“Puido máis o apego aos cargos que a valentía de recoñecer a responsabilidade no accidente”

Marea de Vigo vén de criticar duramente ao alcalde de Vigo que non asumira a súa responsabilidade, cando menos, na confusión de competencias entre Porto e Concello.

Así quedou a estrutura no accidente do Marisquiño / Miguel Núñez

Na súa revista “Lúa”, que vai polo terceiro número, o grupo municipal Marea de Vigo vén de denunciar varias cuestións, como a participación da empresa “Atlas Pelagic” en Conxemar, ou a situación coa concesionaria Dornier, pero sobre todo a “actitide” do alcalde de Vigo, Abel Caballero, con respecto ao accidente do Marisquiño.

“Moito se ten falado a un e outro lado da Canda e o Padornelo das histriónicas declaracións do alcalde de Vigo nas que retou a todos os exércitos galácticos para ver quen pon máis luces de Nadal. Pero, aínda que poida semellar imposible, non foi esa a situación máis vergoñenta á que nos enfrontamos a cidadanía de Vigo neste ano”, comezaba o artigo de opinión.

Continuaba con esta reflexión: “O máis vergoñento que aconteceu en Vigo nos últimos tempos, e tal vez unha das situacións más vergoñentas da historia da cidade, foi ver ás persoas con responsabilidade pública eludindo a súa responsabilidade. Puido máis o seu apego ao cargo que a valentía de recoñecer que nada do que acontece aos vigueses e viguesas nun ámbito público é alleo á súa responsabilidade”.

O que debería ser O Marisquiño/ Miguel Núñez

“Botar balóns fóra é dar a patética imaxe daquel capitán do Concordia que se afastou do barco en pleno naufraxio para dar as ordes dende a distancia e a seguridade da terra firme. O primeiro é poñerme a salvo e despois, xa veremos… Nas declaracións das persoas con representación pública e con capacidade executiva quedou patente que a súa primeira preocupación foi a de salvar o cu”, lamenta o autor.

Porque “non pode ser que un alcalde, ao chegar á dantesca escena que había naquel momento no paseo de madeira do porto deportivo, non se sinta responsable. Porque as persoas que os servizos de emerxencias ainda estaban a buscar eran vigueses e viguesas”.

“Haberá que ver cales teñen que ser as consecuencias políticas derivadas das posibles culpas, así como as consecuencias xudiciais que tamén poida haber. Polo de pronto, semella estar claro que había unha estrutura portuaria que non estaba en condicións de aguantar un peso que, en condicións normais, non debería ter problema”, resume.

O que debería ser o Marisquiño/ Miguel Núñez

Tamén está claro, defenden desde Marea de Vigo, “que esa estrutura portuaria sostiña un paseo que forma parte dunha actuación da que, no seu día, foron responsables o Concello, o Porto e a Zona Franca. Non está claro, en cambio, se na actualidade, nese espazo, conflúen varias competencias, en concreto, do Concello e da Autoridade Portuaria”.

“E, á vista das discusións actuais, aquí sí hai unha culpa: a de non deixalo claro. Se a consecuencia da falla de entendemento entre o Concello e o Porto foi o accidente do Marisquiño, a culpa é de quen non foi quen de entenderse. Concello e Porto terán, polo menos, que cargar con ese sambenito. Xa suficiente para ter que asumir, ambos, consecuencias políticas”, reflexiona.

Concluía o artigo opinando que “no que respecta ao concello, o que está máis que claro é que o alcalde é, unha vez máis, responsable de falar máis de si mesmo que da cidadanía á que representa. Foi, a todas luces, unha actitude irresponsable. Coa paiasada das declaracións virais sobre as luces, o alcalde, máis que deslumbrar, o que pretende é poñerse a contraluz para que non se lle poida ver a cara”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here