InicioSociedadeChineses e galegos, máis semellanzas que diferenzas: Orixe rural, emigración e traballo...

Chineses e galegos, máis semellanzas que diferenzas: Orixe rural, emigración e traballo duro

PUBLICADO O

A República Popular China é o país máis poboado do mundo, con más de 1300 millóns de habitantes, e a primeira potencia económica mundial por PIB. Por estes dous datos, as probabilidades de que as e os futuros titulados da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da UVigo se relacionen nalgún momento con profesionais e empresas dese país non son poucas.

Tendo en conta esta circunstancia, a devandita Facultade organizou este martes unha conferencia na que os estudantes tiveron a oportunidade de achegarse á cultura do xigante asiático. A conferencia, que levou por título Diferenzas culturais e empresariais entre China e Galicia, foi ofrecida por Modesto Corderí, xefe do Departamento de Chino da Escola Oficial de Idiomas de Ourense.

Nela amosou ás persoas asistentes como “os galegos somos os chineses de España”, afirmando como “temos moitas máis cousas en común que diferenzas”. Entre esas cousas en común, o profesor apuntou cuestións como a orixe rural, a historia de emigración ou “como somos traballadores e aforradores coma eles”.

Con humor, tamén salientou como chinos e galegos comparten “dicir as cousas de xeito indirecto e non definirnos para evitar o conflito”. Isto provoca, apuntou cun sorriso, que “un diálogo entre un chinés e un galego pode chegar a ser moi interesante” pois, recalcou, “ambos somos moi moi desconfiados”. En todo caso, durante a súa intervención o relator fixo fincapé en como “somos máis parecidos do que cremos en principio”.

Celebración do Ano Novo chino en Barcelona/ Photopin

Entre as diferencias a ter en conta á hora de relacionarse empresarialmente con China, Modesto Corderí salientou como “nós queremos facer todo moi rápido, eles non” e como “os contratos para nós teñen unha validez como se estivesen escritos en pedra e para eles é máis ben unha declaración de intencións, o que nos obriga a nós a ser máis flexibles”.

En relación con isto apuntou tamén como “moitos tratos fanse en ceas e comidas”, e que “hai unha xerarquía moi importante para eles”. Tamén destacou entre as diferenzas como en China as e os estranxeiros son moi ben recibidos cando aquí “somos bastante pechados cos que veñen de fóra”.

Corderí salientou a importancia de que o alumnado se achegue á cultura chinesa porque cando empece a traballar é probable que a empresa na que o faga compre ou venda en relación con empresas chinesas, polo que subliñou “hai que coñecer con quen nos relacionamos, entender como pensan, como se fan as cousas alí, aprender a colaborar con eles”.

Así, ao longo da súa intervención, o relator fixo un achegamento ao xigante asiático desde diferentes perspectivas, amosando aos participantes desde como saudar en chinés ou coñecer o mapa deste país ata datos históricos de relevancia, como por exemplo como a apertura económica desta república popular chegou nos anos 70 de man de Deng Xiao Ping.

Modesto Corderí e Elena Rivo, durante a conferencia / Duvi

A evolución tan grande vivida polo país desde entón ocorreu en tan pouco tempo histórico, sinalou, que aínda “temos unha imaxe moi antiga de China”. Como exemplo da rapidez desta evolución, o relator lembrou como cando el chegou a Beijing no ano 2006 había na cidade tres liñas de metro e como cando a deixo en 2016 era xa máis de 20.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...