InicioMedio Ambiente e PatrimonioA maior rede de produción de sal do Imperio Romano era galego-portuguesa:...

A maior rede de produción de sal do Imperio Romano era galego-portuguesa: de Vigo a Matosinhos

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo de traballo do proxecto «A Guarda, Mar de Sal», encabezado por Brais Currás,
(investigador da Universidade de Coimbra e do CSIC) e Mar Cortegoso, directora das escavacións, segue avanzando nas investigacións sobre as Salinas do Seixal e Camposancos.

A última novidade é a constatación de que estas salinas forman parte do maior complexo de explotación do sal mariño ata agora documentado de todo o Imperio Romano, e que estaría formado por máis zonas salineiras da fachada atlántica do noroeste peninsular, emprazadas en Vigo, Cangas, Oia, Viana do Castelo e Matosinhos.

Estes avances, a piques de pechar xa a primeira parte deste proxecto, poñen de manifesto a importancia e relevancia desta zona para a produción de sal en época romana. Os
investigadores que coordinan o proxecto consideran que este sal estaría destinado á
produción de salgadura de peixe, unha industria que xa no tempo de Roma parece ter unha gran importancia nas costas do noroeste da Península Ibérica.

Salinas da Guarda/ Concello da Guarda

As evidencias identificadas de produción do sal dentro do proxecto «Mar de Sal» teñen
unha enorme transcendencia dado que a penas existen probas arqueolóxicas claras de
salinas mariñas en todo o Imperio Romano.

As estruturas documentadas na Guarda forman parte dun complexo maior que se estende polas costas da antiga Gallaecia e que supón unha mostra excepcional da produción de sal no mundo antigo, cun enorme valor científico e potencial patrimonial.

Durante o transcurso destas escavacións, e tal e como avanzou Mar Cortegoso, apareceron estruturas iguais ás documentadas nas Salinas de Vigo, moi características da época Romana, e que non deixan dúbidas sobre a súa cronoloxía.

Os materiais documentados na salina son semellantes aos que aparecen no castro do monte Trega da Guarda, o que confirma a relación entre estes dous espazos e a súa ocupación parcialmente sincrónica no tempo.

Salinas da Guarda/ Concello da Guarda

Aínda quedan moitas dúbidas por despexar. Gracias ás investigacións levadas a cabo sábese que as salinas son romanas, pero hai que afinar a súa cronoloxía con datacións mediante carbono 14 e coa datación dos pavimentos por termoluminiscencia; probas técnicas que confirmarán, máis polo miúdo, o que xa se pon de manifesto tralas escavacións: a importancia destas Salinas para o Imperio Romano e que estas forman parte dun complexo moito maior.

Ademais, este proxecto tamén permitiu coñecer as variacións existentes no nivel do mar entre a época romana e a actual. As salinas está parcialmente desmontadas polo mar, o que mostra que no tempo dos romanos o nivel da liña de costa era máis baixo. Durante o período final das escavacións contouse coa participación de alumnos das Universidades de Coímbra, Vigo e Santiago de Compostela.

«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona
do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se
levará a cabo en dúas anualidades.

O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía. O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68 euros.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...