InicioMedio Ambiente e PatrimonioA UVigo cooperará no estudo das "extincións invisibles" de especies endémicas na...

A UVigo cooperará no estudo das “extincións invisibles” de especies endémicas na Península

PUBLICADO O

As especies endémicas caracterízanse porque a súa área de ocupación está restrinxida a unha zona xeográfica concreta e son especialmente vulnerables á extinción, se o seu ecosistema sofre perturbacións.

As principais causas da súa desaparición, como a sobreexplotación dos ecosistemas, a contaminación, o cambio climático ou as especies invasoras, están amplamente documentadas.

Pero existe un fenómeno pouco coñecido, as extincións invisibles, nas que se centrará un novo proxecto de investigación no que están implicados o grupo Divulgare, da Universidade de Vigo, a Estación de Zonas Áridas de Almería (CSIC), as universidades de Granada, Coimbra e Pablo de Olavide e o Parque Natural de Cazorla, Segura y las Villas.

Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo, como explica Luis Navarro, coordinador de Divulgare, analizar “a perda de diversidade biolóxica que está ocorrendo en distintas zonas áridas da conca mediterránea” como consecuencia da expansión de especies de plantas asociadas á actividade humana”.

Segundo os membros do equipo de investigación, existe un tipo de impacto humano sobre as especies endémicas que ten pasado desapercibido e está relacionado coa expansión daquelas especies que se atopan cómodas asociadas ás actividades humanas, ás que os científicos denominan “ruderais e arvenses”.

Estas fan perigar a existencia de moitas especies nativas endémicas a través duns mecanismos difíciles de percibir sen un estudo detallado. Cando a desaparición das endémicas se produce por estes mecanismos, remarcan, “coñécese co nome de extinción invisible”.

O proxecto, de tres anos de duración, está financiado pola Fundación BBVA, nunha convocatoria, segundo Navarro, “moi competitiva, na que tan so se concederon cinco proxectos en todo o estado”, e na que priman as postas multidisciplinares e multi-institucionais.

José Mª Gómez Reyes, investigador da Estación de Zonas Áridas de Almería, explica que “no marco deste proxecto pretendemos estudar os efectos que están tendo algúns factores asociados ao ser humano na conservación de algunhas especies endémicas de plantas do sudeste ibérico”.

O proxecto desenvólvese en colaboración co CSIC, varias universidades e o Parque Natural de Cazorla, Segura y las Villas/ Duvi

De feito, toda a conca mediterránea está considerada como un punto quente de biodiversidade mundial polo elevado número de especies endémicas que alberga, pero son especialmente sensibles ao impacto de actividades humanas que modifican intensamente os ecosistemas terrestres, como a sobreexplotación dos ecosistemas con fins económicos, a contaminación derivada da agricultura, a gandaría ou os núcleos urbanos, o cambio climático, a introdución de especies invasoras ou o deterioro dos hábitats.

Todos estes condicionantes teñen sido amplamente estudados, non así os que provocan as extincións invisibles. Para coñecer con profundidade este proceso, o proxecto centrarase no estudo dunha planta de “ampla distribución e tremendamente abundante en zonas cultivadas de clima árido ou semi-árido” ao longo de toda a conca mediterránea, a Moricandia arvensis, que pode desprazar a outras especies nativas e do mesmo xénero, cuxa área é máis restrinxida.

Examinarase se a especie de ampla distribución despraza ás de área restrinxida, ben por competencia directa polo espazo, ben mediante a transferencia de organismos antagónicos ou por secuestro dos polinizadores.

“Ás veces”, remarca Navarro, “ocorre que o recurso floral habitualmente empregado por algúns polinizadores vólvese moi escaso e difícil de localizar fronte a outro recurso floral máis abundante, e nesta situación, os polinizadores, ante a dificultade para atopar as flores da especie nativa poderían optar por abandonar a interacción coas especies endémicas”.

Finalmente, os fenómenos de hibridación e introgresión das especies máis abundantes con especies xeneticamente emparentadas poden conducir tamén á perda de identidades xenéticas nas especies de área restrinxida.

Isto prodúcese se, cando unha especie de planta de área restrinxida comeza a hibridar con outra especie emparentada e de distribución máis abundante, os híbridos resultan máis vigorosos que os descendentes directos da especie endémica.

“Se isto sucede con frecuencia, pode conducir á perda da identidade xenética da especie máis vulnerable de distribución restrinxida”, subliñan os científicos.

En conclusión, “trataremos de contestar estas preguntas para tratar de entender mellor como está funcionando este universo do que nos estamos apropiando e así contribuír á conservación da biodiversidade de espazos tan singulares da paisaxe ibérica como son as zonas áridas e desertos”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...