Despois de tres días de folga e concentracións en Vigo, Pontevedra e Compostela convocadas e apoiadas pola CIG- Ensino, a Xefatura Territorial rectificou e aceptou algunhas das demandas do profesorado e alumnado da ESAD.
Nunha reunión celebrada o pasado venres entre a Dirección do centro e unha delegación da Inspección Educativa acadáronse tres importantes compromisos. En primeiro lugar, a revisión do cadro de persoal do centro, incrementándoo nunha praza e media, unha de Dramaturxia e media de Espazo Escénico. Isto supón a restitución da metade do profesorado que fora eliminado neste curso.
Recoñécense tamén as Titorías Docentes dentro do horario lectivo do profesorado cun mínimo de 3 horas. Na Escola xa viñan aplicando esa figura desde 2012 por mor da entrada no Espazo Europeo de Educación Superior, pois o crédito ECTS contempla non só a docencia directa senón tamén as actividades académicas complementarias, como titorías, especialmente necesarias na Educación Superior.
E, por último, a administración comprometeuse a relevar e substituír o inspector do centro con carácter inmediato, con data de 1 de outubro, “elemento fundamental para favorecer a convivencia entre a a comunidade educativa da ESAD e a administración educativa”, subliñan desde a CIG.
“Non acadamos todos os obxectivos demandados, nomeadamente a recuperación da totalidade do profesorado, mais temos que felicitarnos polo esforzo, a afouteza e a combatividade do profesorado e alumnado da ESAD”, recoñecen.
Quedan asuntos pendentes, comezando pola recuperación ao completo do cadro de persoal necesario e demandado polo centro e, por suposto, a adscrición á Universidade das Ensinanzas Artísticas Superiores.
Consideran que “malia non conseguir todos os nosos obxectivos, si demos un paso adiante fundamental na defensa dos dereitos do profesorado do centro e da calidade das ensinanzas de arte dramática no país”.
“Somos consciente de que o esforzo destas semanas, xunto con outros conflitos como o do IES de Brión, son o camiño a seguir fronte ás políticas de recortes da Consellaría de Educación e nesa loita sempre estará a CIG-Ensino”, selaron.