InicioCulturaA Universidade de Vigo premia aos seus artistas máis prometedores

A Universidade de Vigo premia aos seus artistas máis prometedores

PUBLICADO O

Os Concursos Universidade de Vigo’18 xa teñen gañadores. Ao longo das últimas semanas fóronse coñecendo as persoas gañadoras de cada unha das categorías convocadas: pintura, fotografía, creación audiovisual e maquetas de música.

En total entregáronse dez premios e a categoría dos traballos presentados levou ao xurado a conceder tamén catro accésits cos que recoñecer a valía daqueles proxectos que, pese a non ser premiados, teñen tamén un importante valor artístico.

En total repartíronse entre todos os premiados e premiadas preto de 6.000 euros cos que agasallar ao alumnado con máis inquietudes artísticas e alentalos a non deixar nun caixón as súas ideas máis creativas.

Marcos Covelo gaña o XVI Premio de Pintura

O premio de pintura, valorado con 1.500 euros, foi nesta ocasión para o estudante de doutoramento da Facultade de Belas Artes Marcos Covelo, por unha obra “Sen título”.

“O meu traballo parte da utilización de variadas estratexias creativas relacionadas coa apropiación, a posprodución e a seriación”, explica o artista, que fai fincapé en que, desde o inicio da súa práctica artística busca e recompila imaxes a través dos medios de comunicación e rexistros propios que, de maneira sistemática, ordena e clasifica por grupos.

Sin título (serie muritos monocromo)/ Marcos Covelo

Cristina Rubal e Arancha Álvarez, o XV Certame de Fotografía

No caso do certame de fotografía repartíronse un total de catro premios. Na modalidade Serie o primeiro premio, dotado con 600 euros, foi para Cristina Rubal polo traballo Reflejos de Luz, un proxecto baseado na fotografía dixital de fragmentos de nus femininos en branco e negro como medio para transmitir diferentes emocións e sensacións.

“É un traballo no que trato de romper coa clásica concepción do nu e deixar que o corpo se amose desde unha perspectiva máis desafiante”, explica a autora, estudante do Grao en Belas Artes.

“Nas imaxes os corpos están en tensión e isto vese potenciado polo forte contraluz das imaxes, o que a priori no espectador provoca unha certa sensación de incerteza e dá renda solta para que faga as súas propias interpretacións”.

1.º premio – Fotografía serie Reflejos de luz – Cristina Rubal Sánchez

No caso da modalidade de Fotografía Única o xurado outorgoulle o primeiro premio -400 euros- a “Inocencia” de Arancha Álvarez. Os segundos premios foron para Dennise Sánchez por Verde Monte Muerte, en serie fotográfica e Dimorfismo, de Anubis Muñoz, en categoría de fotografía única.

1º premio – Fotografía única Inocencia – Arancha Álvarez Brandón

Múltiples galardóns nos XVI Premios de Creación Audiovisual

En Creación Audiovisual, convócanse premios en catro categorías: curta narrativa, documental, vídeo experimental e animación. En curta narrativa decidiuse premiar co primeiro premio -600 euros- o traballo Estatus, unha historia de ficción e fantasía dirixida polo alumno de Comunicación Audiovisual Ricardo Araújo, cara máis visible dun equipo composto por nove estudantes desta titulación e protagonizada polos actores Fernando Tato, Susana Sampedro, Fran Paredes, Laura Ponte e Diego González.

Premiada tamén no Festival FIC Bueu (Mellor curtametraxe de escolas e facultades 2018) a curta “conta a historia dunha familia poderosa que se ve obrigada a tomar unha decisión que pode marcar a súa posición dentro dunha sociedade distópica, gobernada por un sistema controlador, na que ninguén pode ocultar a característica máis esencial do seu ser, o seu estatus”.

Captura de Estatus, primeiro premio da Modalidade Curta Narrativa dos XVI Premio de Creación Audiovisual

En Documental o primeiro premio foi para Metralla de Noemí Parga, e declarouse deserto o segundo, ao igual que aconteceu co primeiro e segundo premio da categoría de animación, se ben o xurado decidiu outorgar un accésit ao traballo El pasillo de papel de Noa Castro, pola súa coherencia estética en relación aos referentes fundacionais da técnica de animación Pixilation, e outro a Hijo de la luna, realizado por un equipo de catro alumnos, e do que destacaron o tratamento do relato mediante os recursos visuais.

  • Na modalidade experimental recibiu o primeiro premio En verso de Cristina Garre e quedou deserto o segundo. A maiores recibiron cadanseu accésit: Metamorphosis, de Isaac González e Alba Domínguez, “por expoñer a complexidade dun concepto difícil de definir a través dunha lograda formación visual baseada na percepción emocional”, e Latexos, de Aitor Víctor Fernández, “pola capacidade de expoñer unha constante sorpresa e pola presenza dun orixinal tratamento da luz”.
2.º premio – Fotografía serie Verde Monte Muerte – Denise Sánchez Vaccarello

No Premio de Maquetas de Música, que este ano acadou xa a súa décimo sexta edición, premiouse o traballo Projets by Laura, da estudante de Dereito Laura Cordeiro. “É un proxecto no que falo, en boa medida, de experiencias vividas maioritariamente hai dous anos: amor, ansiedade, un ano de estudos en Inglaterra…”

“A inspiración veume, ademais de por historias que vivín en primeira persoa, por cousas que lle pasan ao meu círculo máis próximo e que me serven para crear unha historia e escribir a canción”, explica a estudante, ao que engade que espera, en non moito tempo, poder falar do seu propio álbum.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...