na que se dan a man os ámbitos científico e xurídico social para investigar en cuestións de gran relevancia para a sociedade”, asegurou Mónica Valderrama.

Pola súa banda, Manuel Pellicer referiuse ás frontes medioambiental, sociosanitaria, regulatoria, tecnolóxica e económica á hora de encarar o proceso de descarbonización.

Pola súa banda, os directores da Cátedra Fenosa presentaron no transcurso da xornada os resultados dalgúns dos traballos realizados este ano, como o referido á crise e reforma da fiscalidade sobre o transporte rodado.

Juan Antonio Añel, Georgina Santos e Xavier Labandeira/ Duvi

“En particular avanzamos no deseño e implementación dun imposto sobre o uso do vehículo, capaz de discriminar xeográfica e temporalmente a través de procedementos de xeolocalización, que sexa quen de mellorar considerablemente os resultados da tributación actual”, explica Xavier Labandeira.

Xunto á reforma da fiscalidade sobre o transporte público, o cambio climático e a precipitación extrema na conca Miño-Sil; a predición meteorolóxica estacional e subestacional aplicada á produción de enerxía eólica e a valoración da capacidade dos modelos climáticos para predicir ventos no futuro na península ibérica, son outros temas abordados nos traballos de investigación desenvolvidos nos últimos meses pola Cátedra Fenosa, cuxos directores avanzaron este venres algunhas conclusións.

“O número de casos de ata 30 días consecutivos sen chover na conca Miño-Sil duplicouse nos últimos 50 anos”, confirmou Juan Añel, que tamén puxo o acento sobre a necesidade de modelos con gran detalle espacial para ter en conta mellor o impacto da orografía nas precipitacións no futuro.

Tras confirmar que o sector do transporte foi o único no que as emisións de CO2 aumentaron e segue a incrementarse, comparado cos niveis de 1990, a economista Georgina Santos asegurou que “a redución de emisións non se pode acadar con melloras incrementais na eficiencia dos motores de combustión interna e existe un límite nas melloras á eficiencia e ese teito xa case se alcanzou”.

Santos explicou que para acadar os obxectivos do Acordo de París o transporte rodado necesita ser descabonizado para o ano 2050 e nese proceso os actores responsables enfrontan serios desafíos.

“As compañías petroleiras para sobrevivir deben diversificarse, pero isto implica reiventarse e basicamente deixar de ser compañías petroleiras”, asegurou a economista arxentina, que no caso doutros actores como a industria automotriz, as e os consumidores e os gobernos, considera que enfrontan un problema común que é o do custo das tecnoloxías limpas, “que son moi caras”.

Neste sentido, Santos lembrou, que aínda que a Energy Agency sinala que para o ano 2030 os coches eléctricos e os híbridos enchufables serán completamente competitivos cos vehículos de combustión interna en Europa, a realidade que é que a día de hoxe aínda non o son e as e os consumidores non poden compralos.

“A clave está nos gobernos, que teñen que cambiar os prezos relativos aumentando impostos aos autos de combustión interna e á gasolina e gasóleo e subsidiando os coches eléctricos para poder darlle a volta á balanza”, asegurou Georgina Santos, que rematou a súa exposición urxindo a acelerar a descarbonización, “por que tempo que temos se nos está acabar”, asegurou a investigadora.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...