O vigués Antonio Serrat, subcampión na Copa do Mundo de Tríatlon

Antonio Serrat, durante unha competición internacional/ International Triathlon Union

Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou este mesmo sábado a prata na Copa do Mundo de Tríatlon celebrada en Weihai (China), facendo unha proba excepcional e acadando o seu mellor posto nunha proba da Copa do Mundo. Pola súa banda, Uxío Abuín, que partía como defensor do título nesta proba, non puido rematar.

Serrat estivo ben colocado e atento durante toda a proba. Na natación saíu no primeiro grupo, con Dimitry Poliansky á cabeza. Na bicicleta formouse un grupo amplo de algo máis de 20 unidades, no que houbo varios intentos de escapada –Serrat tamén o tentou-, pero
finalmente non callou ningunha delas e chegaron a segunda transición case xuntos.

No inicio da carreira a pé formouse un grupo de catro triatletas en cabeza, formado por Serrat, o británico Alex Yee, o noruegués Gustav Iden (vencedor da Copa do Mundo de Lausanne 2018, bronce na Serie Mundial de Bermuda este ano, noveno en Abu Dhabi) e o alemán Lasse Lührs, que marcaban un ritmo “endemoniado”.

O galego sabía que tiña que aguantar o ritmo e estar atento a posibles escapadas e así o fixo. Ata que na última volta atacou o noruegués e Serrat non puido responder a este estirón, polo que Iden puido marcharse en solitario cara a liña de meta e vencer así cun tempo de 1:53:11.

Por detrás quedaba un trío que ía a loitar pola segunda posición, e nos metros finais Serrat foi o máis rápido para acadala (1:53:26) por diante do británico Alex Yee (1:53:30), que destaca precisamente na súa faceta de corredor. Pola súa banda, Uxío Abuín abandonou o segmento da carreira a pé. O galego chegaba a esta proba con problemas nos isquios e nesta ocasión non aguantou máis.

A Copa do Mundo de Weihai dispútase sobre a distancia olímpica e nun circuíto bastante esixente, principalmente no sector de bicicleta, aínda que aos nosos deportistas parece que se lles da bastante ben, xa que o pasado ano Uxío gañou e Serrat foi bronce.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here