InicioSociedadeO "vergoñento" balance das eleccións en PSA-Vigo: votos públicos, insultos, votacións grupais...

O “vergoñento” balance das eleccións en PSA-Vigo: votos públicos, insultos, votacións grupais e unha cabezada

PUBLICADO O

O Sindicato Independente de Traballadores (SIT) é calquera cousa menos independente segundo a Central Unitaria de Traballadores (CUT), e tamén para o groso dos traballadores de PSA-Vigo, que o nomean como “sindicato amarelo” ou mesmo directamente “sindicato da empresa”. 

“O SIT presentouse dopado ás eleccións sindicais”, lamenta Vítor Mariño, portavoz da CUT, agora o máximo expoñente da oposición ao SIT, sindicato hexemónico, tralo reconto das derradeiras eleccións en PSA. Venceu de novo o SIT con 20 delegados, e aínda moi lonxe quedaron a CUT (4), UGT (4 tamén, pero baixando con respecto a anteriores votacións), CC.OO (3) e CIG (2).

A CUT vén de denunciar nos xulgados maniobras de control do voto por parte de SIT e PSA, como serían a colocación de mesas auxiliares, as presións e os traballadores que, aseguran, van a votar “da man” de responsables da empresa.

“Aos traballadores con contratos indefinidos se lles advirte de non entrar nas cabinas, onde o voto pode ocultarse” lamenta Mariño. O segredo do voto é nulo, defende o sindicalista, mesmo algúns traballadores chegan a facer “ostentación” del, “unha práctica común que desde hai anos leva a moitos momentos de confrontación”.

Citroën /Miguel Nuñez

“Este ano foi dos de maior tensión, polo medo de que aumentáramos a representación”, salienta Mariño. “Había ata traballadores que ían de 3 en 3, ou incluso 4 xuntos, a votar, pasándolle un ao outro a papeleta”, denuncia.

E a tensión chegou ata o punto de que un delegado do sindicato SIT propinoulle un cabezazo a outro de CC.00. “Momentos de confrontación sempre houbo, pero non ao nivel deste ano, con agresións verbais, insultos, constantes, e chegando ao físico”, rememora.

“Á empresa non lle interesa un comité de empresa 100% do SIT, queren unha pluralidade controlada. O que interesa é que os que exercemos unha oposición férrea non subamos. As últimas sentencias (a derradeira obrigou a PSA a pagarlle 50.000 euros por vulnerar o dereito á folga) aumentan a tensión tamén”, relata.

Recorda Mariño que CC.OO e UGT non estiveran en principio en contra das mesas auxiliares, pero finalmente si firmaron con CIG e CUT un documento que denuncia esta situación. Agora, cos catro sindicatos “minoritarios” en contra delas, ten esperanzas dun cambio.

Pero, mentres, a situación é a que é: “Os traballadores eventuais chegaban asustados a votar, e os que teñen cargas familiares… Se non votan “ben”, non renovan contrato. E hai 1.800 eventuais no cadro de persoal, e os indefinidos son moitos de 4 horas só, de 5.000 só 1.400 escasos conservan a xornada de 8 horas”, lamenta.

“A precariedade é moi alta, e gracias a iso logran a maioría, estás nunha liña e queres chegar a outra”..

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...