Os traballadores, “a pelota coa que xogan Sergas e Povisa”, xa entre rumores de vender o hospital

Sindicatos en POVISA/ Miguel Núñez

O comité de empresa de Povisa reuniuse esta mañá cos medios para informar á poboación da situación no maior hospital privado do Estado, tras reunirse o pasado venres coa dirección da empresa.

O comité trasladou que segundo os altos cargos de Povisa “as negociacións co Sergas van mal, non se avanza gran cousa”. “O que estamos vendo é que isto se está alongando no tempo e non hai nada claro. Ti te reúnes co Sergas e conta unha versión, de que as negociacións van moi ben, de que se vai chegar a un acordo, e a dirección remarca todo o contrario”, denuncia María Xesús Neira, portavoz da CIG.

“Nós cremos que isto se vai arranxar, pero moito nos tememos que non se recolla o que estamos defendendo. Nós non nos metemos no acordo que establezan Povisa e Sergas, o único que nos preocupa é que nese acordo se recoñeza o mantemento da plantilla e as súas condicións de traballo“, subliña.

Desde o comité de empresa mantiveron reunións tanto cos alcaldes do Val Miñor como de Cangas, Moaña e Vigo: “Todos eles manifestan o seu apoio ás nosas reivindicacións laborais. Pedimos reunión co Sergas, que aínda non contestou. Escribimos ao Valedor do Pobo, aínda non contestou. Solicitamos participar nos plenos de Moaña e Vigo, tampouco contestaron, si o de Nigrán e xa intervimos no pleno de Nigrán este xoves”.

Traballadores de Povisa/ Miguel Núñez

Dan un prazo de dúas semanas como moito para que se resolva esta situación de incerteza na que vive o cadro de persoal de Povisa. Este martes concentraranse no Parlamento pola mañá, e pola tarde estarán presentes no pleno.

“Nós non imos negociar o concerto Sergas-Povisa, iso lle corresponde a eles. Nós só imos loitar polo mantemento dos postos de traballo. Non podemos traballar así, vítimas de que dentro duns anos a Povisa non lle cheguen os cartos que reciba e estemos na mesma. Queremos estabilidade”, recalca María Xesús Neira.

Non saben que acontecerá no futuro. Son optimistas con que as entidades chegarán a un acordo pero non con que este favoreza aos traballadores. Se non consiguen achegar posturas, “hai rumores de negociacións privadas para vender o hospital”, defenderon en rolda de prensa. Non descartan mobilizacións para os próximos días.

“O que pasa aquí non deixa de sorprendernos. Levamos 8 anos co salario conxelado, a práctica totalidade dos novos contratos son en xornada reducida de 35 horas… Todo isto que levamos anos denunciando, e ninguén nos fai caso. Non entendemos como pode haber horas mortas nun hospital. É un escándalo o que está pasando aquí”, salientou Neira.

Álvaro Otero, xefe de comunicación de Povisa / Pablo Núñez.

En Povisa síntense “secuestrados, e estamos fartos de que nos utilicen como refenes, porque estamos no medio e ao final os únicos que temos en perigo os nosos salarios e os que pagamos a problemática Sergas-Povisa desde 2010 somos os traballadores, somos os secustrados, a pelota coa que Povisa e Sergas xogan esta partida”.

“Temos que fiarnos do que di a empresa,que sufre perdas, pero non temos ningún informe nin nada que nos confirme que é así. Ademais, Povisa está dentro dun holding con beneficios e non deberiamos estar aquí falando disto. Chegado o momento supoño que os xuíces terán moito que dicir. Se somos do grupo para unhas cousas tamén somos para outras”, salientan.

Agora, “a empresa non quere unha interpretación do concerto, queren un concerto novo. O concerto, tal e como está firmado, non lles sirve”. 

“A xente se está cansando. Isto afecta no día a día. Se cobramos, se non cobramos, se para o mes fan un ERE… Aféctanos e afecta ao paciente. E a empresa, grazas á reforma laboral, ten todas as armas para facer os despidos”, lamenta o comité de empresa.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here