InicioPolíticaAcusan a suposta oficina municipal de atención ás vítimas do Marisquiño de...

Acusan a suposta oficina municipal de atención ás vítimas do Marisquiño de ser “propaganda”

PUBLICADO O

O BNG mantivo a última hora da tarde deste mércores unha xuntanza cos representantes da Plataforma de Afectados do accidente do Marisquiño, impulsada pola Federación Veciñal. Ao encontro asistiron o candidato á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, o deputado Luís Bará e mais o responsábel comarcal do Bloque, Manuel Caride.

A reunión, na que participaron entre outros a presidenta da Favec, María Pérez, e o portavoz da Plataforma Julio López, tiña por obxectivo contrastar coas persoas afectadas e as súas familias o enfoque dos traballos da Comisión de Investigación sobre o accidente do Marisquiño aberta no Parlamento de Galiza.

“Escoitando de primeira man as persoas afectadas por un accidente sen precedentes na historia da cidade, resulta intolerábel comprobar como as 467 persoas que resultaron feridas e as súas familias padecen o abandono e o total desamparo por parte do Concello de Vigo, da Autoridade Portuaria e da Xunta de Galiza” denunciou ao remate do encontro o candidato nacionalista ás próximas eleccións municipais, Xabier P. Igrexas.

O Marisquiño 2018, antes do accidente / Miguel Núñez

Igrexas exixiu ás tres administracións implicadas, e especialmente ao Concello de Vigo, “que deixe de virar as costas ás persoas afectadas”: “A presunta oficina de atención municipal parece que foi apenas un xesto de propaganda. Unha farsa. As vítimas e as súas familias non están a recibir a atención nin a axuda que merecen e que por xustiza
lles deben brindar. É lamentábel que teña que ser o esforzo organizativo, sen apenas medios, dunha plataforma e mais da Federación Veciñal o único punto de apoio real”, explicou.

Neste sentido, o candidato “exixiu” que de maneira inmediata se ofreza atención psicolóxica a todas as vítimas que o precisen e que se ofreza plena asistencia legal.

“Desgraciadamente son moitas as vítimas que precisan atención psicolóxica despois de viviren unha experiencia tan traumática, e non é de recibo que desde o Sergas se atenda isto como se fose unha enfermidade común ou un problema máis. Son vítimas dun accidente que por fortuna non foi máis grave, pero que puido selo”, acrecentou.

Xabier P. Igrexas, candidato polo BNG á alcaldía de Vigo/ Miguel Núñez

No plano legal Igrexas considera “repugnante” que, segundo o relatado polas propias
persoas afectadas, o único asesoramento xurídico que recibiron na oficina municipal foi derivalas á aseguradora do evento e intentar persuadilas de que non denunciasen o Concello.

Pola súa banda, o deputado Luís Bará, que será o representante do BNG na Comisión de Investigación aberta no Parlamento de Galiza, comprometeuse diante das persoas afectadas a “defender que se investigue o que pasou até o final e caia quen caia”.

Bará informou á Plataforma de Afectados de que o Bloque demandará a comparecencia dos “principais responsábeis das tres administracións implicadas: Abel Caballero, Enrique López
Veiga e Alberto Núñez Feixóo”.

Xuntanza entre o BNG e a plataforma de afeCtados do Marisquiño/ BNG

Aliás, transmitiulles o compromiso da formación nacionalista de levar a voz dasvítimas e das súas familias á comisión para que “escoiten no Parlamento o relato de quen sufriu un gravísimo accidente nun espazo público da cidade de Vigo que puido acabar en traxedia”.

Bará lamentou tamén que a falla de cooperación entre administracións teña provocado a falta da mantemento dun espazo de acceso público “comprometendo a seguridade e arriscando vidas humanas”.

Con respecto da probábel negativa de Abel Caballero a comparecer na Comisión parlamentar, Bará considerou que sería “indefendíbel que o alcalde de Vigo non asista ao Parlamento para dar explicacións e achegar toda a documentación necesaria”.

En relación a esta cuestión, Pérez Igrexas expresou con rotundidade que a non comparecencia do rexedor sería “inxustificábel”. “Se se nega a responder a preguntas sobre un asunto tan grave como este o que ten que facer é dimitir porque non é digno de continuar á fronte do goberno da cidade”, remachou o candidato nacionalista.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...