Proba este “pasapalabra” para poñer a proba os teus prexuízos coa saúde mental

Pasapalabra/ Asociación Lenda Saúde Mental

Sabes cantas persoas padecen enfermidades mentais en Galicia… ou tan só na cidade de Vigo? Coñeces persoas de éxito que recoñeceran padecer un Trastorno Obsesivo Compulsivo (TOC) ou trastorno bipolar? Saberías dicir cal é a idade da vida na que acostuman aparecer este tipo de patoloxías?

Se a resposta a estas preguntas é afirmativa, seguramente sexas quen de lograr bastantes puntos neste pasapalabra en galego de #Mocidadesaudable, unha iniciativa posta en marcha por Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións federadas a propósito do Día Mundial da Saúde Mental 2018, que se conmemora o 10 de outubro.

Con esta campaña pretenden fomentar hábitos de vida saudables entre os mozos e mozas que axuden a previr posibles problemas de saúde mental. “Por iso, convidamos aos adolescentes, pais, nais, docentes, orientadores e orientadoras a informarse sobre a prevención e a detección dos problemas de saúde mental para romper o estigma que hai ao redor deles e aprender a recoñecer cando é preciso pedir axuda”, lembran.

Organizaranse diversas actividades estes días. Así, do 8 ao 15 de outubro hai unha exposición na sede da Deputación de Vigo chamada “Pies y Patas”, tamén en Vigo lerase o día 10 un manifesto na Praza do Rei ás 12 da mañá, e o xoves 11 haberá unha actuación de rap diante do MARCO.

Haberá tamén actividades en Cangas, Nigrán, Gondomar ou Ponteareas, onde a asociación Avelaíña organiza o día 10 de outubro unha marcha saudable dende o Concello á Praza Maior, onde participarán as asociacións da zona, coles e institutos. Ao remate lerase un manifesto. Haberá contacontos sobre saúde mental e actuarán alumnos do conservatorio.

Pulsa este enlace directo ao xogo

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here