Enumerando os beneficios da actividade física para os renais crónicos, “a enfermidade silenciosa”

Trail, Alexis Martín/ Photopin

Recoñecida xa como epidemia pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a enfermidade renal crónica é unha “enfermidade silenciosa que afecta a unha de cada dez persoas no mundo”, segundo salientou este luns nunha conferencia na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Paula Filgueiras, responsable do grupo de apoio en hemodiálise da Fundación Renal Iñigo Álvarez de Toledo (FRIAT).

Unha patoloxía fronte á que o exercicio físico supón “beneficios tanto a nivel cardiovascular, como de mobilidade, xa que soamente o tratamento supón para un paciente renal un 35% máis de sedentarismo que o resto da poboación”, pero tamén a nivel psicolóxico, segundo explicou Filgueiras na conferencia que este luns impartiu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo.

Neste acto achegou tamén ao alumnado ás características do programa de exercicio que a FRIAT desenvolve con pacientes en diálise e no que, grazas ao convenio asinado entre esta fundación e a Universidade de Vigo, o alumnado do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte poderá realizar prácticas nos centros da FRIAT en Vigo e Porriño.

Posto en marcha en 2016, o programa de deporte en sala que a FRIAT implantou en Madrid coa colaboración das universidades Politécnica e Europea de Madrid e polo que teñen pasado xa preto de 400 pacientes con diálise ten amosado, explicou Filgueiras, moitos beneficios “que xa tiñan recollido diferentes estudos internacionais”.

Por unha banda, a realización deste programa, que se desenvolve exclusivamente en sala “porque os pacientes teñen que estar monitorizados e moi vixiados, xa que son pacientes pluripatolóxicos”, supón un aumento da capacidade funcional, da forza e da masa muscular, pero tamén trae consigo unha diminución do sedentarismo, da inflamación provocada pola retención de líquidos, do “estrés oxidativo” e do grao de discapacidade.

Implica así mesmo, sinalan desde a FRIAT, melloras da capacidade aeróbica e da hixiene postural das e dos pacientes, así como retardar a perda de masa ósea. Así mesmo, a actividade física trae tamén como consecuencia unha diminución dos estados de ansiedade e de depresión, como puido comprobar a fundación no estudo que en 2015 realizou coa Universidad Europea de Madrid como paso previo á posta en marcha dun programa de exercicio en sala “que agora queremos traer aos centros que temos en Vigo e O Porriño”.

 

Paula Filgueiras achegou o alumnado á realidade das e os enfermos renais crónicos/ Duvi

Entre cinco e sete millóns de persoas, explica Filgueiras, están afectadas en España pola enfermidade renal crónica, unha patoloxía na que “hai diferentes graos e que permanece moi na sombra”, xa que, polo xeral, “non dá a cara ata que os riles están moi danados”.

Neste punto, no que se ven afectadas as “dúas funcións básicas” dos riles, a depuración do sangue e a eliminación de líquidos, “só quedan dúas opcións”, explicou, un transplante no caso dos órganos máis danados ou a diálise, un tratamento que supón estar “unha media de catro horas deitados e conectados a unha máquina, un día si e outro non”.

Isto motiva, sinalou a conferenciante, eses maiores índices de sedentarismo por parte de pacientes que empregan “soamente para o tratamento entre 18 e 25 horas á semana”, ao que se suma o feito de que en moitos casos “son pacientes afectados doutras patoloxías” que nalgúns casos poden ser as que levan ao “fracaso renal”, como poden ser as cardiopatías ou a diabetes, fronte ás que, lembrou, a prescrición de exercicio físico implica tamén “moitos beneficios”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here